Varios creadores galegos de cómic visitan o principal salón de BD do continente

Autores galegos en Angouleme

Emma Ríos, Miguel Porto, Víctor Rivas, ademais da habitual presenza de Miguelanxo Prado, sumáronse á nutrida visita galega a Angouleme, o principal festival de banda deseñada de Francia, que se celebrou esta pasada fin de semana. Emma Ríos portou mostras dos seus traballos e afianzou os contactos editoriais que comezara hai pouco en Bélxica, aínda que insiste que de momento non ten ningún proxecto en firme. A debuxante asinou no stand de L´Inedit, a publicación belga que a ten promocionado. Era a primeira vez que Ríos, Porto e Rivas estaban no encontro. Para Rivas foi unha combinación de tempo de lecer e de interese profesional, aínda que pensa que os salóns non son o momento óptimo para falar cos editores. Á cantidade de autores na procura de oportunidade súmase a dificultade de lograr contacto cos editores sen cita previa. Seguramente cos novos proxectos de 2006 debaixo do brazo, o "A prueba de balas nº4" no caso de Ríos, e o segundo álbum de "Harry Porrez" no caso de Rivas, a edición de Angoulême en 2007 será aínda máis positiva.

O web de Angouleme é http://www.bdangouleme.com