O 2006 comeza cargado de proxectos nos máis variados ámbitos da creación cultural

Nomes para o ano que comeza

Comeza o ano, e prepáranse para saír á luz un lote de proxectos que, polo de agora, son embrións. De certo vai haber moitas sorpresas, e é moi difícil enxergar cales van ser os nomes que se revelen ou se consoliden en ámbitos coma a música, a arte, a literatura ou o audiovisual. A xeito de exemplo, achegamos uns poucos que desde diferentes campos ou o cinema prometen dar guerra para os vindeiros doce meses e que presentan xa a comezos do ano as súas primeiras propostas.

Non podemos prever por onde van ir as propostas da creación e da cultura este ano. Qué novos nomes van saír, quén vai levar premios ou quén conseguirá un éxito inesperado. O campo da creación é imprevisible. Sen embargo, sabemos dalgunhas propostas que se están a desenvolver e están xa a piques de ver a luz. Poida que seguíndolles a pista a estes primeiros lanzamentos culturais do ano poidamos ir facéndonos unha idea do que nos agarda.

Un exemplo de arte
É moi posible que o nome de María Viñas non resulte moi coñecido. Esta artista e deseñadora gañou, o pasado ano, o premio que organizaba o equipo de Fórmula 1 Bar-Honda para deseñar a imaxe dun coche de competición. Agora, este monoplaza percorrerá co equipo, a xeito de exposición, os circuítos dos grandes premios deste deporte. Pero non será o único que situará a Viñas no panorama mediático neste 2006 que comeza. "Estou nunha tempada de traballo moi intensa", explica a artista. O primeiro que lle imos coñecer é "Os invisibles", a mostra de novos valores que está a organizar no Parlamento de Galicia. "Hai un lote de xente que non se coñece en Galicia mentres que está moi valorada no estranxeiro", explica Viñas. "Eu actuei un pouco como mediadora entre o Parlamento, que estaba interesado en facer unha mostra, e esta xente. Haberá nomes coma Marisa Torres, Fran Rodríguez, Jorge Rivera, Sabela Dopazo, Federico Fernández ou eu mesma". A exposición porase en marcha o 23 de febreiro, e está prevista para o mes de setembro a inauguración dunha segunda parte. Ademais disto, esta creadora está inmersa no deseño da capa dun disco para a compañía Virgin, e acaba de vender varias obras a "Arte y Naturaleza", un importante fondo de investimento internacional en arte. Ademais destes proxectos, Viñas está a acariñar o que pode ser un dos grandes fitos da súa carreira. "Trátase dun proxecto cinematográfico cun director moi importante", explica, "a ver se para cando inaugure a mostra xa podo contar algo máis. A verdade é que estou a piques de pechar un monte de cousas".

En falando de poesía
Un novo nome súmase á lista de poetas da nosa literatura. Claudia Castro, unha autora que leva xa tempo a colaborar con diferentes publicacións, presenta o vindeiro nove de febreiro "Adaggio para unha viaxe silente". Esta é a súa primeira obra en ser publicada, e faino desde a colección "Libros da Frouma" que edita a libraría Follas Novas. "É algo que impón un pouco", recoñece a autora. "Trátase dun libro de versos que se escribiu durante dous anos e recolle ese fragmento de vida. Aínda que é basicamente de carácter intimista, neses dous anos houbo de todo, experiencias persoais, si, pero tamén o Prestige ou a Guerra de Irak", sinala. Ademais deste debut, Claudia foi seleccionada tamén para participar nunha antoloxía de poetas que recolle obras dunha ducia de autoras do país e que está a coordinar o artista Antón Sobral. "O proxecto está aí pero aínda non teño data de publicación. Enviei un par de poemas do `Adaggio´ e outros de dúas obras inéditas", explica. Ademais destes inéditos, Castro adianta que está a traballar nun novo poemario, "Xénese dunha boca máis", sen que polo momento teña novas ofertas de publicación. "Polo de agora o meu principal proxecto é acabar `Xénese´, pero non me quero poñer prazos", sinala.

