A Dirección Xeral de Xuventude promoverá a galeguización dos contidos dos campamentos

Campamentos con lingua

¿Queres sentirte como un auténtico romano? ¿Aprender inglés sen moverte de Galicia? ¿E participar en obradoiros tradicionais que fan liño ou cerámica de xeito tradicional? Son algunhas das novas iniciativas que forman parte dos campamentos que a Dirección Xeral de Xuventude prepara para os escolares que teñen menos de 17 anos. Un proxecto que este verán atende tamén ao noso país e no noso idioma. Este ano, os campamentos galeguízanse.

Maite Lorenzo é a subdirectora xeral de Programas da Dirección Xeral de Xuventude e unha das responsables do deseño e organización dos chamados campamentos de verán. “Este ano, explica Maite, a nivel de prazas ofertáronse 10.842, que se dividen nas prazas para nenos de 9 a 17 anos e as actividades para maiores de 18 anos. Ademais, sacamos o que se chama a “oferta concertada”, é dicir, prazas que se reservan para outras entidades como o Consello da Xuventude”.

Con respecto a anos anteriores non se produciu un incremento cuantitativo do número de prazas, pero si houbo unha revisión en canto aos contidos. Este ano os campamentos galeguízanse, é dicir, prestan atención á lingua a cultura galega. Dentro desta nova liña, estréanse tres campamentos.

As novidades
“Si hai ofertas novidosas para esta edición” explica Maite. “Na Devesa realizase este ano o “Sinte Galiza” no que ademais de atender ao noso idioma se fai fincapé nas tradicións. Por iso, neste campamento vanse facer obradoiros con artesáns para traballar co liño, o vimbio ou a cerámica recuperando o sistema e a técnica a nivel tradicional. Iso si, co nivel de nenos de 10 a12 anos”. Pero non é a única novidade, en Ourense desenvólvese un proxecto piloto de inmersión lingüística. “Xa existían os obradoiros en inglés, explica Maite, pero no “Galicia vista por un inglés”, que é o nome do campamento, pretendemos esa inmersión en inglés e galego, co que se pretende é o uso do galego de ambos idiomas”. Para a subdirectora é un pouco diferente dos campamentos tradicionais porque, ademais de traballar co idioma e tamén se fai referencia á música e aos aspectos comúns da tradición musical.

Por último, a terceira novidade dentro dos programas deste ano está no campamento de os Biocos en San Xoán do Río (Ourense), no que haberá dúas edicións dos campamentos “Dos castrexos aos romanos”. Explica Maite que “nestes cursos preténdese ir cara atrás no tempo e traballar sobre o que son os castros, sobre a historia e a súa pegada na nosa tradición”.

Como se conseguen as prazas
Tanto o campamento de “Sinte Galicia” como “Dos castrexos aos romanos” están completos, pero no de “Galicia vista por un inglés” aínda quedan prazas.
A adxudicación das preto de dez mil vacantes realízase por dúas vías. Por unha banda por adxudicación directa, no caso de que a demanda non supere o número de prazas dispoñibles e, pola outra, por sorteo, por medios informáticos, no suposto de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles.

A día de hoxe, a maior parte das prazas están cubertas, pero a subdirectora explica que poden existir prazas dispoñibles “porque a xente que obtivo unha por sorteo ao final non formalizou a súa matrícula”. Por iso, é posible que se matricule xente que quedou fóra no sorteo ou mesmo xente que non o solicitara no seu momento. “A convocatoria, explica Maite, vaise pechando a medida que se vaian cubrindo as vacantes”.

O proceso
Ademais da novidade no contido dos cursos, está tamén unha nova volta na concepción dos campamentos. De feito, unha das ideas de fondo que unen a toda a oferta deste ano é a galeguización. Maite explica que “é unha volta aos contidos, a explicar a nosa particularidade mentres os rapaces se divirten aprendendo”.

Pero para que os contidos sexan galegos, houbo que facer cambios nos cursos de formación. “Todos os anos, explica Maite, nos meses de marzo e abril teñen lugar as actividades que se integran no plan de formación continua para directores e monitores. Este ano tamén se fixo esa convocatoria pero foi un pouco diferente”. En colaboración coa Asociación Sociopedagóxica de Galicia (ASPG) ofrecéronse unha serie de cursos para o que desde a Dirección Xeral denominaron “campamentos con denominación de orixe” . Maite explica que se puxeron “en contacto cos directores e quixémoslle facer ver que queríamos ir nesa liña, que xogando coa lingua se poden crear espazos de lecer con identidade propia, á parte de actividades, tamén se podía influír na decoración campamental, no diálogo coas familias, nos manuais...”. Así foi como se foron definindo uns contidos máis propios a Galicia.

Maite explica que a acollida por parte dos monitores e dos profesores foi ben recibida. “Ao principio a oferta sorprendeulles un pouco, explica a subdirectora, porque estaban acostumados a actividades como náutica, técnicas de animación, escaladas libre... e hai que pensar que dentro da oferta deste ano fixéronse obradoiros de música e ata un módulo de patrimonio, para que nas programacións e na elaboración de itinerarios se prime a realidade galega e o seu patrimonio monumental”.

De feito, esta filosofía tamén se está a introducir nos campos de traballo (para maiores de 18 anos e que teñen carácter internacional), para os que están previstos, en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua galega, obradoiros de lectura e de creación literaria. “Deste xeito, explica Maite, un escritor vai pasar un día cos alumnos que, como son internacionais, poden ser de diferentes partes do mundo e servirán de paso para que unha persoa doutro país saiba que temos unha lingua e unha literatura propia”.

Agora ben, Maite explica que “de momento a galeguización comezou na formación e cómpre agardar a ver como se demostra na práctica”.