As Residencias Artísticas no Gaiás incorporan as artes dixitais

A convocatoria apoiará seis propostas creativas con 8.000 euros cada unha

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:
Un dos proxectos das anteriores Residencias Artísticas no Gaiás. Fonte: Xunta de Galicia

Un dos proxectos das anteriores Residencias Artísticas no Gaiás. Fonte: Xunta de Galicia

O Diario Oficial de Galicia deste 23 de abril fixo pública a convocatoria das cuartas Residencias Artísticas no Gaiás (Rega). O programa da Xunta para apoiar novas propostas creativas oferta nesta ocasión seis axudas dotadas con cadanseus 8.000 euros. Como novidade, a convocatoria ábrese a proxectos de artes dixitais.

Segundo sinala o Goberno Galego, esta incorporación "parte da aposta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude por dar impulso ao talento galego nunha área cun enorme potencial de desenvolvemento e gran demanda por parte do público". Como exemplos de proxectos que poden optar a estes apoio cita "experiencias inmersivas e interactivas, obras baseadas en procesamento de datos, ou videomapping".

Canda a esta disciplina poderán presentarse á convocatoria proxectos de artes visuais, escénicas, musicais, deseño ou artes dixitais, e valoraranse especialmente iniciativas que aposten polo "enlace con outras disciplinas non recollidas nestas bases". No caso de artes escénicas, concederanse un máximo de dúas axudas.

Ademais do apoio económico, as persoas beneficiarias contarán cun espazo para traballar no seu proxecto durante un período de entre tres semanas e mes e medio nas instalacións da Cidade da Cultura. Ademais, disporán de recursos técnicos e humanos e contarán co acompañamento dunha persoa mentora experta na área creativa á que se vincule a proposta.

Que che parece esta nova?
78 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Gaiás, Xuventude, Artes Escénicas, Artes Visuais...