A ornitoloxía mobiliza en Galicia un bo numero de afeccionados arredor do mundo das aves

Afección de altos vos

Todos sabemos que pola primavera veñen as andoriñas. Algúns menos decátanse da súa marcha e da correspondente chegada dos estorniños no outono. Sabemos que as cidades están inzadas de pombas e que as gaivotas son un problema nos vertedoiros de lixo. E o son do canto do cuco. Aí acaba a conciencia de boa parte dos galegos sobre a presenza das aves no país. Sen embargo, existe un nutrido grupo de amantes destes animais que coñecen polo miúdo as migracións de volátiles que pasan ou paran por Galicia, e que se preocupan por saber o máis posible destes compañeiros con plumas.

O interese pola ornitoloxía mobiliza neste país un bo feixe de persoas. Para alén dos que levan por libre a afección de ollar paxaros, existen varios colectivos que agrupan e organizan moitos afeccionados. A Sociedade Galega de Historia Natural naceu precisamente en 1973 como grupo ornitolóxico e mantén desde entón unha intensa actividade neste campo, agrupando arredor de quiñentos trinta socios. Canda a este colectivo, a Sociedade Galega de Ornitoloxía e a división galega da Sociedade Española de Ornitoloxía-Birdlife reúnen un bo lote de afeccionados. “A nivel galego e nun cálculo feito ‘grosso modo’, poden ser arredor de 2000 persoas asociadas a algún destes colectivos”, explica Agustín Alcalde, delegado en Compostela da SGHN e activo ornitólogo. A maior parte da xente, segundo apunta este veterano da observación de aves, “comeza na afección polo puro goce estético de ollar os paxaros e de dar longos paseos pola natureza”.

Para comezar
A participación nestes colectivos permítelles aos afeccionados un intenso intercambio de información que lles permite incrementar o seu coñecemento sobre as diferentes especies e participar en diferentes propostas. “Organizamos actividades de introdución para os afeccionados. Practicamente cada fin de semana hai saídas de observación con persoas que teñen certa experiencia e ás que se poden apuntar todos os interesados”. Ademais, o grupo ornitolóxico da SGHN desenvolve tamén tarefas máis especializadas. “Montamos cursiños de identificación, de recoñecemento de cantos e outras actividades máis específicas como son censos de aves acuáticas e mais anelamento de exemplares, que xa esixen certos coñecementos”.

Precísase ornitólogo
Ademais de ser unha afección, a ornitoloxía pode ser tamén unha actividade laboral. Xavier Vázquez Pumariño, que colaborou na realización do Atlas Español de Aves, é un exemplo de ornitólogo profesional. “Hai uns anos podía ser sorprendente esta profesión, pro agora precísanse servizos específicos coma técnico en ornitoloxía”, explica. “É moi frecuente para os parques eólicos, xa que un dos efectos máis inmediatos destas instalacións prodúcese sobre as aves, que ademais da degradación do hábitat, en ocasións morren directamente nos xeradores”. Deste xeito, as análises de impacto e os esforzos para minimizar os efectos das hélices precisan dun técnico deste tipo. “As aves ademais son moi bos indicadores ambientais, e iso é quizais o que máis me gusta delas. Un ornitólogo que chegue a un lugar só dando un paseo e observando as aves, tanto o número como as especies, pode saber como está ese ecosistema”. Esta capacidade da fauna avícola fai que estes especialistas sexan requeridos para avaliar o estado de diferentes espazos naturais.

Sitios para ollar
En xeral, os interesados neste campo teñen no noso país un espazo estupendo para facer observacións. “En Galicia dispoñemos de diferentes ecosistemas, tanto de campo e de bosque como de costa e lagoas. Con esta variedade de medios estamos nunha zona bastante privilexiada para a observación”, advirte Agustín Alcalde. Catorce zonas, que supoñen unha superficie de máis de 71.500 hectáreas están declaradas no noso país Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPAs) e incluídas dentro da Rede Natura 2000. Dentro delas, lugares coma a Ría de Ortigueira, o Complexo intermareal Umia-O grove, Corrubedo, a Lagoa de Valdoviño ou a Ría do Eo son espazos predilectos para os amantes destes animais pola cantidade de exemplares e a variedade de especies que concentran. No interior son as zonas da Baixa Limia-Xurés, a Serra da Enciña e mais os Ancares as que están protexidas deste xeito. Ademais destes lugares, a Sociedade Española de Ornitoloxía ten unha lista do que chaman IBAs ou Espazos Importantes para as Aves (nas súas siglas inglesas) nos que recolle, canda ás ZEPAs algún outro que, como a Limia, non ten esa protección, indicando ademais as ameazas para a conservación de cada zona.

