As posibilidades turísticas das ruínas militares que se conservan en Galicia permanecen sen descubrir

TURISMO CARA B: Segredos militares

Quilómetros de túneles subterráneos e escuros. Construcións de aspecto estraño e finalidade descoñecida. Zonas que durante anos foron de acceso restrinxido en paraxes remotos. Galicia está inzada de ruínas de antigas instalacións militares de diferentes épocas (e exércitos) que atraen visitantes aos que lles gusta percorrer estas curiosas edificacións.

Baterías costeiras do exército español cos canóns aínda no seu lugar. Antenas de radio instaladas polo nazis. Unha base do exército americano dedicada á vixilancia do Mar Cantábrico. Campos de tiro. A variedade de instalacións militares que hoxe se conservan no noso país en estado de abandono é verdadeiramente ampla. José Cadaveira é un dos maiores coñecedores deste ámbito en Galicia, xa que leva anos a visitar estes espazos e é autor dun exhaustivo web onde amosa fotografías de moitas instalacións e explica como chegar a elas. A afección venlle da súa infancia en Londres, onde o seu avó o levou a coñecer refuxios antiaéreos da II Guerra Mundial. "Eu tería como dez anos, e xa daquela me chamaban a atención estruturas abandonadas, naves... penso que vén todo daquela época e das historias que me contaba o meu avó, e que me leva a fascinación polos sitios baleiros, polo abandono e o deterioro e o encanto asociado que teñen eses lugares".

Unha afección internacional
Aínda que a priori estes non semellan lugares atractivos para un turismo masivo, existe en moitos países unha ampla afección por ver este tipo de lugares. "Chamáselle espeleoloxía urbana", explica José Cadaveira, "e hai lugares onde lles tiran proveito económico a estas historias. En Inglaterra teñen visitas guiadas polos subterráneos, tamén en Berlín teñen unha asociación con revista propia". Mesmo en lugares coma Normandía, onde se conserva unha boa cantidade de búnkeres da II Guerra Mundial, supón unha importante fonte de ingresos. "Alí teñen museos, restaurantes, e iso move millóns de persoas e de euros", sinala. Segundo el, Galicia presenta grandes posibilidades neste sentido. "Aínda que Galicia nunca estivo en conflitos bélicos ten moitísimo potencial neste sentido", asegura, "vendo o que hai, penso que se poderían facer moitísimas cousas cun pouco de imaxinación, pero cada ano estes sitios están peor e parece que non hai trazas de nada, e é unha pena". Pode parecer que en Galicia non temos moita xente con estes intereses, pero este explorador das ruínas asegura ter recibido nos cinco anos que leva en marcha o seu web centos de correos, "quizais máis do estranxeiro que de aquí, pero moitísima xente, que tamén me preguntan se hai asociacións montadas".

Legalidade e historia
A respecto sobre a legalidade do acceso a este tipo de lugares, instalacións militares ao fin e ao cabo, Cadaveira teno claro: "As que están abertas son legais, a maior parte das que hai levan dez ou vinte anos abandonadas. Mesmo teño encontrado a Garda Civil en moitos sitios e me indicaron que podía ver. Non hai ningún problema legal". Aínda que nalgúns casos os terreos continúan na propiedade do exército, maioritariamente estes espazos están en mans municipais. O feito de contarmos cunha cantidade importante de ruínas militares de época recente responde a un proceso de modernización do exército español. "A finais dos 80 optouse por clausurar estas cousas porque xa non era rendible, as posicións fixas non eran viables dentro o exército tendo unha ducia de cazas en Madrid que poderían chegar aquí en menos tempo do que se tardaría en poñer en marcha canóns como os que hai en San Pedro, na Coruña".

Recomendacións
Á hora de se achegar a calquera destes lugares cómpre ter en conta unhas mínimas medidas de seguridade. Ao fin e ao cabo estanse a visitar ruínas, construcións con materiais degradados e que a miúdo agochan ocos ou saíntes perigosos. "Ante todo hai que empregar a cabeza. Non ir só a sitios que non se coñezan, no caso de ir só a algún destes lugares deixar aviso de onde se vai ir, levar unha lanterna se te vas meter nalgún sitio, o teléfono móbil, roupa e calzado axeitados, asegurarse do estado dos teitos e do chan e non se meter nun túnel pensando só que se aguantou ata o momento vai seguir a aguantar", explica. Nos seus anos de exploracións, afortunadamente non ten anécdotas desagradables que contar. "En todo caso unha vez que nun túnel da Quinta Batería na zona de Ferrol encontramos un boneco que alguén fixera con osos de cabalo, de tres metros de alto por dous de ancho, e case me dá un infarto. Supoño que aínda estará alí, eu non voltei baixar."

