A gratuidade dos libros de texto no ensino primario acentúa a polémica que enfronta a Xunta con libreiros e editores

Os libros da polémica

Hai dous anos, a Xunta iniciaba un programa para que os libros de texto fosen de balde. A medida pretendía ir chegando paulatinamente a diferentes cursos ata chegar á totalidade do Ensino Obrigatorio. A unha semana do comezo do curso 2004/2005, o novo goberno acaba de aprobar a ampliación desta gratuidade a todo o Ensino Primario. Aos libreiros, que xa ven ameazada desde hai anos a súa supervivencia, súmanse agora os editores ao protestar por un sistema que, ao incidir na reutilización dos libros, afectará enormemente ás vendas.

Poucas cuestións no campo da edición e da comercialización dos libros son tan polémicas como a gratuidade dos libros de texto. Desde hai moitos anos tanto as asociacións de pais de alumnos coma moitos profesores reclaman que ese gasto sexa cuberto pola Administración coma parte do dereito á educación libre e gratuíta. O goberno do PP iniciaba no curso 2003-2004 un proceso de implantación progresiva desta gratuidade empregando o sistema de empréstito do material. Os libros adquírense nas librerías e, logo do curso, quedan depositados nos centros de ensino ata o seguinte curso, en que pasan a mans doutros alumnos.

A ampliación da gratuidade
Xa entón tanto libreiros coma editores protestaron por un sistema de gratuidade que, ao seu ver, prexudicaba seriamente o sector. Desde aquela sucedéronse os chamamentos a negociar un xeito alternativo de garantir os libros de balde. “Co goberno anterior esiximos un estudo sobre as repercusións desta medida no sector, e contestáronnos que carecían deses datos e o actual goberno tampouco os ten”, apunta Manuel Bragado, secretario da Asociación Galega de Editores. Aínda que a mudanza de goberno levou ao sector do libro a agardar un maior diálogo nesta política, o anuncio que fixo o martes seis de setembro o presidente Touriño de aplicar xa para o curso 2005-2006 a gratuidade total no ensino primario, provocou unha inmediata rebelión de libreiros e editores.

O anuncio e os pais
O presidente da Xunta facía pública a medida logo de manter unha xuntanza, canda a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, con representantes das federacións galegas de asociacións de pais de alumnos. Segundo anunciaba o presidente, deste xeito cumpríase un dos dez compromisos do seu programa coma candidato á Presidencia da Xunta. A proposta, que afecta a case 124.000 alumnos, supón para as arcas públicas un custo de case trece millóns de euros. Touriño anunciou tamén que nos vindeiros anos se estenderá este sistema a todo o ensino obrigatorio e asegurou que pretende desenvolver medidas de apoio ao sector para amortecer o impacto deste programa. Os cálculos son que esta medida suporá unha media de catrocentos euros de aforro para cada familia galega. O presidente da Confederación Galega de Pais de Alumnos (Congapa), Constantino Iglesias, cualificou de “sorprendente” a medida e desde a Confederación Galega de Asociacións de Pais de Alumnos de Centros Públicos (Confapa) aplaudiuse a iniciativa, que suporá “un grande alivio”a para as familias.

A resposta do sector
“Valoramos este anuncio con sorpresa e con bastante indignación porque o sector no foi consultado para nada”, sinala Xaime Corral, presidente da Federación de Libreiros. “Pedimos que o presidente retire inmediatamente esta proposta por precipitada, parécenos surrealista”. Desde a Asociación Galega de Editores, Bragado destaca que esta medida “amosa escaso coñecemento da situación do sector” e sinala que “o anuncio semella máis propagandístico do que normativo”. Xa o pasado mes de abril, a Asociación Galega de Editores sinalaba os problemas que presenta este sistema de gratuidade. Ao seu ver, e segundo o texto que recolle a postura oficial do sector está “considerado obsoleto no resto de Europa, presentou moi graves deficiencias pedagóxicas e funcionais onde foi aplicado e desvía unha parte moi importante dos recursos destinados aos libros aos gastos do seu almacenamento e á xestión do préstamo”. Segundo os editores, en Francia estes gastos chegaron a supor o 45% do orzamento total co que contaba o programa. Neste sentido os editores, ao igual que os libreiros, apostan por un sistema de cheque-libro no que a administración simplemente cubra os gastos de adquisición de material que ten cada familia.

Outros problemas
Dentro dos problemas do actual sistema, os dous sectores destacan a tardanza no pagamento aos libreiros, que foi xa motivo de queixa destes profesionais desde a posta en marcha do sistema hai apenas dous anos. A nivel pedagóxico, os profesionais do libro destacan a obsolescencia en que poden quedar algúns destes materiais (nalgúns casos aínda pendentes de adaptar á mudanza na normativa do idioma) ao ser repostos unicamente cada catro anos, ou a diminución no número de títulos ofertados ante a dificultade que pode ter para os editores amortizar tiraxes pequenas coma as que se fan para materias optativas na ESO.

Efectos industriais
Os efectos desta medida poden ser, segundo os libreiros, o peche de ata o 45% por cento das librerías galegas nos vindeiros catro anos. “Isto é poñer contra as cordas o sector do libro, desde creadores a editores ou vendedores, catro mil cincocentas persoas das que as metade poden ir ao paro”. Aínda que a afirmación pode parecer esaxerada, a realidade é que “hai máis de mil puntos de venda no que se venden libros, e a media é que a metade dos ingresos que se fan nunha libraría nun ano son nos meses de setembro e outubro”. Segundo un informe da Asociación Galega de Editores, o baixo índice de compra de libros en Galicia fai que o sector dependa nunha maior medida dos textos educativos do que noutros lugares, xa que supón nada menos que o trinta por cento da facturación por venda de todo o país. En cartos, e con cálculos realizados sobre o actual sistema de préstamo, as librerías poderían perder máis de vinte e un millóns de euros, a terceira parte da súa facturación total, e as editoriais case tres millóns, un 19,18% do que venden. Os editores remiten ao caso francés como exemplo de fracaso neste sistema. Segundo aseguran os seus informes, o estado tivo que intervir para evitar o peche de numerosas editoriais que foron tempo despois privatizadas de novo e acabaron practicamente todas nas mans dun único grande grupo industrial que controla a edición de todo o libro de texto no país.

Reclamacións
Desde o anuncio da medida os dous colectivos reclaman que se teña en conta o sector á hora de adoptar esta medida e que se acorde con el o xeito en que se vai implantar. “A Asociación Galega de Editores propón con carácter urxente a creación dunha Mesa Técnica Sobre a Gratuidade”, apuntaba onte o presidente do colectivo, Miguel Anxo Fernán Vello. En xeral, tanto eles coma os libreiros lamentan que non se lles teña contactado nin informado das intencións do goberno. Ao tempo, os dous colectivos profesionais lembran que defenden desde o comezo a gratuidade dos libros de texto, “nós fomos os primeiros en reclamar medidas neste sentido”, lembra Xaime Corral en nome dos libreiros. “Nin os editores nin os libreiros merecen ser considerados danos colaterais por fogo amigo” conclúe Bragado. Desde a Xunta, o primeiro movemento ata o de agora foi a xuntanza que reuniu representantes do sector editorial co Conselleiro de Industria, Fernando Blanco. Logo do encontro do Consello da Xunta que aprobou oficialmente a media, cualificada polo presidente Touriño como “de fondo calado social”, o Goberno anunciou a posta en marcha dunha mesa na que estarán representadas as consellerías de Industria, Educación e Cultura para negociar apoios ao sector. O futuro do libro en Galicia está aberto.