Viñetas desde o Atlántico reivindica a linguaxe do cómic como medio de comunicación

Os superheroes xa están aquí

O “Barco da memoria”, que está estes días na Coruña, achega as historias de vida dalgúns galegos represaliados despois da Guerra Civil, evidencia que calquera espazo é bo para lembrar a historia. Pero non é único medio para comunicar, esta edición de “Viñetas do Atlántico”, o salón da banda deseñada da Coruña, centrase en reivindicar o papel expresivo das historietas. Chega o cómic máis social.

“Esta edición do salón ten dúas vertentes. Por un lado, os superheroes e polo outro, o cómic apegado ao social”. Deste xeito Miguelanxo Prado, director desta cita anual coa Banda Deseñada, presentou o programa dunha feira que abriu as portas o pasado luns e que conta con máis espazos expositivos. A Casa dos Peixes súmase ao Kiosko Afonso, Palexco, pazo municipal de María Pita, Duran Loriga e á sede do COAG, acollendo unha exposición na que as historietas que se amosan están relacionadas co medio mariño. Esta mostra estará aberta ata setembro.

Cadrados da historia
O cómic é moito máis que unha historieta simpática, ou un traballo artístico a nivel gráfico, goza dunha faceta comunicativa privilexiada que moitas veces pasou desapercibida. Este ano, a espiña dorsal de Viñetas pretende incidir na linguaxe do cómic como medio de expresión, e polo tanto de comunicación. Por iso, moitas das exposición que se poden ver na Coruña teñen historias por detrás.

En pleno Ano da Memoria, o pazo de María Pita acolle unha exposición titulada “A guerra de papel. Os tebeos e o cómic durante a Guerra Civil”. Nela recóllense as historietas de dúas publicacións que teñen de peculiar que eran os tebeos de cada un dos bandos que se enfrontaron na Guerra Civil que serviron como difusión dos intereses de cada un dos bandos do réxime. Pero non será a única, a nosa historia recente tamén estará presente a través da personaxe“Martinez, El Facha” un falanxista trasnoitado creado polo debuxante Kim para a revista “El jueves” que é incapaz de aceptar que a España na que vive xa non é a do dictador Francisco Franco. Ademais, a personaxe de Martínez incorpórase ao elenco de figuras de cartón pedra que locen estes días polas rúas coruñesas. Por último, o Kiosko Afonso tamén recolle o traballo de Ángel de la Calle. Hoxe é mais coñecido por ser o subdirector da Semana Negra de Xixón e director das Xornadas do Cómic Vila de Avilés pero nos anos da transición estivo moi vencellado ao underground e colaborou en revista como Rambla ou Cómix Internacional.

O cómic social
Ao lado da historia colectiva que nos afecta a todos, hai múltiples historias de xente anónima e de persoas individuais que axudan a perfilar e a darlle profundidade aos grandes trazos. Estas pequenas historias son as que recollen algúns debuxantes que forman parte diso que os expertos chaman “cómic social”. Un exemplo é Frederik Peeters, que coa súa coñecida obra con trazos autobiográficos “Pílulas azuis” (2001) afrontaba o tema da SIDA; ou Guy Delisle, un canadense afincado en Francia e autor “Shezhe”, un álbum no que contaba unha experiencia de tres meses en China e que foi considerado pola revista “Cómic Journal”, un dos cinco mellores albumes editados en Europa en 1991. A obra de ambos autores pode verse no Kiosko Afonso.

Os superehores
Á par do aspecto máis comunicativo e, por ende, social da banda deseñada, hai outros protagonistas nesta edición de “Viñetas desde o Atlántico”. Son os superheroes, as personaxes creadas pola banda deseñada que hoxe viven unha nova etapa dourada grazas a que industria cinematográfica leva á gran pantalla as súas historias. Os orixinais dos creadores dalgunhas das personaxes máis sonadas e máis lidas están estes días na Coruña.

Comezamos falando do debuxante norteamericano Brent Anderson, un dos pratos fortes desta edición e autor na novela gráfica “X-Men”, “Dios ama, el hombre mata” ou a serie “Astro City”, unha das series máis coñecidas dos anos noventa e que retrata unha América de ficción, onde os superheroes existen desde o século XIX. O seu traballo compartirá espazo coa obra do croata Asad Ribic que fixo portadas e números para series como “Lobezno” ou “X-Men”. Tanto Asad como Brent están a renovar o mundo dos superheroes explicando como conseguen que esta temática interese ao público fiel e atraia a máis adeptos tras máis de medio século de existencia. Os seus traballos poden verse no Kiosko Alfonso mentres que no Palexco, o pazo de congresos sito na zona portuaria, estarán os orixinais do norteamericano Bruce Timm. Traballou na Marvel e desde 1989 faino na Warner Bross, factoría na que creou e produciu a arquicoñecida e premiada serie de animación “As aventuras de Batman” que foi estreada en 1992.

Os portafolios galegos
Pero Viñetas é, por riba de todo, o salón da banda deseñada galega polo que non é de estrañar que un dos puntos fortes é ver as presentacións dos creadores do país. Os dous motores do cómic galego: Polaqia e BD Banda non podían faltar a esta cita. Polaqia presenta o último número (o 8) de Barsowia, un exemplar no que participan case todos os membros do colectivo, que inclúe ademais, mostras dos colaboradores habituais dos EEUU, Francia, Portugal e Holanda. Por outro lado, BD Banda aproveita este salón para darlle saída aos seus últimos albumes (Colección BD Banda: Detectives Audaces de Josep Beroy e Vilaverzas de Miguel Robledo) e, de paso, contribuír á normalización do sector a través do merchandising promocional (coas chapas-marcadores de Fiz nos Biosbardos).