A peculiar xeomorfoloxía de Galicia achega moitas posibilidades para ollar a paisaxe dun xeito distinto

TURISMO CARA B: Coa ollada no chan

Para alén de monumentos e do verdor das paisaxes, existe un enfoque alternativo á hora de visitar os recantos do noso país. Elementos da nosa xeomorfoloxía preséntase como un atractivo para o viaxeiro. E é que en Galicia contamos con formas únicas neste sentido. Mesmo a nosa costa é un dos poucos lugares do mundo onde se pode ver a cicatriz de como rachou Panxea. Seguimos a nosa serie a analizar outros xeitos de coñecer Galicia.

Estamos afeitos a ver todo tipo de formacións xeomorfolóxicas. Dunas, montes, enseadas, covas, penedos... Na maior parte dos casos considerámolas coma parte da paisaxe, a xeito de soporte para un ecosistema destacado ou mesmo como base para practicar algún deporte coma a escalada ou a espeleoloxía. No entanto, existe a posibilidade de observalas en si mesmas, como formacións únicas resultado de forzas que actúan ao longo de milenios.

Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía, sinala as posibilidades que ten Galicia neste sentido. "Penso que ten moito potencial. Hai moitas cousas destacadas", apunta. As paisaxes modeladas por glaciares máis ao Occidente de Europa. As zonas de morfoloxía granítica. A incrible desembocadura do Xallas ou paisaxes que temos totalmente incorporados, coma as rías ou a Chaira. Ademais do espectacular que poida ser un espazo por si mesmo, uns coñecementos básicos de xeoloxía permiten darlle á paisaxe significados completamente novos. Non debemos esquecer que, enfocando unha viaxe desde esta perspectiva, as posibilidades van moi para alén da inspección da paisaxe e chega a coñecer os procesos que o modelaron ou o tipo de accidentes que podemos encontrar. Variedade hai, e cantidade tamén.

A falta de divulgación semella ser, polo de agora, a causa de que moitos destes espazos pasen desapercibidos. "Algúns deles aínda hai pouco que se describiron, non sabíamos por exemplo a idade do glaciarismo ata hai moi pouco", recoñece Vidal. "Hai pouco, por exemplo, estiven no cadoiro do Xallas e había moita xente a ver a desembocadura do río, pero non sabía o significado diso, como se formou... Sería boa cousa facer uns trípticos ou achegar máis información para que a xente tamén estivese máis sensibilizada de cara a protexer estes espazos".

ONDE IR

As pegadas de Panxea: A fenda
Quizais unhas das formacións máis peculiares (a nivel mundial) con que conta Galicia a nivel de xeomorfoloxía son as pegadas do antigo continente Panxea. Esta masa de terra que agrupaba todos os actuais continente hai millóns de anos esgazou para deixar paso, aos poucos, á actual configuración do Planeta. E fíxoo precisamente pola nosa actual liña de costa. Máis concretamente, pola zona de San Andrés de Teixido. "A costa de Cabo Ortegal, desde Os Aguillóns ata Cedeira e Ortigueira, é un cantil non mariño", explica Vidal. Con ata 700 metros de altitude, "é o que queda da ruptura de Panxea hai 200 millóns de anos, cando se abriu o Océano Atlántico. Aí vese o que sería a marca da ruptura do continente", completa. Esa cicatriz pódese ver en contados lugares do mundo, coma Madagascar, a India, Sudáfrica ou Brasil.
Esta costa no
web de Turgalicia



As pegadas de Panxea: O relevo
No é, no entanto, este o único resto do antigo continente que temos na nosa paisaxe. "A Terra Cha representa os restos do que sería o relevo de Panxea antes de rachar", explícanos Vidal, "moi degradado e moi plano, tamén hai restos na zona de Santa Comba", completa.
A Terra Cha
no web de Edugaliza



As únicas rías
"As rías son únicas no mundo, e especialmente as Baixas son espectaculares en canto a dimensión e desenvolvemento", lembra o director do Instituto Xeolóxico. "Cada unha ten características diferentes. Na de Vigo, por exemplo, predominan os riscos fluviais. Na zona de Arousa vese unha zona de alteración granítica que foi logo invadida polo mar".
As rías galegas
na Wikipedia



Ézaro-Pindo Mix
Un punto que reúne unha boa mestura de destacados elementos xeolóxicos é a desembocadura do río Xallas ao pé do monte Pindo, en Ézaro. Á peculiar paisaxe que supón este monte granítico únese a única desembocadura dun río en cascada de toda Europa. "Ten unhas característica moi espectaculares", sinala este investigador.
A Fervenza do Xallas no web do IES As Lagoas

O Monte Pindo no
web da Deputación da Coruña



Mestizaxe no Caurel
A serra do Caurel amósase tamén como un punto con múltiples atractivos para os afeccionados ás formacións xeolóxicas. Por unha banda, é un dos puntos do noso país onde a paisaxe foi modelada polos glaciares, hai uns cincocentos mil anos. "Pódense ver vales estreitos e circos glaciares", lembra Vidal. Ademais, na mesma serra encóntranse boa parte das covas cársticas do noso país.
O Caurel no web
Rochas de Galicia

Máis sobre as paisaxes cársticas na Wikipedia


Outros glaciares
Canda ao Caurel, outra zonas de glaciarismo destacado son a Serra de Queixa, Manzaneda ou o Xurés. "Son as manifestacións deste tipo máis occidentais e a menor altura de toda Europa", lembra esta xeólogo. Nestas zonas desenvolveuse un glaciarismo de casquete, con grandes masas de xeo nos cumios dos montes desde os que saían linguas de xeo.

Ruta polo val Glaciar do río Cenza (Manzaneda)


As formas do granito
Nos últimos meses poucos espazos deste tipo conseguiron tanta atención mediática coma os Penedos de Traba. O perigo de que estas rochas de granito rosa situadas nas proximidades da costa fisterrá desaparecesen ante unha canteira mobilizou boa parte da nosa sociedade para conseguir que fosen declarados monumentos naturais. "Son un exemplo de morfoloxía granítica, que tamén é importante no Monte Pindo e na zona do Xurés. Amosan toda a gama de formas que se encontra neste tipo de rocha, desde as cacholas, que son unhas covas moi específicas de Galicia ata os tor ou os inselberg", explica Vidal.
Mais sobre o granito
na wikipedia
;
Nova sobre o Penedos de Traba en La Voz de Galicia;
Os Penedos no web do Concello de Laxe




Imaxe do tema do día tirada do web do Concello de Laxe.