Ferrol, A Estrada e a comarca da Arousa lembran os seus fillos ilustres

Na memoria dos veciños

O Concello de Ferrol, en colaboración coa UNED, lembrará o escritor Torrente Ballester no terceiro aniversario da súa morte cunhas xornadas de estudio e diferentes actos na súa honra. Mentres, a parroquia de San Xiao, na Estrada, quere recuperar a figura de Bernardo Rodriguez, veciño do lugar que desenvolveu un intenso labor literario a comezos deste século. E por Arousa, a Fundación Plácido Castro prepara actos pra celebrar o centenario do nacemento do galeguista que lle dá nome.

Torrente

O legado teatral de Torrente centrará as xornadas de estudio que se celebrarán en Ferrol entre o venres vintecinco e o luns.
Nas xornadas partciparán o fillo e no neto de Torrente, así coma o catedrático de Literatura Luis Iglesias Feijoo ou o profesor Hajime Yamaguchi da universidade xaponesa de Chiba. Ademais, dentro dos actos de homenaxe realizarase unha velada musical e literaria na localidade de Serantes, especialmente vencellada co autor. No cemiterio desta localidade farase o domingo unha ofrenda floral. Ese mesmo día o grupo de teatro Ad Libitum realizará a estrea mundial da obra "El pavoroso caso de un señor cualquiera", escrita por Torrente en Ferrol en 1932. Este grupo xa estreara o pasado ano outra obra de Torrente, "Una gloria nacional".











Bernardo Rodríguez


A parroquia estradense de San Xiao de Vea comeza o vindeiro domingo o ano cultural que dedica a un dos seus veciños máis ilustres e pouco lembrados, Bernardo Rodríguez Ribeira.
Bernardo Rodríguez naceu en 1853 nesta parroquia e logo de comezar o estudios de Filosofía e Letras en Compostela emigrou a Buenos Aires con vinteún anos para fuxir da guerra carlista. Alí comezou a traballar como escribán ata que comezou a dirixir a biblioteca da Universidade de Buenos Aires. Desenvolveu despois o cargo de tesoureiro desta institución durante 35 anos e organizou numerosas iniciativas en defensa do noso idioma e cultura.
Colaborou en xornais da época coma "El libredón" de Compostela, "La Unión Gallega" de Montevideo ou "El Eco de Galicia" de Buenos Aires, e foi nomeado Membro Correspondente da Real Academia Gallega. Visitou en dúas ocasións a súa parroquia natal, morrendo en 1924 na capital de Arxentina.
Os actos na súa memoria comezan este domingo coa celebración dunha misa cantada. O Concello contempla a posibilidade de trasladar o restos de Rodríguez ata o mausoleo que el mesmo mercara na parroquia durante a súa primeira visita.












Plácido Castro

A Fundación Plácido Castro, constituída polos concellos de Cambados e Vilagarcía de Arousa, a Asociación de Traductores Galegos e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, celelbrará durante todo este ano o centenario do galeguista que lle dá nome.
Os actos comezarán o vindeiro domingo coa celebración da Conferencia Anual Plácido Castro, acto no que que Ramón Villares, ex-rector da Universidade de Santiago, falará da relación enre o movemento galeguista e Portugal.
Para o luns realizarase a entrega do Primeiro Premio Plácido Castro de Traducción, dotado con 3000 euros.
Outras actividades previstas para este ano son unha exposición, a edición dunha antoloxía cos artigos e colaboracións xornalísticas do homenaxeado, un número monográfico da revista "Grial", un libro de homenaxe e a publicación e internet de grande parte da súa obra.