Os premios para Miguelanxo Prado e “BD Banda” confirman a importancia galega no panorama español da banda deseñada

Sube a marea galega de cadriños

A XXIII edición do Saló do Cómic de Barcelona foi galega. Os premios ao mellor álbum español e ao mellor guión para Miguelanxo Prado e o de mellor fanzine para “BD Banda”, canda a unha masiva presenza de autores do noso país no encontro reafirmaron a consciencia de que Galicia é a comunidade con máis potencial no campo da BD en todo o Estado.

Dúas veces tivo que subir Miguelanxo Prado na noite do pasado venres á tarima do Salón Rossini do Hotel Fira Palace onde se entregaban os premios do XXIII Saló Internacional do Cómic de Barcelona. A edición española de “A mansión dos Pampín”, o álbum que o autor coruñés realizou para o Proxecto Terra do Colexio de Arquitectos de Galicia, foi considerada polos profesionais do sector a mellor obra publicada en España ao longo do ano 2004 e o mellor guión. Na mesma gala “BD Banda” facía historia ao se converter na primeira publicación nunha lingua cooficial que conseguía o premio ao mellor fanzine. Por se fose pouco, o premio que levou “Mister K” á mellor revista supuxo tamén o recoñecemento dos autores galegos que participan aínda na publicación, como é o caso de Kiko da Silva, Alberto Guitián, Santy Gutiérrez e Víctor Rivas, e mesmo de aqueles que xa a abandonaron, como é o caso de Javi Montes e Miguel Robledo. Neste sentido Prado destaca que “non agardaba estes premios” e apuntou “dáme moita alegría estar na lista de candidatos canda a xente nova que se mantén na BD con moita vontade e que está a facer cousas tan boas. Estar con Kiko e os BD Bandas tamén recoñecidos, é moi satisfactorio”.
O Saló Internacional do Cómic de Barcelona está considerada a cita máis importante deste campo a nivel estatal canda ao Viñetas desde o Atlántico da Coruña, e os seus premios son os galardóns máis importantes de España.

A presenza física
Os premios confirmaron a importancia que Galicia está a acadar como centro de produción de banda deseñada a nivel estatal, unha presenza que se puido ver encarnada na grande cantidade de autores que se achegaron a este evento. Se nos últimos anos a afluencia galega se podía contar cos dedos dunha man, esta vixésimo terceira edición destacou pola masiva participación de autores do país. Animados por compromisos profesionais, a busca de editores ou buscando un oco para a súa publicación, unha vintena cumprida de profesionais do mundo da novena arte colleron as maletas e apareceron no evento. Desde os que levaban citas xa arranxadas na zona de autores (coma Víctor Rivas ou Santy Gutiérrez, que tentaban os contactos a nivel internacional con Dargaud e Delcourt), ata quen chegou cos debuxos debaixo do brazo mirando a ver se encontraba un oco (coma Emma Ríos) ou os que levaban a mochila cargada de fanzines, coma Gochi cos seus “Cerditos de Guinea” e o seu novo álbum “O tesouro de Carraxe Sieiro” ou os irmáns Serxio e Hugo Covelo, que achegaron a Barcelona o último número de “Barsowia”.

A visión externa
Dentro do Saló puidemos confirmar que a importancia que está a acadar Galicia no panorama da BD estatal non deixa de medrar. Álvaro Pons, autor do blog “La carcel de papel” e considerado unha das autoridades na novena arte a nivel estatal, afirma sen dubidar que “o que está claro é que un dos núcleos importantes da expansión do cómic en España é Galicia”. “Sempre foi un grande núcleo de comiqueiros, xornadas coma as de Ourense son clásicas, e mesmo a nivel de fanzines e de autores sempre foron referentes”, asegura. “Parece que hai un importante rexurdir da BD en Galicia que posiblemente sexa o máis destacado do Estado. E a nivel de autores seguro. O único que pode interesar ao nivel de ‘BD Banda’ pode ser a fornada de autores que colaboran con publicacións coma o ‘Enfermo’ ou ‘Tos’, pero están máis dispersos. Ese núcleo de autores que hai agora centralizado en ‘BD Banda’ é sensacional, son todos moi bos e están consolidados, único que lles falta é poder vivir do seu traballo”.

