A busca de tesouros pode ser unha escusa axeitada para visitar paraxes naturais destacadas no noso país

TURISMO CARA B: O Ciprianiño XXI

Hai uns séculos, había unha caste de visitantes que percorrían o noso país na busca de tesouros. Maioritariamente ían armados con algunha das versións do "Ciprianiño", unha curiosa guía máxica que, entre outros contidos, achegaba vagas indicacións sobre como atopar riquezas agochadas baixo o chan galego. Agora, en pleno século XXI, outros visitantes veñen buscar os tesouros que se agochan nos nosos montes, agora armados cun GPS.

A idea chámase Geocaching, e é un entretemento nacido en Internet no ano 2000 que propón buscar tesouros a partir das coordenadas de das pistas que se deixan na rede. Os buscadores, armados cun GPS que lles permite localizar a súa posición, percorren montes e lugares afastados para localizar os obxectos que deixaron previamente outros internautas. Normalmente o valor destes tesouros é anecdótico, con obxectos coma navallas, chisqueiros ou algún libro, e pídese aos descubridores que deixen unha peza a cambio da que leven, así coma que poñan un saúdo no libro de visitas asociado a cada tesouro. Ao final, o importante no Geocaching é gozar coa busca e cos paraxes naturais nos que se desenvolve. De feito é bastante habitual que os tesouros se agochen en espazos espectaculares e emblemáticos, e o respecto ao contorno, tanto para esconder como para descubrir, é unha das premisas básicas desta iniciativa.

Buscadores galegos
A pesar do pouco tempo de vida con que conta esta iniciativa, as cifras da xente que mobiliza son respectables. Hai arredor de 300.000 tesouros distribuídos agora mesmo por máis de 220 países. En Galicia, o número de bens deste tipo agochados rolda os cincuenta. Segundo explica Alfonso Arístegui, un dos principais promotores desta actividade no Estado, "Galicia é un sitio onde están aumentando bastante os participantes. Polo momento onde máis se encontran é en Cataluña, Andalucía e Canarias, onde hai bastantes estranxeiros. Logo está Madrid e despois xa Galicia e outras comunidades cunha media de entre corenta e sesenta tesouros". En canto a xente, hai arredor dunha trintena de galegos rexistrados na páxina oficial desta iniciativa, pero debemos ter en conta que moitos dos buscadores son foráneos, polo que a actividade real no noso país e bastante superior.

Visitantes de tesouros
As posibilidades do Geocaching para potenciar o turismo son importantes, segundo asegura Arístegui, que está a desenvolver o web hispano para esta iniciativa. "Hai moitos estranxeiros que veñen e planifican as súas vacacións a partir do xogo, buscan zonas que lles poidan interesar e organízanse neste sentido. Moita xente esconde tesouros e vai poñendo pistas que constitúen auténticas rutas turísticas". Arístegui está tamén iniciando unha proposta que vencella turismo monumental e natural co Geocaching, de xeito que ademais de visitar un lugar, os interesados poidan ir seguindo pistas por el ata atopar o tesouro. "Queremos tamén involucrar nisto grupos de afeccionados á montaña e de actividades de tempo libre", sinala.

Valor engadido á paisaxe
Algunhas das paraxes máis emblemáticas do noso país teñen o engadido de contar nalgún recanto cun tesouro agochado. Aínda que o lugar onde se agochan os tesouros depende completamente de quen o pon en marcha, "moita xente escóndeos en sitos bonitos e especiais para compartilos con outra xente", lembra este buscador. "En Estados Unidos hai xa moitos tesouros e o mesmo lle das unha patada a un farol e aparece algún, pero aquí a calidade dos lugares e o empeño que pon a xente para os agochar son bastante altos", sinala. Dalgún xeito, e dado o escaso valor dos elementos agochados, os "caches" ou tesouros funcionan como escusas idóneas para visitar un lugar e permiten en ocasións coñecer recantos que doutro xeito pasarían completamente desapercibidos. Detrás da rocha con forma revirada, a corenta pasos, debaixo do carballo grande...



ONDE IR:

Estas indicacións son unicamente de lugares onde se atopan tesouros. Para os buscar. con coordenadas e pistas, cómpre rexistrarse en www.geocaching.com


A Cruz do Monte Xiabre, Vilagarcía
Considerado un dos mellores lugares para ollar a paisaxe das Rías Baixas, o Monte Xiabre conta ademais cun tesouro agochado. Desde a súa cima pódese comprobar, se o día está espellado, como se corresponde o perfil da costa galega co que se ve nos mapas, e mesmo boa parte do relevo interior do noso país.

O Monte Xiabre na Wikipedia

A fin da fin do mundo, Fisterra
As rochas máis próximas ao mar no Cabo Fisterra dan acubillo a un dos tesouros de Geocaching. Un convite para saír da estrada e se mergullar aínda máis na paisaxe. Este é un dos tesouros, a tenor da cantidade de comentarios, máis encontrados de Galicia, evidentemente o contorno chama.

O Cabo Fisterra no web do Concello


O tesouro de Baroña, Ribeira
Nas proximidades dun faro, con vistas ao coñecido Castro de Baroña e á praia do mesmo nome agóchase un pequeno tesouro. Localizalo esixe seguir un bo lote de pistas e aliñar elementos da paisaxe... Os seus descubridores salientan a beleza da zona, e entre eles encóntranse uns viaxeiros que aproveitaron un percorrido desde Bilbao a Pontevedra para descubrir 26 destes pequenos achados.

Un web persoal sobre o contorno de Baroña


Onda o grande tesouro, Rande
Unha curiosa ironía. No fondo da Ría de Vigo, a carón dun dos lugares que en teoría acolle o maior tesouro que existe no noso país, o dos galeóns de Rande, está tamén un dos pequenos agasallos do Geocaching. A vistas de toda a Ría e mais da ponte de Rande desde o Coto Fenteira son o verdadeiro achado para moitos dos buscadores.

Máis sobre Rande na Wikipedia


Agochado na natureza, Illas Cíes
A máis meridional das Illas Cíes é a primeira deste arquipélago que conta cun tesouro agochado. Por se aínda facían falla razóns a maiores para visitar esta parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Paseo por onda un bosque e elementos etnográficos incluídos na busca.

As Cíes en Turgalicia