Aves de paso, aves da casa
O feito de que a maior parte das zonas destacadas de aves do noso país estean na costa ten moito que ver coa nosa privilexiada posición nas rutas migratorias da aves mariñas de toda a Fachada Atlántica, que nos converte en zona de paso e de invernada para moitas especies. “O contorno mariño de Galicia é moi interesante ornitoloxicamente”, explica Pumariño. “Practicamente todas as aves mariñas europeas pasan por aquí, en primavera cara ao Norte e en outono cara o Sur”. Deste xeito, cada ano máis de sesenta mil exemplares de especies acuáticas son censadas polos diferentes observadores que se aprestan no noso país. Ademais, “Galicia é un dos lugares onde máis se rexistran especies raras dentro a avifauna”, sinala Alcalde. “Todos os anos aparecen exemplares procedentes de Norteamérica e doutras latitudes”, desprazados das súas rutas habituais polos ventos. Para alén destas peculiaridades, non somos, segundo destaca Pumariño, un espazo destacado neste campo. “Polo xeral temos especies moi comúns dentro ámbito Atlántico-Eurosiberiano, moi semellantes ás que se poden encontrar en Asturias, Francia ou Alemaña”. Fóra diso, o noso país acolle algunhas especies particulares. “Temos algunhas das colonias de Gaivota Patiamarela máis importantes do mundo nas Illas Atlánticas”, lembra este ornitólogo profesional, ademais de especies en perigo coma o Arao ou a Gaivota Tridáctila. Pumariño reclama tamén atención para as aves presentes en espazos agrarios. “Son zonas que en xeral ninguén valora, paisaxes agrícolas tradicionais no interior de Lugo e de Ourense que conteñen un grupo de especies moi interesante que a miúdo teñen problemas de viabilidade noutros lugares e que aquí se dan en cantidades importante, como é o caso da a tartaraña ou ‘aguilucho cenizo’ en español”. Neste caso, a escasa investigación é, segundo el, responsable deste descoñecemento.

Turistas de paxaros
Aínda que pode semellar que o noso país ten unha grande potencia coma destino de turismo ornitolóxico, polo momento esta actividade non ten unha especial relevancia. “O turismo ornitolóxico vai a lugares onde se poden observar especies que non poden ver nos seus países de orixe. Un dos países con maior tradición é o Reino Unido”, apunta Pumariño, “e aquí temos unha avifauna bastante semellante á de aló. Os turistas británicos van máis a lugares coma Extremadura ou Andalucía”. De calquera xeito, dentro da Península, Galicia é un destino habitual para os ornitólogos, que poden observar grandes cantidades de exemplares de determinadas especies. Pola súa banda, Alcalde confía en que no futuro se poida desenvolver este tipo de actividade “En Galicia o turismo ornitolóxico aínda non está moi estendido, pero co tempo hase chegar a niveis coma os de Andalucía ou Cataluña”.

Botarse ao monte
Para os que estean interesados en probar a arte de observar volátiles, desde a SGHN Alcalde ten claras as recomendacións. “Moito entusiasmo e paciencia serían os requisitos básicos. Ao comezo resulta un pouco complicado diferenciar especies, fai falla constancia. O óptimo é ir con alguén que xa teña experiencia”. Este ornitólogo advirte que, a pesar da existencia de lugares especialmente ricos en fauna avícola na nosa xeografía non cómpre ir moi lonxe. “Só dando un paseo polas proximidades das nosas vilas e cidades podemos observar moitas especies. Calquera bosque ou zona de monte próxima son axeitadas para gozar desta experiencia”, sinala. Non son poucos os lugares, coma a Lagoa de Cospeito (Lugo) ou o as Gándaras de Budiño (Pontevedra), nos que existen observatorios construídos para este propósito. En canto a equipo, non recomenda complicarse moito a vida. “Os prismáticos sempre van cos ornitólogos, e en boa parte dos casos acompáñanse cunha cámara”, aínda que o de tirar fotos destes animais será mellor deixalo para cando esteamos mais bregados no tema.