O naturismo gaña forza en Galicia coma unha alternativa turística e vital

Unha perna tapa a outra

Unha opción tan sinxela e milenaria como é gozar na natureza sen roupa leva anos a ser motivos de polémica en Galicia. Aínda que cada vez menos, os conflitos pola presenza de persoas que optan polo nudismo nas nosas praias saltan cada verán á prensa. Sen embargo, o naturismo, ademais de todo un estilo de vida que agrupa a persoas do máis variado, é tamén unha posibilidade de turismo moi pouco explotada no noso país.

Afogado polas ríxidas leis do Estado e pola propia sociedade durante a ditadura franquista, a historia do nudismo coma movemento e opción vital comezou en Galicia aínda nos anos setenta. Se non contamos, claro, o tradicional costume de se bañar espidos en ríos e mares a falta dalgún traxe axeitado para se cubrir. A pesar da novidade do invento no noso país, o nudismo conta sen embargo con máis de cen anos de historia fóra das nossas fronteiras. Segundo informa a propia Asociación Galega de Naturismo (ANG), o nacemento deste movemento sitúase en 1906 en Alemaña coa publicación do libro “A nudez” por Richard Ungewitter. Este estudoso analizaba as vantaxes que para o corpo e para o equilibrio psíquico supón exporse espido ao aire e ao sol, canda a unha alimentación equilibrada. Seguindo esta idea, a Federación Naturista Internacional define este movemento coma “unha forma de vivir en harmonía coa natureza, caracterizada pola práctica do espido en común, coa finalidade de favorecer un mesmo, os demais e o medio”.

En Galicia
A cuestión é que foi coa chegada da democracia, e da man da experiencia previa noutros países, como se foi introducindo o nudismo nas nosas praias, conseguindo axiña unha boa cantidade de adeptos. Son patrimonio popular as múltiplas anécdotas da historia do naturismo no noso país. As historias máis habituais relatan os enfrontamentos dos veciños de praias afastadas, que reivindican o tradicional emprego do lugar con traxes de baño, coa xente que opta por ir á praia sen eles. Ano tras ano casos deste tipo saltan á televisión, mesturándose as anécdotas graciosas con intentos de agresión ou de impedir o acceso ás praias, e mesmo con intervencións policiais tentando limitar o emprego nudista destes espazos.

A evolución legal
Desde a aprobación da última reforma do Código Penal, en 1989, non é delito ir espido á praia. De feito nin sequera é delito ir espido pola rúa nin por espazo público ningún, sempre que non haxa intención sexual no feito de non levar roupa. “Só pode haber restricións en lugares privados, pero non se pode multar nin deter a ninguén por ir espido”. Existe, de calquera xeito unha serie de lugares, fundamentalmente praias, que son espazos tradicionais para a práctica desta modalidade de ocio. Ben polo simple emprego ao longo dos anos ou ben porque foran declaradas áreas nudistas na anterior lexislación, continúan a concentrar as visitas de boa parte dos amantes de ir sen roupa. Na actualidade están recoñecidas polos concellos coma praias nudistas dezaoito areais da nosa costa, aínda que por emprego habitual a cifra chega aos 57. A praia de Arealonga, onda ao Castro de Baroña, viu pasar sobre as súas areas boa parte da evolución do nudismo en Galicia. Desde os tímidos comezos iniciais, incluíndo persecucións por parte dos veciños, ata a actual xeneralización do emprego nudista do areal en harmonía cos que prefiren usar traxe de baño. Canda este a lista de areais é longa. Entre os máis coñecidos a cala dos Alemáns en Foz, a de Portonovo en Viveiro, Barrañán en Arteixo, Bascuas en Sanxenxo, Melide en Ons ou Barra en Vigo.

Dereitos e conflitos
Queda para a Historia a detención de catorce persoas pola Garda Civil en 1983 cando reivindicaban o seu dereito a estar na praia de Arealonga sen roupa, e cada vez é máis aceptada a tendencia a despoxarse da roupa toda para ir tomar o sol e nadar. Sen embargo, os habituais conflitos que se dan entre “téxtiles” e nudistas nestas zonas e mesmo a intervención da autoridade tentando limiar os dereitos a ir espidos, levaron á creación da Asociación Naturista de Galicia en 1997. Este colectivo pretende servir de referencia aos practicantes do nudismo cando estes ven atacados os seus dereitos. Desde este colectivo sinalan que en ocasións hai concellos que, apoiándose en regulamentos municipais anteriores á reforma do Código Penal, tentan limitar o nudismo, e lembran que estas normas non son efectivas por contradicir unha lei superior.

Turismo e naturismo
Para aclarar estas cuestións, a ANG editou un tríptico explicando qué facer de se presentaren problemas coa autoridade neste sentido. Pero ademais da axuda legal, a Asociación preocúpase de dar a coñecer novos lugares nos que se vai incorporando a práctica do naturismo, na busca dunha masa social que normalice este movemento. Este colectivo lamenta que “a falta de preparación da sociedade” impediu que lugares coma Arealonga se convertesen “na punta de lanza do nudismo no norte de España”. Unha posibilidade que, ademais de ser unha alternativa de ocio, pode ter tamén visos de negocio. Na última edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur), un grupo de colectivos naturista de todo o Estado presentou un posto no que sinalaban diferentes destinos turísticos para os habituais desta práctica, entre eles, por suposto, unha selección das praias do noso país. E é que tirar o traxe de baño achega moitas posibilidades.