Nace o festival de danza Abanea

Celebrarase en Gondomar e Allariz entre o 28 e o 31 de xullo

A asociación IS•MO Cultura lanza Abanea, festival de danza e movemento que celebrará a súa primeira edición entre o 28 e o 31 de xullo en Gondomar e Allariz. Dez serán as compañías e formacións artísticas que participen neste encontro que divide o seu cartel entre as dúas sedes. O municipio pontevedrés concentrará o groso da programación ao celebrar sete funcións durante catro días mentres que o concello ourensán pechará o programa o domingo 31 con dúas actuacións. Ademais o certame lle brindará apoio a unha compañía emerxente para acompañala durante dous anos no proceso de creación dun espectáculo. Nesta primeira edición, daráselle este soporte ao colectivo La Incendiaria. Marta Alonso Tejada, Manu Lago e Lilian Portela conforman o equipo organizativo de Abanea.

Abanea arrincará o xoves 28 na praza da Paradela en Gondomar da man da compañía vasca Lasala, e da formación galega Fran Sieira Compañía de Danza, que actuará coa súa obra DeMente. A primeira xornada despedirase no parque Ponte de Rosas ás 23,00 h. coa proxección dunha escolma de videodanzas realizadas por profesionais de Galicia. Esta sesión, que se repetirá o domingo en Allariz, conta coa colaboración do programa Buzón de Baile de Radio 3. Nas seguintes xornadas pasarán polo festival a formación catalá Ángel Durán Performing Arts, a compañía galega La Macana con Pink Unicorns, os colectivos La Galga e Eyas Dance Project, ambos os dous procedentes de Madrid; Marta Alonso Tejada con Dancin'Queen, Colectivo Glovo, a produción mexicana H.A.R.L.E.M, de Carla Segovia e Guillermo Aguilar que conta coa colaboración de SóLODOS e A Casa Vella.

O patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para o nacemento de Abanea sitúase na estratexia definida no Plan Integral para a Danza de Galicia. Entre as distintas prioridades que recolle esta folla de ruta, destacan a descentralización do circuíto de exhibición de espectáculos de danza e a fomento da colaboración con entidades, colectivos e institucións de fóra de Galicia. Ambos os dous extremos cúmpreos Abanea segundo a Xunta, xa que este festival inclúe formacións artísticas procedentes de México, Madrid, Cataluña ou País Vasco e divide a súa programación en dúas localidades de provincias diferentes.
Ligazóns