As entidades culturais coinciden que o novo Estatuto ten que definir Galicia como nación e recoñecer o estatus de dereito e deber do galego

O Preámbulo (cultural)

O Parlamento celebrará o vindeiro 29 de xuño un pleno extraordinario no que terá lugar o primeiro debate sobre a reforma do Estatuto de Autonomía. Unha sesión que se produce despois de que unha nutrida representación da sociedade galega ofrecera as súas ideas perante a Comisión creada co obxecto de estudar a reforma e redactar a proposición de lei. Aquí facemos un percorrido polas principais iniciativas e propostas que se fixeron en materia cultural.

Desde a constitución da Comisión para a Reforma do Estatuto de Autonomía, hai case tres meses, desfilaron polo Parlamento os representantes de entidades culturais como o Museo do Pobo, a Federación de libreiros, as Fundacións Penzol, Carlos Casares, Castelao, Rosalía de Castro a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), o Consello da Cultura Galega (CCG) ou a Real Academia Galega (RAG). Entidades que coincidiron en destacar a oportunidade histórica que se abre para Galicia neste momento.

Ramón Villares, historiador e presidente do CCG, apuntou que “sen entrar no asunto concreto de cómo proceder á reforma do actual Estatuto, resulta evidente que se trata dunha iniciativa que cómpre ollar no contexto actual de reforma doutros textos estatutarios de diversas autonomías españolas, que marcan ou irán marcando no futuro as pautas das súas definicións identitarias, niveis competenciais e fórmulas de inserción do Estado das Autonomías”. Neste mesmo aspecto incidiu Antón Vidal Andión, secretario da Fundación Penzol, que apuntou que é necesario “actualizar o Estatuto vixente, adaptándoo á situación de Galicia de hoxe”. Polo feito actual entende as relacións co resto do Estado español e a Unión Europea (non existente cando se fixo o actual Estatuto) no marco da globalización e das novas tecnoloxías. Nesta dirección, Xavier Casares, representante da Fundación Carlos Casares apuntou que “o Estatuto debería incluír a condición Europea da nosa comunidade e dispor de mecanismos xurídicos que garantan a participación de Galicia nas institucións europeas nos organismos nos que se debatan cuestións de interese galego”.

Galicia é unha nación
En primeiro lugar, todos os comparecentes coincidiron en que o novo Estatuto debe recoller que Galicia é unha nación. “Tendo en conta a propia realidade pasada e presente do país, así como o que está a acontecer na reforma doutros Estatutos (Cataluña, Andalucía, etc.) consideramos que o texto debe recoller a afirmación do carácter nacional de Galicia” figura no documento da comparecencia do Museo do Pobo Galego. Pola súa banda, Helena Villar explica que desde a Fundación Rosalía de Castro que ela preside, tamén se pronunciaron porque tanto Rosalía como o propio Murguía (do que tamén se ocupa a fundación) abordaron estes aspectos. “A palabra nación para Galicia está xa no himno que escribiu Pondal, que era amigo de Murguía, e ambos seguían a mesma dirección de pensamento” explica Helena, quen continúa sinalando que “Galicia xa está descrita nun himno que todos cantamos con total normalidade”.

Unha lingua con dereito e deber
Outro dos aspectos nos que tamén existe unanimidade entre as entidades que compareceron perante a Comisión de Reforma foi na cuestión da lingua. Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística explica que “pensamos que ten que ser o Estatuto da normalidade para o galego, que dea todas as garantías dunha lingua oficial. Ademais, un Estatuto de tolerancia cero coa discriminación lingüística, e para iso, o noso primeiro punto é que teña o mesmo rango que o castelán como dereito de uso e deber de coñecemento”. Polo demais, Callón comenta que “explicamos na Comisión que o deber de coñecemento é a garantía para que haxa dereito de uso. Se non hai deber o dereito é unha pantomima”. Villares, ao igual que Callón explica que a lingua debe ser usada de forma preferente e ese “dereito de uso e obriga de ser usada debe estenderse a todos os ámbitos da Administración pública, dos medios de comunicación e do ensino”. Con respecto a este último, desde a Fundación Penzol explica que “o ensino do galego non foi suficiente, hai que ir ao ensino en galego”. Ademais, a Asociación de Escritores en lingua galega recolle que os topónimos terán como única forma oficial a galega.

