A Agadic destina 300.000 euros á "aceleración cultural no ámbito das artes escénicas"

O DOG publica esta convocatoria de axudas con liñas para apoiar a formación e os investimentos das empresas do sector

O Diario Oficial de Galicia deste 29 de maio publica a convocatoria de subvencións "para a aceleración cultural no ámbito das artes escénicas". Esta liña de axudas, dotada con 336.000 euros, está financiada integramente con fondos NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea. A convocatoria da Axencia Galega das Industrias Culturais pretende "contribuír á consolidación e transformación das industrias culturais e creativas no ámbito das artes escénicas estimulando a profesionalización empresarial".

Segundo anunciou a Agadic, esta nova proposta pretende apoiar ata dez proxectos "que doten as entidades subvencionadas das ferramentas necesarias para mellorar as súas habilidades emprendedoras e financeiras no marco das industrias culturais". Entre outros obxectivos, o DOG lista a intención de "acelerar o crecemento do tecido empresarial e profesional das ICC" (Industrias Culturais e Creativas), "impulsar a transformación á cultura dixital e a incorporación de novas tecnoloxías nas ICC", "favorecer as interconexións entre as ICC e destas con outros sectores económicos" e "mellorar o acceso ao financiamento" deste sector.

A convocatoria está dirixida a persoas autónomas, microempresas e pequenas e medianas empresas do sector dedicadas ao "teatro, en calquera das súas manifestacións, de danza e artes do movemento, de circo e de maxia". As mesmas poderán optar a axudas de ata un máximo de 42.000 euros e un 80% dos gastos para unha liña de accións de aceleración e outra de investimentos na súa actividade. Os fondos da convocatoria para 2023 son de 80.000 euros, mentres para o vindeiro ano distribuiranse os restantes 256.000 orzamentados.

A primeira destas liñas cobre propostas de "acompañamento ás empresas, formación, mediación, incubación ou mentoría en materia de comunicación, márketing, internacionalización ou financiamento" así como a "participación da empresa en xornadas, obradoiros e seminarios".

A segunda liña de apoio está orientada a investimentos e financiará a "apertura de novas liñas de negocio e/ou novos mercados" a cubrir gastos como "os servizos profesionais necesarios para o deseño da idea e nova liña de negocio, así como aqueles servizos profesionais que contribúan á súa configuración e lanzamento: estudos de mercado, plan de márketing e comercialización, establecemento de sinerxías con outras empresas do ámbito cultural e creativo etc".

Esta liña tamén se destina a apoiar a transformación dixital das firmas do sector "os gastos vinculados á dixitalización e aplicación de novas tecnoloxías á actividade principal, ben sexa en produto ou servizo, conectividade, integración de tecnoloxía dixital, big data, adopción de medidas de desenvolvemento sustentable e impacto ambiental positivo, e outros investimentos en activos materiais que revertan na organización impulsando a súa aceleración".

Dentro dos criterios para a concesión destas axudas, a Agadic priorizará propostas de empresas de recente creación e aspectos como "a estabilidade do persoal contratado, a xeración de emprego feminino, de menores de 30 anos e de persoas con discapacidade, o uso da lingua galega, a existencia previa dun plan de negocio ou a viabilidade, sustentabilidade ou potencial crecemento do proxecto".