Os grupos de base manteñen o facho do galego dentro dunha Igrexa maioritariamente castelanizada

A palabra do señor

Poucas veces como estes días a igrexa está tan de actualidade. As celebracións da Semana Santa salientan a importancia que esta institución continúa a ter no noso país. Con esa actualidade, cada ano xorden voces que lembran o papel castelanizador desta institución. A pesar dos indubidables avances que aos poucos se realizan neste sentido, a presenza do noso idioma nos rituais e na actividade eclesiástica xeral continúa a ser minoritario.

Só o 7% das misas que se celebran cada domingo en Galicia está en galego, e só un 14% das parroquias ten algunha celebración no noso idioma ao longo da semana. Estes son as cifras que se desprenden do estudo sobre a cuestión que realizaron Daniel López Muñoz e Bernando García Cendán para o Consello da Cultura Galega. Estes datos contrastan coa alta porcentaxe de párrocos que empregan habitualmente o galego noutros ámbitos (un 75%), e aínda máis co feito de que tanto a maioría dos fieis (54,2%) como a dos párrocos ve positivo que se mise regularmente no noso idioma. Ao tempo, nos lugares onde o galego está implantando na liturxia, faise unha valoración moi positiva deste feito por parte dos usuarios. Pola contra, e de xeito curioso, os estudos destes investigadores sinalan que naquelas parroquias onde non se emprega o noso idioma existe un baixo índice de desconformidade, é dicir, só a un 21,5% dos crentes lles parece mal esa ausencia.

A aposta pola lingua
Aínda que xa existiran algunhas medidas previas de cara ao emprego de linguas vernáculas por parte da igrexa nas súas celebracións, foi o Concilio Vaticano II, a finais dos anos sesenta, o que apostou definitivamente por celebrar a liturxia nas linguas vernáculas de cada lugar. Segundo explica o teólogo Xesús Torre Queiruga, un dos máis destacados defensores da nosa lingua no ámbito eclesiástico, "despois do Concilio houbo un claro avance. Deuse unha grande inquedanza dentro da Igrexa galega, houbo grupos moi concienciados neste ámbito e o mesmo Concilio Pastoral recoñeceu que se debía fomentar o emprego do galego na Liturxia", explica. Foi a raíz deste pulo inicial que se abordou, ao longo dos anos setenta, a tradución dos principais textos litúrxicos ao galego. O propio Torres Queiruga participou na tradución da Biblia, e destacados filólogos como Xesús Ferro Ruibal implicáronse en facer a versión galega do Novo Testamento. "Foi un traballo ímprobo que se desenvolveu con moita xenerosidade. En moitos casos, como na tradución da Biblia, mesmo se implicou moita xente segrar, e xogou un papel destacado o grupo SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos), no que participaba Alfonso Zulueta". Froito de aquel traballo, que continuou ao longo dos anos, na actualidade está dispoñible a práctica totalidade deste material na nosa propia lingua.

Retrocesos
"A partir dun certo momento produciuse unha inflexión neste proceso", recoñece este teólogo, para quen "na actualidade estamos nun claro estancamento", o que explica en certa medida as cifras de emprego actuais. Segundo as análises antes sinaladas, Daniel López e Bernardo García apuntaban que "A `xente´ sinala, como a causa principal (23%) de que non haxa máis misas en galego, que a `xente´ non quere". Isto é, "a poboación galega está convencida de que, en conxunto, non quere a misa en galego, e partir dese convencemento, a ninguén se lle ocorre reclamala", sinalan estes autores. A esta razón síguelle a suposta falta de preparación dos cregos para desempeñar este labor (21%), unha idea que non se corresponde coa realidade lingüística dese sector. Os datos son aínda máis curiosos se temos en conta que a maior parte dos católicos practicantes viven no rural e son nun 67% total ou maioritariamente galegofalantes.

Outros espazos
Hai que pensar, de calquera xeito, que a actividade eclesiástica non se reduce ás misas, e é nesoutro campo onde a nosa lingua semella contar cun pouco máis de apoio dentro da Igrexa. "Coñécense pouco, pero hai grupos de base organizados e moi activos" explica Torres Queiruga. A asociación Irimia, nacida en 1978, colectivos relacionados coa revista "Encrucillada" e distintos colectivos completan un panorama no que, segundo este teólogo, "onde hai un movemento vivo e dinámico na Igrexa, emprégase o galego. Das cousas que a nivel oficial funcionan en Galicia neste ámbito, as Vicarías de Cataquese publican moito material en galego, e traballan en grande medida nesta lingua". Unha boa mostra deste movemento de base foi a posta en marcha, en 2001, do Bienio Irmandiño, unha campaña encabezada por Xosé Chao Rego na que se desenvolveu toda unha serie de accións para reclamar un maior compromiso da Igrexa co galego.

Propostas positivas
Nos últimos meses, as declaracións do arcebispo de Santiago, Julián Barrio, animando a oficiar misas en galego, canda á aposta polo galego que fixo o recente Sínodo Diocesano de Tui-Vigo, poden dar a idea dunha certa reactivación do compromiso coa lingua deste sector. "O Sínodo desde o comezo empregou os dous idiomas", explica Xoán Andión, vicario deste encontro. "A maioría dos relatores e todos os responsables da organización interviñeron en galego. Logo houbo un par de propostas explícitas de que se teña en conta este idioma no traballo da diocese". De calquera xeito, Andión apunta que as aplicacións destas propostas quedan pendentes de desenvolver en futuros plans de acción pastoral. Segundo el, a guía de cara a decidir o idioma no que a igrexa se desenvolve nunha comunidade é o idioma maioritario da mesma. "A idea básica é que se teña en conta o idioma concreto da comunidade na que se traballe, e se a comunidade é bilingüe téntase empregar os dous idiomas".

Traballo do idioma
A pesar destas aposta, Torres Queiruga non se amosa optimista na aplicación de medidas a prol do galego. "Hai declaracións que penso que se fan de xeito sincero, pero logo non se poñen medios para que se desenvolvan. Tamén se cae na rutina... Dentro de pouco en `Encrucillada´ imos publicar un artigo de dous teólogos novos, que non viviron o Concilio e que reflexionan, estrañados, en qué deron aquelas proclamacións a prol do galego", resalta. Ao seu ver, a posibilidade de conseguir unha maior presenza do noso idioma neste campo "é cousa dos propios protagonistas. Ao estar recoñecido e mesmo recomendado o emprego do galego, quen queira pode facelo. De feito, por exemplo, o párroco de Aguiño, que é a miña parroquia, sempre oficiou en galego, e cando se fai, a xente é tremendamente receptiva".

A igrexa como espello
A pesar de que Plan Xeral de Normalización Lingüística recolle de xeito explícito a necesidade de actuar para facer da nosa lingua un vehículo habitual da Palabra do Señor entre os católicos, polo momento non se desenvolveron medidas efectivas para acadar este fin. Semella entón que esta semana imos continuar vendo como o castelán predomina maioritariamente nos oficios litúrxicos e nas diferentes celebracións relixiosas que se suceden no noso país. "En realidade o que acontece na igrexa non é máis que un espello da sociedade galega. Tamén na sociedade falta un pouco de dinamismo neste sentido", reflexiona Torres Queiruga.