Un innovador proxecto en Ourense emprega o patrimonio etnográfico como terapia para os doentes de alzheimer

O valor terapéutico do patrimonio

Os camiños da memoria son retortos. Unha canción de infancia, a imaxe dun lugar coñecido ou un conto poden ficarnos gravados mentres se eslúen do noso maxín feitos ben máis importantes. Isto acontece tamén cando se padecen de doenzas coma o alzheimer, e os máis pequenos detalles poden servir para loitar contra esa desmemoria progresiva. Unha experiencia pioneira está a aproveitar en Ourense o noso patrimonio etnográfico para chamar polas lembranzas dos doentes deste mal.

De entre todas as visitas do pasado ano, o Museo Etnolóxico de Ribadavia recibía a dunhas persoas para quen os obxectos da nosa cultura tradicional alí expostos supuñan moito máis do que unha curiosidade. Tratábase dos doentes que participan nas actividades da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense, Afaor. "Todo xurdiu a partir dunha experiencia que fai La Caixa de Cataluña con enfermos de Alzheimer mediante actividades artesanais", explica Pilar Iglesias, responsable do centro ribeirense e coordinadora da iniciativa. "Nós sabíamos que Afaor traballaba con cestería, e como no museo temos habitualmente xornadas con xente deste e doutros oficios, tentamos abrir socialmente esas actividades cara a sectores que normalmente están esquecidos". Deste xeito comezaron os contactos con esta asociación, que deron na celebración dun obradoiro de cestería, primeiro no propio local da asociación e logo no museo, coa colaboración dun profesional deste oficio. Sempre coa orientación e a presenza dos psicólogos e dos acompañantes que tratan habitualmente os doentes.

Máis centros
Esta primavera a experiencia repetirase a unha escala maior grazas á colaboración entre a Consellaría de Cultura, a Vicepresidencia de Igualdade e mais a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense. "Isto púxose a andar a partir dun legado que había a favor de Cutura", sinala o delegado deste departamento en Ourense, Xosé Carlos Sierra. "Eran uns 20.000 euros que tiñan que se aplicar a unha actividade cultural e social ao tempo". Ao coñecer a iniciativa do Museo Etnolóxico pensouse que cumpría estes requisitos e buscouse ampliar o seu alcance. Deste xeito implicaron na actividade o Museo Galego do Xoguete de Allariz, a colección que sobre o mundo da escola se encontra no Concello de Trives e mais os xogos tradicionais que desenvolve a Asociación Brinquedia.

Reminiscencia
A base destas actividades está na coñecida como terapia de reminiscencia. "Esta terapia tenta desatar as lembranzas da infancia", explica Iglesias, que salienta as posibilidades que neste sentido achegan os xoguetes antigos, o vello material de escola ou procesos artesanais propios da sociedade tradicional. "O importante con este tipo de enfermos é traballar historias de vida mediante cousas coas que eles tivesen contacto", sinala a coordinadora desta proposta. "Canto máis áxil se manteña a mente do enfermo mais se atrasa o deterioro". Evidentemente este sistema só se pode aplicar en casos non moi avanzados da enfermidade. "Eliximos xa determinados grados para actuar. Débese ter coidado con non provocar sobreestimulacións. Hai que ir traballando para que as entradas aos museos non sexan todos a un tempo e que os pacientes se vaian familiarizando co novo contorno".


O exemplo téxtil
"En Ribadavia temos unha mostra sobre o téxtil en Galicia, que é algo con que a maior parte dos enfermos, con máis de sesenta anos e chegados do mundo rural, tiveron contacto", explica a encargada deste centro. Colchas, teares ou sabas de liño son algúns dos obxectos cos que traballarán nesta actividade. "Non se quere facer só unha visita. Trátase dunha experiencia a máis longo prazo", puntualiza. Deste xeito, xa na asociación de Afaor, e antes de achegarse ao museo, realízanse obradoiros para desenvolver actividades manuais arredor deste campo. Logo, dentro dos materiais que se encontran no centro, escóllense os máis axeitados, faise unha ficha individual de cada enfermo para saber con qué elementos tiveron contacto e finalmente prodúcese a visita, na que se busca a máxima adecuación entre cada caso e mais os elementos cos que interactúa o doente.

Interacción
"Para cada enfermo escollemos elementos determinados de cada exposición", explica Iglesias. "Do que se trata non é só de lembrar, senón tamén de desenvolver sensacións olfactivas e táctiles". Neste caso concreto iso conséguese integrando na actividade obxectos coma pólas de liño, flores ou o liño fiado que os participantes tocan e cheiran para logo expresar a súas experiencia e a lembranza que ten deses elementos. Ademais disto, na visita tamén se poderá ver unha recreación do traballo con este material e diferentes fotografías destes traballos. Ademais da función terapéutica desta actividade, a iniciativa ten tamén un fluxo de retorno cara aos centros que colaboran. "Os participantes poden achegar material que eles posúan relacionado cos temas que se tratan. Na actividade do ano pasado achegáronnos documentos moi interesantes, e explicáronnos as variacións da cestería segundo as zonas", completa Iglesias.

Ampliación de memoria
Se na anterior experiencia foron dez os enfermos que participaron no proxecto, desta volta agárdase ampliar a presenza. "Non debería haber máis de quince enfermos cos seus coidadores por cada grupo. Se a demanda é moita faremos varias quendas", explica Iglesias. Será a partir de febreiro cando comecen a se preparar as actividades na asociación, e para abril ou maio faranse as visitas en si. "Agardamos que o resultado sexa beneficioso para tentar aplicalo a outras provincias e tentar estendelo a persoas con patoloxías semellantes", apunta Sierra. "Partimos da idea de que os museos deben ter unha rendibilidade social", completa a responsable do Etnolóxico de Ribadavia. Quizais no futuro sexa máis habitual que o noso patrimonio sirva, tamén neste xeito, para nos devolver a memoria.