Andrea Gatapoulos, Fon Cortizo e Alicia Moncholí fanse cos premios do FICBUEU

O certame de curtametraxes tamén recoñeceu traballos de Rúnar Rúnarsson, Delia Hess e Paula Pereira

O certame de curtametraxes tamén recoñeceu traballos de Rúnar Rúnarsson, Delia Hess e Paula Pereira
O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) entregaba este 13 de setembro os galardóns da súa décimo oitava xeira. Andra Gatapoulos obtivo o primeiro premio do encontro con The Egggregores' Theory, que o xurado recoñeceu "pola súa ousada orixinalidade e impresionante resonancia, dando forma a un universo de visións espectrais e monstruosas onde as palabras adquiren un peso perigoso".

Canda a esta produción, na categoría xeral levou unha mención especial Percebes de Alexandra Ramires e Laura Gonçalvez. O galardón á mellor curtametraxe galega foi para Abellón de Fon Cortizo. A obra, segundo recolle o fallo "ten a capacidade de incorporar a audiodescripción como elemento narrativo, mergullando o espectador nunha relación innovadora coas imaxes". A nivel estatal, o xurado recoñeceu como mellor curta española Campolivar de Alicia Moncholí, "unha viaxe incómoda que fuxe da nostalxia a través da utilización simbólica dun espazo familiar e cinematográfico".

A produtora e xestora cultural Beatriz Hernández, o cineasta e docente Eloy Domínguez Serén e o programador Massimo Ianetti foron os encargados de escoller os proxectos premiados nestas categorías. O galardón do público, á súa vez, foi para O de Rúnar Rúnarsson.

O xurado composto pola xestora cultural e programadora María Juárez, a compositora musical e deseñadora Elba Fernández e o cineasta, crítico e tradutor Xavier Montoriol, pola súa banda, seleccionou como Premio á mellor curtametraxe Descubertas On Hold de Delia Hess "pola súa forma de condensar nunha imaxe poética unha situación cotiá de espera e mergullarnos con sinxeleza nun ritmo propio".

Tamén lle outorgou o premio á mellor curtametraxe GZ_00 a Algo novo que contar de Paula Pereira "por facer da escoita unha ferramenta narrativa que potencia o relato e por xerar unha intimidade coa forma de filmar os seus personaxes". A mellor curtametraxe de escolas de cinema internacionais foi para Crow Man de Yohann Abdelnour, mentres nas escola de cinema galega a galardoada foi Aira Portos Rey por Praza do punto.

Os premios entregáronse nunha gala amenizada pola música ao vivo de André Soaxe e Martiño Malleiro Díaz.