A cuarta edición do festival Abanea de danza chegará a cinco concellos

Do 16 ao 20 de xullo visitará Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova con espectáculos de nove compañías

O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova co apoio da Xunta de Galicia. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. Ademais das exhibicións, Abanea articula diversas liñas de acción para ofrecer experiencias festivas, participativas e interxeracionais, favorecendo o encontro da cidadanía coa danza, ademais de apoiar a investigación e proporcionar espazos para o intercambio profesional.

O Festival arrancará o mércores 16 de xullo en Ames coa exhibición nos xardíns do Pazo da Peregrina das pezas Alleo, de Colectivo Glovo (Galicia-Portugal), Burnt, da compañía Lasala (Euskadi), e a estrea de 'A mona de seda', creada por María de Vicente dentro do apoio bienal do festival da edición de 2024-2025. O xoves 17, Abanea trasládase ao Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira de Broña, no estaleiro de Ciprián de Outes, para amosar Unarys, da compañía Eszer (Chile e Canarias), a primeira fase do espectáculo 'Lola y los lamentos', pola galega Andrea Castro, e 'Seu aquí', do Colectivo Banquet (Madrid).

Marín recibirá o festival o venres 18 na súa Alameda, onde Kiko López presentará Honest, María de Vicente repetirá 'A mona de seda' e o dúo Qabalum (Pamplona) achegaralle ao público o poema bailado 'Todo este ruído'. O sábado 19 será a quenda de Foz, onde a contorna do Paseo da Rapadoira acollerá unha programación de espectáculos na que repiten Alleo e 'A mona de seda', e aos que se suma a produción Quema, coa que a compañía barcelonesa Jacob Gómez realiza unha viaxe introspectiva de dúas almas que revisitan as súas vidas no purgatorio. Celanova pecha o percorrido desta cuarta edición de Abanea o domingo 20 de xullo na praza Maior mostrando de novo Alleo e a primeira fase de 'Lola y los lamentos', e presentando 'Un baile ceibe', versión para rúa do espectáculo de gran formato Ceibe, co que a compañía de Fran Sieira explora o xénero dende o baile tradicional galego.

Experiencia participativa e interxeracional
O festival ten programadas en total 12 actividades de mediación nas distintas localidades entre mesas de traballo, encontros do sector, a realización en directo do podcast Canle Abanea con Carlota Mosquera, obradoiros de danza comunitaria con Paula Quintas, a Discoteca de señoras... e señores tamén!, a nova actividade chamada happening de danza-clown, coa que o performer Martín Blanco animará ao público a integrarse na programación con aparicións sorpresa en diversas localizacións e unha pista de baile aberta ao final de cada xornada.