O editores
Mentres, desde o mundo editorial apúntase a dificultade de conseguir oco na axenda dos autores do noso país. Desde Astiberri Javier Zalbidegoitia asegura que “o mundo viñetístico galego ten un poderío do máis puxante, o que pasa é que a maior parte dos autores están metidos en varias salsas, sexa animación, sexa BD, sexa traballando directamente para Francia, e entón encaixar unha editorial pequena coma a nosa nese tipo de discurso é complicado, pero si temos interese en sacar algo”. “Penso que o momento ‘BD Banda’ canda iniciativas desde a propia diáspora ou colaboracións en revistas coma ‘Tos’ amosan unha soltura bastante importante. Ademais houbo un desembarco masivo de autores, tamén en revistas coma ‘Mister K’, hai membros sobradamente contrastados de toda esta nova fornada de autores, pero falta aínda esa explosión en canto a publicacións”, completa.
Desde Andalucía, Vicente Galadí, director de Ariadna Editorial e da revista “2 Veces Breve” comenta a explosión galega. “O especial autores galegos da revista funcionou moi ben”, sinala, ao tempo que se reafirma na súa colaboración con autores do país, “eu continúo con autores galegos na revista. Rubín repite e tamén Emma Ríos, o que pasa é que teñen unha axenda repleta e custa moito conseguir algunha páxina deles. Eu estou desexando de coller algunhas cousas de calquera deles e mesmo de calquera outros autores que quedaron fóra”. Pola súa banda, Maikel, director de “Mister K” apunta que “o nivel medio é moi bo, cando comecei a buscar xente para a nova revista descubrín que había aí un filón e de feito temos catro ou cinco colaboradores e aínda algún máis coma Leandro que tamén probou. O único que se lles pode notar en todo caso é a falta de rodaxe no ritmo semanal, que a uns cústalles máis que a outros”. De cara ao futuro sinala que probablemente se publiquen albumes que recollan o traballo dos nosos autores na revista, que pasará durante o verán a ter periodicidade mensual.

Publicacións
Entre as sorpresas que nos achegou o Saló a nivel de publicacións, encontramos os útimos traballos do infatigable Mariano Casas. Logo de participar varios anos no evento co posto de “Tourolandia”, nesta ocasión achegouse ao Saló pola súa conta e risco e ocupou un lugar na área de fanzines, finalmente compartido con BD Banda no que presentaba os seus numerosos traballos do último ano. Unha segunda entrega da obra colectiva “Una historia del montón”, a BD con CD incluído “Amor Negro”, a fotonovela “Chatarra”, canda a curta do mesmo nome e dúas novas minihistorias foron as achegas deste autor, que asegura que aínda deixou cousas na casa. Canda a el encontramos a Iria Crespo, antiga colaboradora do fanzine “Sin Fe” que presentaba “Una raya negra”, unha publicación fotocopiada na que mestura ilustración, BD e literatura. Un pouco máis adiante na zona de fanzines encontrábamos a Jano e a Alberto Vázquez no posto do “Fanzine Enfermo”, que presentaba o seu novo número. Esta proposta feita desde Valencia tamén optaba ao premio ao mellor fanzine e conta coa colaboración do tamén galego Brais Rodríguez. Precisamente foi Alberto Vázquez foi o encargado de nos dar a sorpresa do fanzine “Cabezudo”, realizado desde comezos de 2005 integramente por Martín Romero, outro galego da diáspora Barcelonesa e que vai xa polo segundo número.

Proxectos: Multiprodución
As propostas galegas que se foron avanzando polo Saló foron abondas e é de agardar que nos vindeiros meses se concreten aínda máis. David Rubín estaba a mover un álbum xa acabado para o que tanto el coma os posible editores prevén moitas posibilidades de que vexa a luz antes de 2006 a toda cor. O Saló serviu tamén para que este autor ourensán retomase o proxecto conxunto que ten co guionista Carlos Portela que agardan comezar a mover este verán. Tirso Cons, mentres asina exemplares de “O ollo do diabo” no posto de Otakuland, confirma que ten luz verde en Paquet para continuar cos seus proxectos xa anunciados, un western e unha triloxía de xénero negro, nos que se encargará de todo o traballo artístico agás da cor. Pendentes están aínda outra triloxía de temática infantil e un proxecto compartido con Sergio Bleda. Carlos Portela lamenta que moitos dos proxectos que xa tiña practicamente fechados están a sufrir atrasos. Problemas empresariais da editora Humanoïdes Associées en Francia canda a dificultade doutro galego, o debuxante Carlos Das Pastoras á hora de compaxinar o seu traballo nos “Metabaróns” de Jodorowski co terceiro álbum da serie “Os Heresiarcas”, están a atrasar a saída desta última. Tamén problemas á hora de compatibilizar traballos tanto pola banda de Portela como pola de Fernando Iglesias están detrás do atraso de “Impresiones de la isla”, que xa tiña que estar na rúa. Finalmente a fichaxe de Sergi Sanjulián por Marvel levou a que o proxecto de editar “Gorka” en Francia estea tamén adiado. De calquera xeito, o infatigable guionista vigués non se desanima e asegura que está en conversas con Editions du Soleil ademais de manter o xa comentado proxecto con David Rubín.


