“Viñetas desde o Atlántico” chega á súa oitava edición cunha forte presenza da BD galega

Atlántico, galego e independente

Coa presenza de autores como Javier Olivares ou George Pratt, esta edición de "Viñetas desde o Atlántico" xira arredor da creación e da autoría independente. Mais non hai que ir lonxe para dar cos creadores e títulos que agroman no sector alternativo: Con abondosos autores, obras e exposicións, Galicia marca a pauta no salón de banda deseñada da Coruña.

No "Viñetas" de 2005 por vez primeira un único e amplo mostrador reúne os principais promotores da banda deseñada do país: o selo BD Banda, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e o colectivo Polaqia. Un síntoma da actividade e vocación colectiva que exhibe o cómic galego da actualidade. Neste marco chégalle o éxito a David Rubín, un autor que traballando desde o sector independente para revistas como a propia "BD Banda" ou a granadina "Dos veces breve", gañou este verán o I premio Castelao da Deputación da Coruña coa novela gráfica "Onde ninguén pode chegar".

BD Banda
BD Banda inauguraba o xaneiro pasado a colección homónima de álbums en edición de luxo (tapa dura e a toda cor) da que esta semana presentou a terceira entrega, dedicada a Tito Longueirón. Este personaxe de Pinto e Chinto, humoristas gráficos de “La Voz de Galicia”, foi serializado na extinta revista “Golfiño”. Tito Longueirón é un personaxe cómico que, sen palabras, sempre demostra que no ámbito de calquera deporte vale máis a maña que a forza. O álbum compila unha selección das mellores páxinas xa editadas, todas elas mudas, xunto cunha entrevista e materiais adicionais. Ademais, "BD Banda", premiado como mellor fanzine no Salón de Barcelona, publica de novo o seu número 6 cunha impresión mellorada. A revista conta con cen páxinas a toda cor e unha representación escollida da banda deseñada do país.

Polaqia
Polo seu lado, o colectivo Polaqia, que ao igual que BD Banda leva xa catro anos de actividade, ten acadado a quincena de títulos incluíndo obras de corenta autores. Polaqia é o selo que máis títulos estrea nesta ocasión, até catro cómics. Emma Ríos fecha a súa triloxía "A Prueba de Balas" co terceiro número da súa exitosa miniserie de ciencia-ficción e acción ambientada no Marte do futuro. Mentres, Álvaro López edita a súa segunda monografía en Polaqia, neste caso a historia titulada "A voz na caixa", unha trama de misterio arredor dunha moza acosada por chamadas telefónicas. O terceiro autor con obra propia neste verán é Kike Benlloch, guionista que nesta ocasión tamén debuxa "Esa cousiña negra que levas no peito". Protagonizado por dous funcionarios de correos, o relato móvese entre o rexistro cotián e o suspense. Todos estes títulos son historias longas que roldan as 48 páxinas, cifra que supera o "Barsowia" número seis, que chega ás 64. Entre as dúas ducias de autores que contribúen a esta edición da antoloxía de Polaqia hai unha extensa representación internacional, co norteamericano Michael Bonfiglio, os franceses Bouss e Louis Bertrand Duvaud, os portugueses Paulo e Susa Monteiro e o holandés Erwin Suvaal, entre outras sinaturas de estrea.

Outras novidades
Pero non rematan aí as novidades, porque David Prieto "Gochi" presenta "O tesouro de Carraxe Sieiro", un álbum a cor editado polo Concello de Rianxo que conta as aventuras dun pirata das terras do Barbanza. E o "Fanzine Enfermo", codirixido polo galego Alberto Vázquez e o valencián Félix Díaz, tamén está presente cos traballos que lle valeron unha candidatura na categoría de mellor fanzine no pasado Salón de Barcelona. De fóra veñen noticias menos positivas. Tanto "TOS" como "Dos Veces Breve" chegan ao final do seu ciclo. Ambas son publicacións alternativas que teñen recibido boas críticas e que publicaron un bo feixe de sinaturas entre as que se contaron moitos galegos como David Rubín, Alberto Vázquez, Jano ou Santy Gutiérrez. As dúas revistas coinciden en "Viñetas desde o Atlántico" con cadansúa caseta nunha hora da despedida, que se debe a motivos dispares. Mentres Juanjo El Rápido, director de "TOS", inicia novos proxectos, Ariadna Editorial, selo de Vicente Galadí, editor de "Dos Veces Breve", vaise centrar na edición de álbums.

Exposicións
A presenza galega en "Viñetas" complétase con catro exposicións. A nivel de autores novos, por unha banda poderemos ver o traballo de de Fran Bueno, compostelán que traballa para Estados Unidos na serie “Noble Causes” e que acude coma convidado ao evento. Pola outra, a de David Rubín, que recolle o traballo do seu álbum galardoado "Onde ninguén pode chegar". A mostra que organiza o Colexio de Arquitectos sobre o álbum de Miguelanxo Prado "A mansión dos Pampíns" tamén se pode ver estes días na sede desta institución. Finalmente, os asistentes poderán ver setenta mostras do traballo dos autores que colaboran con BD Banda. Tanto a exposición de David Rubín coma a de BD Banda continuarán camiño e poderán verse de novo nas vindeiras Xornadas de Ourense, que en outubro celebrarán a súa XVII edición.

O momento
Ao longo das diferentes charlas nas que participan autores galegos están a se repetir as reclamacións dun maior recoñecemento de cara á novena arte por parte do mundo da cultura. Do mesmo xeito, reclámase un maior apoio institucional que permita a creación de industria propia neste campo, unha eiva que, tal e como comentaban o pasado día 17 David Rubín, Kiko da Silva e Fran Bueno, provoca que a única saída dos autores sexa emigrar. Os autores participantes no evento coinciden en afirmar, de calquera xeito, que se está a vivir un punto de inflexión para a BD do país, que podería callar nunha profesionalización deste campo. Agardamos novas.