A danza contemporánea espállase por Galicia co Festival Abanea

A terceira edición leva 16 actuacións de 10 compañías de danza a cinco concellos

9/7/2024 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: Danza
1 lecturas | Compartido 0 veces

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación do programa do Abanea 2024 xunto a unha das directoras do festival, Marta Alonso Tejada, e representantes institucionais dos concellos implicados

O Festival Abanea celebrará entre o 17 e o 21 de xullo a súa terceira edición cun programa de danza e artes do movemento que distribuirá 16 funcións de 10 compañías entre os concellos de Foz, Outes, Allariz e, engadíndose este ano, Ames e Marín, o que amplía o evento á provincia de Pontevedra. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, espallará así a actividade do certame ás catro provincias e farao coa colaboración das localidades participantes e a través dun convenio asinado coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Abanea 2024 desenvolverase cun programa que se espalla por espazos diversos e singulares, levando pezas de non máis de 20 minutos de duración, de base contemporánea, que dialogan con outros estilos como as danzas urbanas ou o ballet clásico, con temáticas que xiran arredor dos soños, da dureza ou fraxilidade dos corpos, da identidade, do trauma ou do amor, creadas, producidas e interpretadas por profesionais de Galicia, México, Portugal, Madrid, Cataluña, Andalucía e Euskadi. Abanea dirixe nesta terceira edición un especial interese na creación de novos públicos e no fomento do afecto da sociedade cara á danza. Ademais dos obradoiros que se repiten en todas as localidades, baixo a dirección de Carlota Mosquera, ponse en marcha Canle Abanea como ferramenta de interacción, dinamización e documentación do festival para conectar o público presencial e virtual dun xeito diferente e divertido en relación cos contidos do festival.
Foz marcará o inicio desta terceira edición de Abanea o 17 de xullo, coa exhibición na contorna do paseo da Rapadoira das pezas 'Ollos cara adentro', da compañía Ixa (Galicia-Euskadi); 'SunDogs', creada polo colectivo La Incendiaria (Galicia-Euskadi) dentro do apoio bienal do festival da edición de 2022; e Ior, da compañía Marc Fernández (Cataluña). A actividade na vila lucense complétase con dous obradoiros no Centro de Interpretación da Mariña: Danza en familia, dirixido por Alejandra Balboa, e A danza como lugar de recreo, con Yeinner Chicas, que se repetirán en todas as localidades implicadas, ao igual que o colofón da xornada, sempre co obradoiro-espectáculo 'A pista de baile', un convite libre á danza a través do encontro creativo entre a bailarina Marta Alonso Tejada e o DJ Set de Mounqup. O 18 de xullo Abanea trasládase ao Espazo Museístico da Carpintaría da Ribeira de Broña, en Outes, para amosarlle ao público tres espectáculos a cargo de Melania Olcina (Madrid), Premio Nacional de Danza 2023; Paulina Espinosa e Mariana Oliveira (México-Portugal), gañadoras do certame de creación Sólodos en Danza de Costa Ricae a Compañía Ixa. Seguindo na provincia da Coruña, Ames recibirá o festival o venres 19 de xullo no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O sábado 20 a proposta trasládase a Marín, onde a contorna da praia de Portocelo acollerá unha programación de espectáculos. Finalmente, na provincia de Ourense Allariz pecha o percorrido desta terceira edición de Abanea o 21 de xullo coa creación do Colectivo Premohs (Andalucía) que presenta 'En cuclillas' na Praza do Matadoiro, onde tamén poderá verse a peza 'Pensar a contratempo', unha versión diferente de A pista de baile, nesta ocasión coa colaboración de Bigsouth- música e baile swing.

Residencias e encontros profesionais
Dentro das liñas de acción do festival, Abanea xera Rede de A, que tece contextos de encontro, investigación e acompañamento ás artistas seleccionadas ata o momento no apoios por dous anos. Nesta edición o festival facilita dúas residencias artísticas: a que terá lugar en Bugallido, Ames, os días 15 e 16 de xullo, na que participan as catro artistas vinculadas ao apoio bienal, e a de fin de proceso que realizará Suevia Rojo nese mesmo concello entre o 8 e o 18 de xullo.Ademais, durante os días 16, 17 e 18 de xullo terá lugar tamén en Ames un workshop internacional co bailarín Milan Herich (Bruxelas) centrado na técnica flying low; e o día 19 de xullo facilítase un encontro entre profesionais do sector, con diversas actividades no Pazo da Peregrina arredor da xornada de programación que terá lugar ese día.

Ligazóns externas

Universo culturagalega.gal