Proxectos: Pouco a pouco
Alberto Vázquez confirmounos que vai avanzado o traballo de “Psiconautas”, un álbum de cen páxinas que está a realizar contando co apoio económico dunha bolsa de creación artística da Deputación da Coruña. Pola súa banda, Alberto Guitián asegura que anda a ultimar un proxecto que probablemente vexa a luz en lingua do país, aínda que non pon polo momento datas para este evento. Tamén roldaban a área de autores Norberto e Jacobo Fernández, negociando novos proxectos de edición, ao igual que Carlos Portela, que ten pendentes de publicación varias propostas que os seus autores prevén se concreten en breve. Finalmente Víctor Rivas buscaba editor en Francia para a serie que inicialmente ía levar en “Mister K” e Santy Gutiérrez iniciaba conversas con editores de alén dos Pirineos “sen traer ningún proxecto en concreto”. Pola súa banda Emma Ríos chegou un acordo con SD Distribuciones para levar a serie completa de “A prueba de balas”, cunha tiraxe de mil exemplares por todo o Estado. “Logo do verán, cando xa teña completa a serie e tire o especial con colaboracións doutros autores, iniciarei a distribución”, sinala a autora. Só con que unha parte de todas estas propostas saian adiante, está claro que teremos unha enchente de títulos galegos nas librarías.

Xornadas
En canto a xornadas, Miguelanxo Prado adiantounos algúns dos contidos da vindeira edición de Viñetas desde o Atlántico. “Temos a metade de convidados no aire e estamos infartados, claro que tamén é algo relativamente habitual”. Para alén das complicacións de organización, adianta que “a liña principal coa que estamos a construír a mostra é marcando a atención sobre as propostas que teñen un pé no mercado estándar e outro nas marxes propondo vías novas que non son absurdas senón que abren portas a fórmulas alternativas e non renuncian a ter lectores”. Nese sentido adianta a presenza dunha mostra de Georges Pratt. Canda a esta, “haberá unha de Fran Bueno, para amosar a pica americana, outra de Javier Olivares, que hai moito que o quería traer, todos na mesma liña”. Encontramos tamén no Saló tamén a Rafa Tenorio, un veterano colaborador do web Planetadeagostinicomics.com que debutou coma entrevistador con algúns dos autores máis destacados que se achegaron a este evento. Ademais da súa faceta xornalística, Tenorio é o responsable da organización das vindeiras xornadas de BD que se celebrarán en Pontevedra, que entre o catro e o trinta de xullo varias exposicións e mesas redondas, cun programa que está aínda por pechar completamente e que coñeceremos en breve.

Máis Galicia
A estes hai que engadir aínda a David Macho, responsable da coordinación de convidados do Saló, o veterano Iñaki Quenerapú, que asegura que, a pesar de levar un tempo afastado do medio, sinte aínda o verme de lanzarse á publicación dalgún novo fanzine. Breixo Harguindey que anuncia a súa intención de continuar vencellado a este mundo logo de deixar a súa colaboración de FICOMIC e que está a buscar un oco no mundo da edición. O seu último traballo neste sentido foi a elaboración do “Informe sobre la producción de cómics en 2004” que publicó en laguíadelcomic.com Descubrimos tamén o compoñente galego do equipo de Astiberri, unha das editoras que está anovar o panorama. Laureano Domínguez é un veterano editor que xa pasou por Norma e que foi o responsable da publicacións de obras coma “Akira”. E colaborando a darlle ambiente galego ao encontro, un anónimo gaiteiro interpretaba na mañá do sábado pezas do país nos corredores da Fira de Barcelona...

Os embaixadores da Banda

Os embaixadores da Banda

Iria Crespo, Kiko da Silva e Mariano Casas no posto que compartían na zona de fanzines

Os embaixadores da Banda

Os embaixadores da Banda

Os irmáns Serxio e Hugo Covelo, en representación do fanzine "Barsowia".

Os embaixadores da Banda

Os embaixadores da Banda

Os gañadores da XXIII Edición Xuntos. Kiko da Silva e Miguelanxo Prado.

Fotografía de Serxio Covelo

Os embaixadores da Banda

Os embaixadores da Banda

Tirso Cons asinando exemplares de "O ollo do diabo" no posto de Otakuland.

Os embaixadores da Banda

Os embaixadores da Banda

Miguelanxo Prado recolle un dos seus premios.

Fotografía de Sergio Covelo.

Os embaixadores da Banda

Os embaixadores da Banda

Autores galegos ao entrar na gala de entrega de premios. De esquerda á dereita, comezando por atrás, Hugo Covelo, Miguel Porto, Santy Gutiérrez, David Rubín, Víctor Rivas, Emma Ríos, Alberto Guitián, Sergio Covelo e Kiko da Silva.

Os embaixadores da Banda

Os embaixadores da Banda

A afluencia de xente na mañá do sábado foi espectacular.

O tesouro de Carraxe Sieiro.
Adianto do álbum editado polo Concello de Rianxo
Guión e debuxo de Gochi
Cor de Juan Martín