O Consello da Cultura escolle o seu novo presidente ao finalizar o mandato de Alfonso Zulueta

Día de elección

A conselleira de Cultura, os reitores das tres universidades. Os representantes da Real Academia Galega, da de Belas Artes, da de Ciencias e da de Xurisprudencia, da Fundación Penzol, da Barrié, da Rosalía de Castro, o Instituto Padre Sarmiento e máis do Seminario de Estudos Galegos, entre outros. Canda a eles, algúns dos nomes máis destacados do noso panorama cultural reúnense este vinte de abril en Compostela. Non os xunta ningunha catástrofe nin homenaxe excepcional, simplemente elixen, como membros do Pleno do Consello da Cultura Galega, un novo presidente para esta institución.

A lista de nomes de persoas e de institucións que compoñen o Pleno do Consello pode impresionar a calquera por pouca idea que teña de quen é quen no noso panorama cultural. Seguindo o espírito co que se creou o organismo en 1983, este seu máximo órgano de goberno conta con representantes das principais institucións da cultura do país. En total son vinte e seis persoas as que desempeñan estes cargos por períodos de catro anos, renovándose a metade desde nomes cada bienio. A conselleira de Cultura participa como membro nato, outros quince participantes son escollidos por outras tantas institucións para representalas neste organismo, e por último, outros dez son elixidos polo propio pleno en votación secreta. Na actualidade entre estes encóntranse nomes tan coñecidos coma os de Ramón Castromil, Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo, Iago Seara, Andrés Torres Queiruga ou Ramón Villares. O propio Presidente da Xunta desempeña a presidencia Honra desta institución, e non participa habitualmente nas xuntanzas que implican unha toma de decisións destacada. Ademais de se reunir cando toca escoller presidente, o Pleno desenvolve xuntanzas trimestrais para decidir sobre o traballo do Consello.

Un lugar de encontro
A pesar da importancia dos postos implicados, non se pode considerar o Consello coma o centro neurálxico onde estes persoeiros cociñan os rumbos polos que vai ir a actividade cultural do noso país. Hai que lembrar que este organismo non ten como función coordinar o traballo que nos campos da ciencia, da arte ou da literatura desenvolven os organismos que o participan. Do que non cabe dúbida é de que é un punto de encontro sen igual en todo o país para os principais axentes que definen co seu traballo, día a día, o devir da nosa cultura. Ademais, o Consello posúe capacidade de iniciativa e aborda toda unha serie de actividades para fomentar e investigar o patrimonio cultural galego, e nelas pódese comprobar a pluralidade de ópticas presente no seu goberno.

Democracia simple
Desta volta, o encontro é para elixir un novo presidente. O proceso é tan sinxelo como xuntarse todos arredor da mesa da biblioteca do Consello da Cultura Galega, no Pazo de Raxoi, e alí seleccionar o candidato que consideren máis axeitado para desempeñar o cargo, que nin sequera ten por qué pertencer a este organismo. "Hai un prazo de presentación de candidaturas que teñen que vir avaladas por tres membros do pleno", explica Henrique Monteagudo, actual secretario do Consello. Este prazo remata na mesma véspera da votación. Logo, na xuntanza, o pleno escolle mediante voto secreto e por maioría simple quen vai ocupar o cargo.

Conversas polo consenso
Como é habitual en calquera tipo de elección, desde as da xunta directiva dunha asociación de veciños ata as de Presidente do Goberno, antes desta xuntanza prodúcense contactos previos entre os membros do Pleno de cara a garantir unha elección o máis rápida e sinxela posible. "Aquí no Consello as cousas fanse moito por consenso interno", explica Monteagudo. "Normalmente cando son decisións deste calibre hai unhas conversas previas do presidente e da Executiva cos membros do Pleno, de maneira que teñan coñecemento previo das alternativas que hai". No entanto non cabe outorgarlle a esas conversas unha importancia decisiva no resultado da votación. "Unha cousa é que se fale e outra que nas reunións non poidan saír posturas diferentes", lembra o secretario. "Houbo varias eleccións disputadas. Por exemplo cando foi a elección de Filgueira Valverde houbera tamén a candidatura de Xaime Illa, e Filgueira saíu só por un voto. E cando se elixiu por primeira vez a Carlos Casares había tamén a candidatura de Antón Fraguas, e tamén foi unha votación bastante axustada. Hai competencia electoral".

Presidentes
Desde a súa Fundación, o Consello foi presidido por Ramón Piñeiro entre 1983 e 1990. A súa primeira elección foi a máis incerta, xa que competiu con outros catro candidatos, aínda que conseguiu unha ampla maioría, a once votos dos seus inmediatos rivais. Á súa morte sucedeuno Xosé Filgueira Valverde, que desempeñou o cargo ata 1996. A el seguiríao Carlos Casares, que gañou o posto só por catro votos e renovou o seu mandato ata 2002, ano do seu falecemento. Co compromiso de continuar a liña de traballo iniciada por el e repentinamente truncada, o Pleno optou por escoller a Alfonso Zulueta, que se comprometeu a darlle continuidade ao proxecto de Casares e a desempeñar o seu posto durante un único mandato. Cumpridos os catro anos do mesmo, chegou a etapa de renovación.

Novos tempos
Á hora do feche do período de presentación de candidaturas unicamente o historiador Ramón Villares se postulaba a ocupar o cargo de futuro presidente. Decida o que decida o Pleno ao respecto, semella evidente é que vai haber cambios no Consello. Tanto desde Presidencia como desde a Consellaría de Cultura xa se ten adiantado o seu interese en aproveitar a función do Consello como órgano consultivo para a Administración. "O papel do Consello debe ser reavaliado, non para mingualo senón, ao contrario, para potencialo e para que desenvolva plenamente as súas funcións de alto organismo consultivo e asesor", explicou o presidente Touriño na súa última visita ás instalacións de Raxoi. Logo dunha primeira grande encarga que foi a elaboración do informe sobre o futuro da Cidade da Cultura, é de prever que, sexa cal sexa o resultado da votación, boa parte da actividade do Consello nos vindeiros anos vaia neste sentido. Mesmo o posible candidato que máis eco espertou nos medios, Ramón Villares, falou da necesidade de reorientar neste sentido o groso da acción do organismo. "É de agardar que o candidato faga unha exposición sobre por onde pensa levar o Consello. Xa polas conversas que houbo previamente a idea é potenciar o papel consultivo. Aínda que iso non depende tanto de nós, desde fóra comeza a se nos reclamar esa función, e iso pode introducir unha dinámica de traballo nova", confirma Monteagudo. De calquera xeito, e pola propia natureza do Concello, non queda dúbida de que as súas instalacións no Pazo de Raxoi seguirán a ser un punto de encontro destacado no ámbito cultural do país e que deste este centro continuarán impulsándose innovadoras iniciativas sobre os máis variados ámbitos do saber.