Conferencias, obradoiros e exhibición enchen Oleiros de Cabaré esta semana

Cabareteando

Collemos un escenario, metemos malabaristas, pallasos, cantantes, artistas, dámoslle un guión que combine a crítica social, coa política e engadimos un pouco de sátira. Remexemos con moita sensibilidade, un toque de retranca e ¡ta chan! un espectáculo de “Cabaré galego”. Podes velo, escoitalo e falar sobre el no primeiro Festival Galego de Cabaré que comeza hoxe en Oleiros.

Definir que é o cabaré non é simple. É moito máis ca un espectáculo de variedades (comedia, música, danza e teatro) que naceu no século XIX en Alemaña e en Francia. Hoxe en día é un xénero que para moitos artistas funciona como un “caixón de xastre”, é dicir, un espazo no que cabe todo. Nos últimos tempos parece existir un incremento no número e variedade de espectáculos en Galicia por parte de compañías de teatro afeccionados que se unen a citas clásicas como as que leva facendo a Sala Nasa desde 1992.

Entre o cabaré en Galicia e o cabaré galego
Explica Nelson Quinteiro, presidente de 3º Pé e un dos promotores do festival, que “se están a establecer as bases, o enfoque e polo número de espectáculos que hai xa se pode falar de cabaré galego”. Quinteiro vai un pouco máis alá e explica que leva a etiqueta de galego porque “a principal diferencia con outro tipo de cabarés é a linguaxe, o idioma. Dado que o cabaré é crítica social, política, sátira e o mestura todo con moita sensibilidade facendo un crisol de todas as artes”. Sobre este debate falarán Pepa Yáñez e Davide Salvado (xoves 23, 20:30 horas). Precisamente un dúo que estrou a finais do 2004, “Unha noite no muíño”, un espectáculo no que fan un percorrido polo xénero do cabaré e o “reinterpretan” ao estilo galego.

A historia
Pero non só se abordará o presente do cabaré, senón tamén o pasado. Para iso achegarase Patricia de Lorenzo, membro do grupo de teatro Chévere, que contará a traxectoria da súa compañía, unha das primeiras en facer cabaré no país. Para Patricia “o cabaré en Galicia é tan noviño que ni tan sequera é adolescente”. Ser tan recente implica que a esta actriz lle resulte complicado definir que é o xénero e moito máis se lle preguntamos polo cabaré galego. “Para min o espectáculo de referencia que hai en Galicia ten os seus inicios en 1992, que son cando comezan as Ultranoites da Sala Nasa, que é de onde saen moitos espectáculos de cabaré e, ademais, onde nos proporcionan a posibilidade de experimentar”. Na súa opinión, a curta traxectoria do xénero e a súa indefinición determina que é imposible falar do xénero como tal no país. Pensa que existe un evento que si está consolidado que son os que programa a Sala Nasa. “A Ultranoite, como concepto, é unha sucesión de números de cabaré, teatrais, de vídeo, que vai desde un striptease a unha performance, coreografías.... Como concepto en si xa adquiriu unha dimensión enorme que fai que moita xente cando ve un espectáculo colectivo, mesmo de cabaré fala de que é como unha Ultranoite, cando é un selo que pertence á sala, pero que xa está asentado no público”. Non é unha percepción única de Patricia, xa que Nelson Quinteiro pensa que a “referencia indiscutible do xénero en Galicia é a Sala Nasa coas súas Ultranoites”.

As orixes do festival
Malia que existe unha querencia especial dos diferentes grupos (tanto profesionais como afeccionados) por potenciar o xénero, a iniciativa de facer este evento non partiu do sector, senón da casualidade. Todo comezou no 2005 cando “o concello de Oleiros se pon en contacto con nós”, explica Nelson Quinteiro, o presidente da Asociación 3º Pé, “e propuxémoslle un festival interactivo, un festival de rúa e un festival de cabaré. Foi esta última iniciativa a que máis lle gustou”. Tempo despois presentouse o programa do primeiro festival que abordará o cabaré dese o punto de vista lúdico (con exhibicións gratuítas, previa retirada de entradas), didáctico (un obradoiro) e teórico (cun ciclo de conferencias).

“Pensamos, explica Quinteiro, que o festival pode actuar como caixa de resonancia dunha serie de inquietudes sobre o xénero que están a agromar nos últimos tempos”. Unha desas primeiras iniciativas tivo lugar en xuño de 2005, cando o grupo Manicómicos organizou na Coruña un curso de cabaré que impartiu Anxo Burgos. Formaba parte da segunda edición do Festival de Teatro Cómico “Manicómicos” e baixo o titulo “Cabaré contemporáneo” Anxo Burgos pretendía dotar ao alumno-actor de todas ferramentas necesarias para a posta en marcha dun espectáculo de cabaré.

Quinteiro explica que “desde que se deu o curso de Anxo Burgos formouse o grupo de cabaré manicómicos, que pretende ser un grupo de 15 persoas entre as que hai malabaristas, artistas, pallasos, xente de moi diferentes ámbitos e que ten inquietudes diferentes”. Polo pronto, esta semana haberá espectáculos, conferencias e os obradoiros que determinarán se é un punto de apoio ao xénero ou un escaparate do que se fai no país. En todo caso, “show must go on”.