O encontro Galeusca reflexionará sobre o impacto da IA

Reúne esta semana en Santiago a representantes da literatura galega, vasca e catalá

Os vindeiros días 19 e 20 de setembro o Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela acollerá a celebración do encontro Galeusca. Este foro anual reúne representantes da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC), que representan case 2800 autoras e autores no conxunto das tres entidades. O Foro Galeusca fundouse formalmente en 2008, e conta con precedentes de encontros anuais históricos celebrados desde 1984.

Neste espazo de diálogo póñense en común perspectivas sobre a creación escrita nos nosos tres sistemas literarios recuperando e ampliando, deste xeito, os vínculos e as reflexións conxuntas levadas a cabo en anteriores encontros, centrándose, neste caso, en temas de actualidade como o impacto da Intelixencia Artificial desde a perspectiva das linguas e literaturas minorizadas ou a literatura de tradición oral. O relatorio inaugural versará sobre a traxectoria de Galeusca e estará a cargo de Goizalde Landabaso, acompañada por Sebastià Portell (presidente da AELC) e Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG). Entre outros puntos, o programa levará a reflexionar sobre a Intelixencia Artificial desde a perspectiva das linguas e literaturas minorizadas e sobre literatura de tradición oral, entre outras temáticas.