O proxecto CICA Gallery integra ciencia e arte na Universidade da Coruña

Cinco artistas desenvolven residencias en laboratorios no marco desta iniciativa

Cinco artistas desenvolven residencias en laboratorios no marco desta iniciativa
Desde o final do pasado mes de xaneiro e ata o 8 de abril, cinco artistas están a desenvolver cadansúa residencia creativa nos laboratorios e instalacións doutros tantos grupos de investigación da Universidade da Coruña. A primeira xeira do proxecto CICA Gallery, promovida desde o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña pretende achegar ciencia e arte.

A ceramista Verónica Moar participa como artista sénior no proxecto, a colaborar co grupo UDCSólidos. O escultor e instalador Breogán Torres Xague, está a se inspirar no traballo do grupo de Bioloxía Costeira (Biocost) para desenvolver unha obra. A deseñadora téxtil Inés Rodríguez (Rir&Co) experimenta canda ao grupo Nanoself as posibilidades de novos tecidos mentres a artista multidisciplinar María Cillas traballa canda ao grupo de regulación xenómica Exprela. Finalmente, Irene Sáenz aplica o seu traballo en fotografía analóxica e vídeo ao grupo de investigación en Xestión sustentable dos recursos hídricos e do solo Aquaterra.

O programa acolleu nesta primeira xeira prazas para 4 artistas júnior, que están a iniciar a súa carreira, e unha sénior, tendo que ser persoas radicadas en Galicia "ou vinculados coa cultura galega", segundo sinalan as bases. Cada participante ten acceso aos laboratorios participantes e conta cun espazo específico para abordar o seu traballo creativo. Ademais, as estancias júnior están dotadas con 700 euros para costear a produción das obras, mentres a sénior conta con 1.500. A estes súmanse 2.500 euros brutos para artistas júnior e 4.000 para a sénior en concepto de manutención e honorarios.

Cada participante comprométese a producir dúas obras, unha das cales exporase nos propios espazos que participan na iniciativa e pasará a facer parte da colección pública da Universidade da Coruña. A outra poderá verse nunha exposición colectiva na sede da Fundación DIDAC, en Santiago de Compostela e quedará en propiedade da persoa creadora.