Outras épocas
As posibilidades deste tipo de turismo amplíase de considerarmos construcións militares anteriores ao último século. As fortalezas do Miño ou os coñecidos castelos da Palma e de San Felipe na entrada da ría de Ferrol, son exemplos de construcións militares do século XVIII. Se aínda nos remontamos máis, os restos de castelos medievais abondan por todo o país e ata podemos encontrar en Lobios a pegada de Aquis Querquennis, un antigo campamento militar romano.

ONDE IR

Base de Control Aéreo Americana, Bares

En Estaca de Bares, visibles desde o faro, localízanse toda unha serie edificacións de planta baixa, varios depósitos de combustible, un recinto valado. É o que resta da antiga base do exército estadounidense que desde os anos sesenta estivo a operar nesta remota zona da Península. "Existe a lenda famosa de que debaixo había unha base de submarinos nucleares", lembra Cadaveira, "pero diso non hai nada. Aínda funcionou ata a primeira Guerra de Irak, e foi aí cando se abandonou". Historicamente a función deste espazo era controlar, antes da época dos satélites, a navegación aérea e marítima por todo o Mar Cantábrico. Aínda se poden recoñecer no lugar as oficinas, o taller mecánico, as salas de radiofonía, os cuartos con moqueta, os baños, as cociñas, as salas frigoríficas e mesmo unha pista de baloncesto co seu deteriorado parqué.

A ficha da base no web de Cadaveira


As Torres de Hitler, Cospeito
Un dos restos militares modernos que acadou máis notoriedade nos últimos meses foron as antenas do denominado CONSOL, en Cospeito, logo de que unha destas construcións caese durante un dos últimos temporais. Coñecidas localmente coma "As torres de Hitler" trátase de tres grandes construcións metálicas instaladas nada menos que pola Alemaña nazi durante a Segunda Guerra Mundial. A súa función era facilitar a navegación aérea por toda a área do Golfo de Biscaia, emitindo un sinal de radio que permitía aos avións localizar a súa posición. Os aliados tamén empregaron este sistema, ata o punto de que mesmo foron os británicos os que deixaron caer na zona as pezas para reparalo. Logo da guerra empregouse aínda longo tempo con fins civís. Na actualidade consérvanse as antenas cunha pequena caseta ao pé. "A última vez que fun tiñan os tensores moi danados, e penso que é cuestión de tempo que caia a seguinte", sinala Cadaveira.

As últimas novas sobre as torres en Militaryruins.tk

Cabo Prior, Ferrol
Cadaveira destaca neste conxunto "os canóns, os túneles dos proxectores e os búnkeres, que hai unha cantidade enorme nesa zona". Estas instalacións son algunhas das que contan con máis visitantes, "vas unha fin de semana hai xente por todas as partes, así que non che vai pasar nada. Podes botar un día enteiro que non te aburres".

Fotografías deste enclave turístico no web de Cadaveira

Baterías de Monte Faro, Ares
"Hai tres baterías grandes e un complexo antiaéreo subterráneo. Mesmo aínda se conservan as pinturas na parede a indicar como recoñecer os avións inimigos na II Guerra Mundial", explica Cadaveira. Unha boa cantidade de túneles, vistas à ría de Ferrol, e construcións de pedra compoñen este amplo complexo. A proximidade do Mosteiro de Santa Catalina permite completar a visita con este elemento monumental.

A instalación no web Military Ruins

Punta de Segaño, Ares
"É unha batería de finais do XIX e comezos do XX, moi ben conservado, todo de granito, é digno de ver, de granito".

Fotografías e mapa do complexo
da man de Cadaveira

Punta Frouxeira, Valdoviño
Un faro, unha paisaxe espectacular, longos túneles de artillería e búnkeres integran este conxunto.

Óllao aquí