Todo aquel que visite O Camiño antigo saberá un pouco de Galicia, ou polo menos dos seus costumes, as súas tradicións e os seus modos de vida máis tradicionais. Ten de bo que é fácil de visualizar, que está en tres idiomas (galego, inglés e castelán) e cunha calidade que asombra a todos os que saben que foi feito polos alumnos. Alberto Cairo, director de infografía de Elmundo.es, é agora profesor na universidade de Carolina del Norte e parte integrante deste proxecto. Destaca, entre outras cousas, a súa gran calidade, e sobre todo a súa infografía porque a calidade é realmente boa e están ata un 120% por riba do que é habitual para alumnos que hai catro ou cinco meses que se iniciaron na infografía. De feito, o proxecto preséntase aos premios máis prestixiosos que hai no mundo do deseño: o da SND (Society for News Design), o ONA e o Malofiej, así como diversos premios de fotografía.
Unha nova forma de aprender
Por riba de todo, O camiño antigo, ademais de ser un documental multimedia que pretende amosar a cultura de Galicia é un proxecto pedagóxico. Entre outros obxectivos, explicaba Alberto Cairo, o que se pretende é conseguir é que os alumnos cando saian da facultade poidan ter un prestixioso premio no seu haber e un traballo máis que sumar ao seu portafolio. É dicir, un aval do seu saber facer que lles abra unha porta nun mercado laboral que demanda cada vez máis infografistas.
O proxecto foi presentado en decembro de 2004, ao abeiro do I Congreso Iberoamericano de Periodismo Dixital que tivo lugar na facultade de Santiago de Compostela. Alí, membros das tres universidades implicadas, a de Santiago, a dos Andes (Chile) e a de Carolina do Norte en Chapel Hill decidiron unir os seus esforzos nun produto multimedia que servira para recoller as peculiaridades culturais de Galicia. Non é un proxecto novo, explica Cairo, xa que a Universidade de Carolina xa desenvolvera traballos moi semellantes sobre outras culturas locais. O formato e o concepto era o mesmo que aplicaron tanto en Historias Chillotas (www.chiloestories.org), que amosaba a vida dunha illa no sur de Chile, unha rexión que conserva moita tradicións ancestrais de grande interese antropolóxico, como en Ten Years Old(www.tenyearson.com), que recollía o décimo aniversario da fin do Apartheid en Sudáfrica. Dous traballos que foron galardoados pola SND, pola Online News Association ao mellor proxecto estudiantil e finalista dos ONA. Sendeiros polos que tamén recorrerá O camiño antigo.
A forma de traballo
Aínda que a parte forte do traballo tivo lugar durante un mes en horario de nove da mañá a doce da noite, de luns a domingo, o proxecto xestouse moito antes. O primeiro que había que facer, explicaba Alberto, era definir un borrador de historias sobre as que traballar. É dicir, trazar as características locais que definían a Galicia como área. Non se trataba de pechar as historias, senón definir os grandes temas que había que abordar para que logo o equipo de traballo puidese encher de contido cada un dos apartados. Cada historia tiña dous minutos e medio para contar unha historia que tiña que trascender o puramente descritivo, é dicir, tentar amosar o conxunto desa persoa, tanto na súa casa, como no traballo.
A organización do traballo respostaba aos parámetros estrictamente multimedia. Había deseñadores, videógrafos e fotógrafos, reporteiros para audio e texto e infografistas. Agora ben, cada historia contaba cun equipo de traballo de entre dous e tres estudantes formados por reporteiros, fotógrafos e, no caso de que a historia o requerise, un infografista. Había unha cuestión imprescindible, explicaba Cairo, que é que os equipos estiveran formados por estudantes de distintas universidades. A cada grupo propúñanlle unha historia de traballo que logo eles deberían ir definindo os contidos. O principal problema que tiveron, explicaba Alberto, non foi nin cultural, nin técnico, senón idiomático, tanto pola parte dos americanos que non falaban moi ben o español, nin polos galegos e chilenos que non tiñan un dominio do inglés.
A día de hoxe, co proceso forte de traballo rematado só falta pulir determinados detalles e correccións para que O camiño antigo estea completamente finalizado.

Como se crea un infográfico
A pranta da Catedral.
Cairo: O primeiro lugar houbo que ir á catedral para localizar exactamente onde se bota o botafumeiro.

Como se crea un infográfico
O procedemento.
Cairo: Había que recoller información sobre onde están os piares, os puntos de apoio, a estrutura desde a que se colga o botafumeiro

Como se crea un infográfico
Os tiraboleiros.
Cairo: Despois había que determinar como os tiraboleiros agarraban o botafumeiro e procedían a botalo

Como se crea un infográfico
Crear movemento.
Cairo: Unha vez definido cal é o punto e apoio e onde o collen os tiraboleiros, procédese á creación de movemento do botafumeiro. As ferramentas empregadas para facelo foron o Macromedia Freehand, 3D Studio Max e o Macromedia Flash.

Como se crea un infográfico
O botafoumeiro.
Cairo: Resultado final do botafumeiro.