Televisión de Galicia busca ampliar o seu público cunha programación con máis debate e cultura

Axustes no canal

A Televisión de Galicia estrea esta noite “Libro aberto”. Un programa dedicado aos libros co que a cadea pública achega o seu gran de area para fomentar a lectura entre os espectadores. Chega dous días despois de que Mon Santiso regresase á cadea pública para divertirnos polas tardes con “O programón” e que a cociña acadara protagonismo con “Caravana de sabores”. Pero son moito máis que tres novos programas, é a nova grella da cadea pública que deu un xiro desde o pasado outubro.

No mes de outubro de 2005 na Compañía de Radio e Televisión Pública do país, a CRTVG, entrou unha nova dirección. Foi moito máis ca un cambio nomes nas portas dos despachos, xa que foi un cambio interno que os espectadores fomos notando pouco a pouco desde o outro lado da pantalla.

O primeiro, a cultura
Ana Cermeño, xefa de programas de Televisión de Galicia, profesional con moitos anos de experiencia na cadea, explica que “en principio pensamos que era necesaria que unha televisión pública tivera programas culturais que non tiña e por iso se puxo en marcha un departamento de cultura (que dirixe o escritor Luís Rei, que tamén levaba moitos anos na cadea)”. Esta intención traduciuse en programas culturais como “Miraxes”, “Planeta cine” ou “Onda curta” e a partir desta noite con “Libro Aberto”, un programa no que se falará do sistema editorial galego, entrevistando a autores que acaban de publicar algún libro, ademais de darlle a palabra a críticos e especialistas. Por outra banda, Daniel Salgado, responsable de Audiencias da cadea pública explica que os programas culturais están funcionando ben. “Por poñer un exemplo, Miraxes é un programa que está funcionando e evolucionando moi ben”. Unha afirmación que xustifica con cifras, xa que o programa pasou de ter un 10% de share no primeiro mes de emisión a facer un 11,5% no pasado mes de abril, e superar varias veces o 15% nas últimas semanas de emisión. Salgado ofrece os datos que manexa a propia cadea.

O segundo, divertimento
Na definición dos principios da cadea, Ana Cermeño asegura que “pensamos que unha televisión pública tiña que ter programas para os nenos por iso recuperamos a franxa do Xabarín. Pensamos que tiña unha programación amable, de actualidade e para toda a familia e por iso creamos “O programón”. Pensamos que tiña que haber divertimento e por iso está “Perdelo todo”. En resumidas contas, a nova dirección de TVG foi “cubrindo os ocos da grella con temas que puideran achegar algo aos galegos e pegado á actualidade, e con esa filosofía acabamos de estrear “Caravana de sabores”, que é un programa de cociña cun enfoque diferente e percorrendo Galicia”. O responsable de audiencias explica que “a franxa da tarde é a máis problemática porque as telenovelas que se programaban a esa hora deixaron un herdo negativo que fai que agora se precise máis tempo para crear hábito”. Dentro deste segmento, o responsable de audiencias non quere deixar pasar por alto a boa evolución que está a experimentar “Cifras e letras” (presentado por Paco Lodeiro con Iolanda Castaño e Jorge Mira) que “está a sobrepasar os dous díxitos”.

O terceiro, o debate
Despois de bastante tempo, a cadea reencontrouse co debate. Faino da man de “Hai debate” (os luns con Sonia Vizoso) e “Volver ao rego” (os xoves con Barreiro Rivas). Dous programas que Daniel Salgado explica que “teñen unha audiencia máis baixa que os dunha programación dunha cadea comercial”. Pero en todo caso, estes programas teñen cifras de audiencias similares, entre un 8% e un 9%. Ana Cermeño apunta outro aspecto máis, “á parte das cifras, cómpre non esquecer que o lema é facer unha televisión de servizo público”.

Buscando ampliar a audiencia
“Libro de familia”, “Luar” e “A vida por diante” son os programas con máis éxito de Televisión de Galicia. De feito, a serie producida pola editorial Compostela aparece entre os programas máis vistos da cadea no primeiro trimestre do ano segundo Sofres. Daniel Salgado confirma eses resultados cos que manexa a cadea e fala doutras series como “Pepe o inglés” que, “con resultados máis discretos, ten unha evolución positiva e desempeña un papel interesante na integración de públicos”. Ademais da serie que protagoniza Miguel de Lira, existe outro programa dirixido a captar públicos máis novos. Trátase de “Zapping comando”, situado entre o telexornal e os programas con máis éxito de público e hoxe conta cunha media lixeiramente superior ao 10% “Pero, explica Daniel, estes formatos teñen un proceso de adaptación lento”. Ademais, o responsable de audiencias explica que “os públicos destinatarios destes programas levan excluídos moito tempo das grellas de programación e teñen unha imaxe negativa da cadea, vai ser un proceso a longo prazo”.

Outro programa que non pode pasar por alto dentro da nova programación é “Alalá”. Daniel di que “o primeiro que habería que dicir deste programa é que ten un enorme éxito de audiencia, sobre todo, hai que ter en conta que está na franxa do prime time dos martes. En segundo lugar, ten unha captación do público mais novo e urbano do que era a media da cadea, o que é paradoxal cos contidos do programa”. O “Alalᔠque presenta Pilar García Rego ten un 17,2% de share.

A televisión no seu contexto
“O noso interese, e o noso lema, explica Ana Cermeño, é achegar os temas a Galicia sempre con servizo de televisión pública”. Esta foi a filosofía coa que a nova directiva lle deu a volta á programación da cadea que tamén tivo resultados en canto a público. Segundo asegura Daniel Salgado “desde novembro constátase unha estabilidade e mellora no prime time, de feito estamos nos niveis máis altos desde o pasado mes de maio, así como unha mellora na franxa dos informativos”. Ana Cermeño insiste nun concepto que “non se trata de cambiar o perfil de público que xa tiña a TVG, senón que o que se pretende é amplialo, captando público novo e urbano”.

Outra fonte como o EGM cuantifica que Televisión de Galicia descendeu un 0.1% con respecto do último ano. Pero como cuantificar as audiencias resulta tan complexo, cómpre destacar que estamos nun panorama televisivo completamente diferente do que se producía hai un ano. Existen dúas cadeas xeneralistas como “Cuatro” e “A sexta” (cunha cobertura moi deficiente en Galicia), coa entrada da Televisión Dixital Terrestre no noso país e que poden ter un interese de público semellante, e este novo contexto tamén se notou na TVG. Novembro non foi un bo mes por varios motivos, dunha banda a entrada de “Cuatro” e pola outra, que o público tiña que empezar a acostumarse ao cambio da cadea. Superado o retroceso inicial, Daniel Salgado explica que “con respecto ao mes de novembro, hai un avance significativo nas franxas de idade máis novos (o público adolescente e adultos novos), no prime time (a franxa de máxima audiencia do dia) e na sobremesa (de 13:30 a 15:30, que coincide cos informativos) que fomos mellorando os resultados a ter medias superiores ás acadadas entre abril e outubro de 2005”.

Con mais ou menos audiencia, con máis ou menos cadeas que se poden sintonizar, o que queda claro é que Televisión de Galicia xa non é a mesma.