A Fundación Casares tamén incide neste aspecto e apunta que “a equiparación dos dereitos lingüísticos dos cidadáns que falan galego cos que non o falan é unha cuestión de xustiza” di Xavier Casares. Por último, Avelino Pousa Antelo explica como representante da Fundación Castelao “queremos que o galego sexa a nosa lingua oficial, sen desbotar o castelán nin calquera outra”.

Pola súa banda, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, pediu que o Estatuto recolla que a RAG é a única institución con autoridade e competencia no idioma. Unha consideración na que tamén incidiu o Museo do Pobo.


Os símbolos
A comparecencia do Museo do Pobo, asinada por Isaac Díaz Pardo como presidente do Padroado e Xusto Beramendi como presidente da Xunta Reitora propón “a inclusión, dentro dos símbolos, da Festa Nacional de Galicia, así como a definición, e non a simple enumeración dos catro símbolos principais: a bandeira, o himno, o escudo e a festa nacional”.

Neste campo, o presidente do Consello da Cultura asegura que “alén de fixar a Bandeira, o Himno de Galicia, Día Nacional ou o Escudo de Galicia, debían fixarse con precisión, nos seus correspondentes artigos, dunha banda os procedementos para a concesión de recoñecementos ou condecoracións (premios, medallas...) por parte dos poderes públicos de Galicia e, da outra, a existencia de “lugares de memoria” de especial relevancia, como o Panteón de Galegos Ilustres”. Precisamente sobre a situación deste panteón, o Museo do Pobo considera que “é preciso desbloquear a súa situación para dignificalo e dotalo duns contidos acordes co seu nome”. Aínda que desde o Museo recoñecen que “se cadra non é un asunto que poida figurar expresamente nun Estatuto, coidamos en todo caso, que o Parlamento de Galicia sería o órgano axeitado para, de acordo coas outras institucións implicadas, colocar o Panteón baixo a súa tutela.

As institucións
A Fundación Penzol recolle que “convén cara ao futuro, quizais con mención especial dentro do Estatuto, a regulación dunha necesaria lei de Fundacións, que substitúa a moi mediocre actual, establecendo mecanismos de protección e amparo para entidades como a Penzol, que sen ser moi numerosas, realizan unha actividade moi importante ao servizo da cultura galega”.

Por outra banda, boa parte das entidades tamén se referiron ao artigo 32 do actual Estatuto (que recolle a creación do Consello da Cultura Galega e do Fondo Cultural Galego). O presidente do CCG explicou que “as funcións previstas no seu día para este organismo poden ser agora revisadas e, desde logo, definidas con maior precisión”. Unha cuestión na que tamén se incidiu desde a comparecencia do Museo do Pobo que tamén apuntou á necesidade de “decidir qué se entende por Fondo Cultural Galego e qué consecuencias normativas e económicas se derivan do seu recoñecemento estatutario”. Por outra banda, o presidente da RAG asegurou na súa comparecencia que “tendo en conta que a Academia ten cen anos e que foi a única que estivo todo este tempo defendendo a cultura e o idioma galego, o Estatuto de Autonomía debería recoñecer o seu traballo xunto co do Consello da Cultura Galega”.

O marco competencial
Na súa comparecencia, o Museo do Pobo considera que “o novo Estatuto debe garantir que as competencias da Comunidade Autónoma en materia cultural serán exclusivas, e non só nominalmente senón tamén realmente. En consecuencia, cómpre poñer fin á dualidade de redes (de bibliotecas, e arquivos, e museos) unha de titularidade estatal e outra de titularidade autonómica”. Agora ben, a competencia, tal e como tamén fixa o texto da Constitución Española, debe ir acompañada da transferencia de recursos financeiros cos que facer fronte a esa nova competencia. Avelino Pousa Antelo complementa esta petición dicindo que “queremos un Estatuto que nos dea o máximo autogoberno, con exclusividade e sen duplicacións”. Ademais, Avelino recupera os postulados de Alexandre Bóveda e pide “unha axencia tributaria propia”. Dentro dese marco competencial, a Asociación de Escritores en Lingua Galega considera que se debe velar polo patrimonio cultural e natural e o inmaterial.

Por último, Xaime Corral, presidente da Federación de Libreiros considera que é preciso reclamar as competencias para Galicia en materia de creación, promoción e comercialización do libro galego e dos seus axentes. Neste aspecto, a AELG pide que se estableza “unha rede pública de bibliotecas que atenda as demandas reais e desexables da nosa cultura dependentes do Goberno galego. Establecer persoal formado nos centros de Ensino para que as súas bibliotecas non estean infrautilizadas e modificar o concepto de formación de lectores e incidir na importancia da lectura na escola”.