Tres investigadores galegos descubren unha nova especie de calamar

Mirando ó mar

A famosa revista "Science" recolle no seu último número un artigo de tres investigadores galegos que veñen de descubrir unha nova especie de calamar que habita a cinco mil metros de profundidade. Estes investigadores desenvolven o seu traballo no Instituto de Investigacións Mariñas do Centro Superior de Investigacións Científicas (CISC). Tamén coñecemos estes días o traballo que está a desenvolver no departamento de zooloxía da Universidade da Coruña para coñecer os mecanismos migratorios das centolas.

Calamar-araña

Ángel Guerra, Ángel González e Francisco Rocha son os autores da descuberta dunha nova especie de calamar-araña que habita entre os 2500 e 4500 metros de profundidade e que mide cinco metros de lonxitude.
A descuberta realizouse a partir das filmacións de fondos abisais realizadas polo Instituto Francés de Investigación e Estudio do Mar (IFREMER). Aínda non se produciu ningunha captura de exemplares desta nova especie e só se fixeron oito avistamentos no Atlántico, o Pacífico e o Índico. Esta especia, da que se descoñece mesmo se ten color, posúe oito brazos e dous longos tentáculos, así coma unhas grandes aletas. No artigo publicado en "Science" os galegos analizan as características físicas desta nova especie, aínda que descoñece todavía moitos datos sobre ela, coma se teñen ollos, se emiten algún tpo de luminiscencia ou como se comportan.












Na busca das centolas


Desde o departamento de Zooloxía da Universidade da Coruña tamén están atentos ó fondo marítimo, pero centran as súas investigacións en especias máis mundanas coma as centolas. Os investigadores deste departamento están estudiando os procesos migratorios deste crustáceo, que tende a desaparecer das costas galegas, e para isto ofrece recompesas de ata 30 euros de recompensa por cada exemplar capturado que leve un dos localizadores ultrasónicos cos que os estudiosos seguen os movementos destes animais.
Coa axuda de pescadores profesionais, os científicos do departamento pegan sobre exemplares novos de centola uns transmisores ultrasónicos que envían un sinal sobre a localización do animal. Ademais, tamén marcan as centolas con rexistradores electrónicos de datos que marcan periodicamente a temperatura e o a profundidade do lugar onde está cada exemplar. Normalmente recupéranse entre o setenta e o noventa por cento dos exemplares marcados por toda a costa galega. Os resultados provisionais desta investigación amosan que as centolas poden percorrer varios centros de quilómetros e que as súas migracións, que se dan a comezos de novembro, vense influídas polas variacións climáticas.