Narrativa en negro
Unhas das novas que promete dar moito que falar no mundo das letras é a inmediata publicación da segunda das aventuras do detective Horacio Dopico, "O home do mes". Segundo asegura o seu creador, Diego Ameixeiras, "antes de que acabe xaneiro xa debería estar na rúa". A primeira entrega desta serie de novela negra contemporánea e ambientada en Galicia, que se publicou en 2004, fixo do seu autor unha das voces máis aclamadas da narrativa nova galega. Aínda que desbota novas publicacións para este 2006, Ameixeiras asegura que ten intención de continuar traballando con Dopico. "Teño xa algúns apuntamentos e moitas ideas, gustaríame seguir escribindo sobre o mesmo personaxe, pero polo momento non teño nada armado", explica.

Pola banda da música
No campo da música, o 2006 vainos deixar un disco, longamente agardado, que promete marcar un fito na nosa concepción sobre o folk. Logo de varios anos de percorrido por escenarios do noso país, en solitario ou integrados en proxectos colectivos, Marful presenta o seu primeiro disco. "Está gravado, mesturado e masterizado", explica Ugia Pedreira, a voz do grupo. "Facemos música popular urbana. Novas composicións de autor, tangos, habaneiras, fox... ritmos inspirados no ambiente dos salóns de baile vilegos fechados na década dos cincuenta. Un acordeón diatónico, unha guitarra española, o clarinete baixo e a voz", define o proxecto esta vocalista. Agárdase que o álbum chegue ás tendas cara ao comezo da primavera. "Falta a fabricación, o deseño e a distribución", sinala. Canda a esta iniciativa, Ugia ten un ano ben cargado. Ás actividades do Conservatorio Folque de Lalín, que dirixe, súmase a súa participación en novos cursos monográficos, a organización dun novo Ciclo Trad en Pontevedra e continuar co funcionamento da Aula Folque Infantil nesta mesma cidade. Proxectos non faltan, como se pode ver.

Caras de pantalla
O suplemento "Metrópolis" do xornal "El Mundo" situaba recentemente a ourensá Miryam Gallego como unha promesa destacada no cine estatal. En breve poderemos ver esta actriz no seu primeiro traballo na pantalla grande, "El concursante" dirixida por Rodrigo Cortés e onde comparte protagonismo con Leonardo Sbaraglia. A Gallego xa a puidemos ver en series coma "Policías", "El Comisario", "Lobos" ou "Periodistas" e participou na montaxe "Arsénico por compasión" ás ordes de Gonzalo Suárez. Canda a isto, é moi probable que as producións de animación feitas en Galicia se revelen coma os grandes lanzamentos do noso sector audiovisual desde comezo de ano. Está previsto que para este 2006 se cheguen ás pantallas "Gisaku" (en marzo) e mais "Donkey Xote" pola banda de Filmax. Desde Dygra, á súa vez, anuncian a estrea de "Espírito do bosque", a segunda parte de "O bosque animado", canda a estrea de "O aniversarios da infanta", unha curta experimental que está baseada nas "Meninas" de Velázquez.

Cadriños novos
Pola banda deseñada sabemos que Fausto Isorna está a traballar duro para rematar unha nova entrega de "Unha aventura para Simón". Será o quinto álbum desta serie e o primeiro que ve a luz desde que en 1999 se publicara "A maldición dos Velasco". O argumento do álbum mantense polo momento en segredo, pero o autor xa nos adianta que sairá á rúa en abril. Non dubidamos que, como comeza a ser habitual, teñamos novas dalgunha nova edición foránea de autores do noso país e que continúen a saír novas edicións feitas na casa. Por exemplo, o colectivo Polaqia, comeza xa en febreiro presentando o sétimo número da revista "Barsowia", mentres BD Banda promete unha escolma do mellor da revista para o vindeiro Saló de Barcelona. Contamos tamén con que Pepe Carreiro continúe o frenético ritmo de produción ao que nos está malacostumando e que poidamos ver antes de acabar 2006 novas aventuras dos Barbanzóns nas tendas.


O ano, no entanto, prolóngase alén destes primeiros meses, e está claro que son moitas as cousas que quedan fóra desta mínima lista e que han ser grandes éxitos no noso panorama cultural. Poida que algunha delas, de calquera xeito, estea entre as que mencionamos. Estade atentos.