A observación astronómica preséntase como unha posibilidade coa que complementar a nosa oferta turística

TURISMO CARA B: Coa ollada no ceo

Para alén dos atractivos da nosa terra e mais do mar, o ceo que temos sobre Galicia tamén presenta as súas posibilidades para o ocio. Deportes aéreos á parte, a observación das estrelas e de diferentes fenómenos astronómicos é unha posibilidade que se pode abordar desde moitos dos nosos montes, e é que por algo remata no noso país a Vía Láctea...

A priori, para ollar o ceo pola noite o mellor é contar cun lugar elevado ao que non cheguen as luces de poboacións achegadas. As grandes extensións de zonas sen urbanizar e a ampla cantidade de cumios que cobren o país son a priori factores a considerar a prol dun turismo de corte astronómico. Pola banda negativa, o tempo e a contaminación provocada pola luz contan como factores negativos. "Sen pecar de chauvinismo, Galicia non é o mellor sitio tanto por condición metereolóxicas como por contaminación lumínica", recoñece Xan Carlos Medal, técnico do Planetarium da Casa das Ciencias. "Tendemos á fachenda de iluminar de mais os edificios senlleiros e lanzar as luces ao ceo, e non hai aínda moita cultura de apagar luces. Logo a nivel climatolóxico tendemos a ter brétemas nos horizontes polas zonas de mar", apunta, sen contarmos é claro, coas nosas características chuvias. "De calquera xeito, tampouco é dos peores sitios", recoñece.

Saír a ollar o ceo
Con vantaxes e desvantaxes, a afección a astronomía leva xa anos a calar fondo no noso país, con varias e activas agrupacións de afeccionados que traballan por difundir esta posibilidade de ocio. "Cando hai unha efeméride, como poden ser as Perseidas, agora a mediados de agosto,é unha ocasión estupenda para facer astronomía na rúa e convocar xente, por exemplo nas praias, animando a xente a ir cunha hamaca, un termo e un bocata ou un cubata e unha prenda de abrigo", apunta Medal, que asegura que este tipo de propostas conseguen unha grande aceptación. "En xeral son un éxito de público, chéganse a reunir duascentas persoas para observar Marte", sinala, "e en xeral a xente reclama novas actividades".

Capital humano
De cara a potenciar as posibilidades de engadir a astronomía á nosa oferta turística, este coñecedor do ceo salienta o grande capital humano que existe no país dentro das asociacións dedicadas a este ámbito: "Son xente que teñen habilidade para divulgar, non teñen mentalidade de profesores. Algúns mesmo propoñen mesturas de astronomía e de gastronomía, fomentan a curiosidade e a xente non se aburre", apunta.. Para alén das accións destinadas a diminuír a contaminación lumínica, sinala como necesidade potenciar e darlle publicidade ás actividades de divulgación. "Habería que tentar coordinar todas as iniciativas que se están a facer de xeito afeccionado para conseguir o máximo de rendibilidade. Podería haber moita máis xente se non houbese tanto descoñecemento da oferta".

As posibilidades para ver estrelas son moitas: O Courel, os Ancares, o Xistral... practicamente calquera monte no rural galego ofrece as súas oportunidades. É cousa de ir tomando nota, cando se fai calquera visita a un destes lugares, de que tal se ven as estrelas, e quedarse co detalle por se algún día apetece voltar só para facer unha observación de como pasa un cometa, hai un eclipse, ou caen as Perseidas ou Bágoas de San Lourenzo...


ONDE IR:

Estrelas enlatadas: O planetarium da Coruña

Sen ter que se desprazar a lugares afastados e a calquera hora do día. O Planetarium da Coruña achega a posibilidade de coñecer polo miúdo os recantos do universo sen moito esforzo. Cada último sábado de mes organízanse actividades didácticas que adoitan completar un aforo que rolda as oitenta persoas.

Web do Planetario


No centro da cidade: O observatorio Ramón María Aller

No medio do Campus Sur da Universidade de Santiago un inconfundible edificio con dúas cúpulas alberga o principal observatorio que existe no noso país. Aínda que orientado fundamentalmente á actividade académica, este espazo é escenario de cursos e de propostas abertas ao público en datas puntuais como eclipses ou as visitas dalgún cometa.
Web do observatorio


O noso tema sobre
http://www.culturagalega.org/temadia_arquivo.php?id=2332


Un proxecto: O Monte Cádavo

Desde a Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra, teñen claro cal é o enclave idóneo no que poderían emprazar un observatorio. Trátase do monte Cádavo, en Cotobade, unha elevación non moi distante da cidade desde a que se ten acceso a un bo horizonte pouco contaminado pola luz. Este colectivo desenvolve aquí de xeito habitual observacións ao longo do ano.
Web do Concello de Cotobade;
Toda a información sobre a Asociación e o monte
neste web


O observatorio do amador: Coto de Zarragrande

Todo un señor observatorio, cun telescopio de 40cm de diámetro este que se encontra en Vila de Cruces. A orixe está no interese do veterano Xosé Vázquez Caruncho un afeccionado autodidacta da astronomía que organiza de xeito periódico actividades para difundir o interese polos fenómenos do ceo.

A historia de Vázquez Caruno no
blog de Dorvisou
.
Máis sobre o observatorio no
web de Agader


Onda a Coruña: Monte Salgueiro e o Castro de Sameoedo

Cita habitual dos afeccionados herculinos, o Monte Salgueiro permite unhas amplas vistas. "Ten unha parte un pouco contaminada polo horizonte de Alvedro", advirte Medal. Se non convence de todo este lugar, pódese tentar nas proximidades de Sada. "Aínda que as zonas de costa non son habitualmente moi boas, onda o Castro de Samoedo hai valgadas nas que te podes agochar un pouco do horizonte e ter boa visión".

web do Concello de Sada

Máis sobre Monte Salgueiro no web da Deputación da Coruña
web da Deputación da Coruña