Unha ópera prima gaña un Festival de Cine de Ourense que olla cara o cine asiático

Asia chega a Ourense

O Festival de Cine de Ourense chegou ao seu fin. Fíxoo, como non podía ser doutro xeito, coa entrega dos premios da que é a súa décima edición. Unha década que deixou de lado aos nomes máis consagrados (Hanecke ou Von Trier) e buscou historias persoais e intimistas nos seus galardóns. Ademais, o palmarés deste ano deixa un claro arrecendo asiático.

“Schizo” é unha desas películas de iniciación que narra a evolución vital dun adolescente. A dun mozo de quince anos que se adentra no mundo dos adultos logo do pasamento dun dos boxeadores que o mozo da súa nai procura para combates ilegais. A frescura dese filme, que levanta a bandeira de valores como a inocencia, a ética e a importancia do mundo persoal, fíxolle merecedora da Calpurnia a mellor película. A ópera prima da kazakho Guka Omarova chegaba á cidade das Burgas cos premios obtidos nos festivais de Tokyo (Tokyo International Films Festival), Copenhague (Copenhaguen International Film Festival) e Marrocos (Morocco Film Festival). Pero, como xa acostuma a ser habitual, a opinión do xurado non coincidiu coa do público, que premiou “Illados”, a longametraxe dun vello coñecido do festival, David Marqueses (que gañou o mesmo premio hai tres anos con “De calquera maneira”).

Completa os galardóns para as longametraxes dúas producións asiáticas. Por unha banda o premio Carlos Velo ao mellor director foi para Ning Hao por “Mongolian Ping Pong”. Pola outra, o premio especial do xurado foi para “O arco” do coreano Kim Ki-duk que, fiel ao seu estilo, volveu a amosar as súas constantes fílmicas, como as personaxes difíciles cunha gran carga sentimental con imaxes inesperadas propias do esteticismo asiático. Precisamente ese achegamento á problemática persoal e individual que Kim Ki-duk consegue coa súa duodécima película pasa polo nivel interpretativo de Jeon Sung-Hwang, o vello pescador excesivamente proteccionista cunha novísima actriz que cuxa relación cambia cando ela se converte en muller. Un traballo que o xurado premiou como mellor actor .

Moi persoal
O correlativo feminino do premio de Jeon Sung-Hwang por “O arco”, foi para Mairead Mckinley por “Molly’s way” que sumou así un galardón mais por esa mesma interpretación, a conseguida na produción da alemá Emily Atef. Unha actuación destacada claramente de entre todas as interpretacións femininas propostas para este galardón. E das longas pasamos as curtas, onde Rubén Ametllé obtivo o galardón (Premio Aisge ao mellor actor) polo seu trabalo en “Extraviados”. A única mención galega no festival chegou da man da ben coñecida pola pequena pantalla Isabel Naveira, polo seu papel na curtametraxe “Quérote mal” que a fixo merecedora do Premio Aisge no seu apartado feminino.

Ourense en curta
Dun premio sae outro e iso foi o que aconteceu precisamente con “Quérote mal”. O guión feito por Mireia Giró gañara en xullo o certame de guións do proxecto “Compostela plató”. O premio consistía na materialización dese traballo e o festival de cine de Ourense, un dos primeiros lugares nos que se expuxo, concedeulle o premio Eixo Atlántico. O galardón do público para as producións de pequeno formato foi para “Medianeras” de Gustavo Tarreto, mentres que a Calpurnia nesta categoría foi para “Milk” de Peter Mackie Burns. Francés Talavera e G. Kapetanovic comparten o premio ao mellor director por “Retruc” e “En familj”, respectivamente.

Ourense documenta
César Silva comentaba a Culturagalega.org antes que comezara o festival, o crecente interese polo documental. Un xénero do que se recibiron un maior número de producións e no que competían dez traballos. O documental de Thorsten Trimpop, que recupera o testemuño de tres amigos que se atopan dezaseis anos despois de que foran torturados pola policía secreta (a Stasi) cando tentaron escapar da Alemaña do leste, obtívose co premio nesta categoría. Pero o xurado non quixo pasar por alto o testemuño dos nenos, nais e algún pai sobre a invasión norteamericana en Irak que Javier Corcuera retrata en “Inverno en Bagdad”. Un filme que obtivo unha mención especial.

Os premios in/dependentes
Comezou cunha coprodución galega “One day in Europe” e rematou cunha produción chilena “Mulleres infieis”, entrementres tivo lugar unha semana completa de actos e actividades que tanto espectadores como público puxeron en tea de xuízo a etiqueta de independente. Sen embargo, a listaxe de gañadores da sección competitiva non deixou insatisfeita a público e crítica á par que contribuíu a reforzar a imaxe de independente (deixando claro as diferenzas e as disparidades de criterios que leva consigo esta etiqueta).

O xurado resolveu conceder o gran premio a unha ópera prima, fresca, diferente e independente, deixando sen galardón a directores consagrados como Von Trier. Pero, ademais das boas cousas deixadas polas programación deste certame quedan claro dúas cousas. Unha é allea á propia realidade galega que é que o cine asiático terá moito dicir no panorama cinematográfico do futuro. A outra é que o panorama galego de festivais deberá definir o seu futuro. O inminente anuncio de Emilio Pérez Touriño da creación dun festival Chano Piñeiro en Vigo complétase un panorama no que han de convivir o Festival de Ourense, Cineuropa (cun pequeno orzamento ofrece máis de cen filmes inéditos en Galicia) ademais dunha morea de pequenos festivais ou eventos audiovisuais.