Pontevedra acolle o encontro Poshumanismos interdisciplinares na arte e a ciencia

A Universidade de Vigo acolle este seminario que reflexiona encol dos "novos desafíos na intersección entre arte, ciencia e tecnoloxía"

Da man do grupo de investigación dx5, a Universidade de Vigo celebra os vindeiros 17 e 18 de setembro en Pontevedra o encontro Poshumanismos interdisciplinares na arte e a ciencia. Esta iniciativa, nada da investigación posdoutoral de Antía Iglesias permitirá coñecer os proxectos e procesos de traballo de artistas e investigadores vinculados, desde diferentes perspectivas, á idea de bioarte, entendida "como un espazo fundamental para recoller aquelas prácticas non convencionais e transgresoras, que xorden na fronteira entre a arte e o que chamamos natureza", segundo apunta a investigadora.

O grupo dx5, no que participan a Facultade de Belas Artes, a Escola de Enxeñaría Forestal e o Campus Crea insire no marco do IX Foro Internacional de Creación na Fronteira este seminario, que se desenvolve por vez primeira no noso país logo de dúas xeiras en Nova York baixo o lema Art at the Edge of Nature. Os traballos de seis investigadoras e investigadores nestes ámbitos, ademais dunha mesa redonda dirixida sobre o futuro destas prácticas en España compoñen o programa.

O investigador da Universitat de Barcelona Daniel López Rincón, abrirá o encontro a falar sobre a conexión da arte "con debates contemporáneos, abordando as relacións entre arte, ciencia, tecnoloxía e natureza". A catedrática da Universidad Europea de Madrid Esther Pizarro, directora do grupo EcoBD Lab, abordará á súa vez nesa primeira xornada "a intersección entre arte, urbanismo, ecoloxía e tecnoloxías dixitais, con especial atención á visualización de datos, o cambio climático e as novas paisaxes urbanas".

O día 18 será Paula Bruna, profesora do Centro Universitario de Artes e Deseño de Barcelona, quen amosará o seu traballo a combinar "fundamentos científicos, ficción especulativa e prácticas artísticas para explorar perspectivas máis-que-humanas como forma de coñecemento ecolóxico". Os proxectos desenvolvidos con fungos polo artista e investigador Santiago Morilla, da Complutense de Madrid, e as prácticas artística de Elena Lavellés a explorar "as capas sociais e xeolóxicas vinculadas ao capitalismo, a explotación de recursos e os movementos de resistencia" fan tamén parte desta sesión, que fechará o director do grupo de investigación Sostenibilidad, Ciencia y Arte da Complutense, José Carlos Espinel a presentar proxectos nos que combina impresión 3D, robótica e videoxogos para abordar temas como a ecoloxía e a xustiza social.