A superstición enche de rituais aos estudantes na época de exames

Habelas hainas

Con independencia do que un teña memorizado para cada exame, boa parte dos estudantes recorre a pequenos rituais máis ou menos curiosos que cren que lles dá sorte. Non lavar o pelo o día antes, usar o mesmo bolígrafo, santigüarse ao saír de casa…. Cada quen ten os seus propios vezos que unhas veces funcionan e outras non.

“A verdade é que non son moi supersticiosa, tendo a pensar que son a única variable a ter en conta antes e durante os exames pero, como "a Dios rogando y con el mazo dando", recoñezo que nalgunhas ocasións colguei ao pescozo unha medalliña da virxe dos desamparados, padroa da aldea dos meus pais, que parece que nos trae boa sorte” Ana é un exemplo tipo da superchería dos exames. Iso si, vaia por diante que ela, como a maior parte dos estudantes non se consideran supersticiosos, de aí que todos os preguntados consideran que o primeiro é estudar pero...¿é suficiente? Por se acaso, cada quen ten a súa propia forma de preparar os exames, costumes propios e persoais que, malia non ser receitas máxicas, cada quen lle atribúe unha pequena porcentaxe ao seu aprobado. Para que o sortilexio funcione non se pode revelar a quen corresponde cada manía, por iso empregaremos nomes ficticios.

O repaso, todo un clásico
“Ante todo estudiar como unha negra e repasar todo de novo a noite anterior e á mañá seguinte (o día propio do exame) iso si sen esquecer unha soa folla”. É o truco de Belén, que pouco se diferencia do de Helena que asegura que o seu primeiro ritual “a penas durmir a noite anterior e poñerse a repasar como unha tola medio grogui o mesmo día do exame ás cinco e media da mañá”. Hainos máis sofisticados como Andrés, que para repasar precisa ter algo na man “unha raqueta ou algo así”.

En todo caso, cada quen ten os seus propios condicionamentos para eses repasos. Hainos que só poden facelo de noite, Carlos asegura que era porque “na televisión só botaban a teletenda e non me entretiña”; ou con música como Andrés, aínda que el matiza que debe ser “con letras que no comprendes, é dicir, preferiblemente de idiomas non romances”.

Antes do exame
Hai para todos os gustos. Ana recorda que “por suposto non podemos esquecer algunha que outra visita á capela da Corticela (unha das capelas da Catedral de Santiago onde está a talla da virxe da milagrosa e outra de San Xoán) que durante a época dos exames se enche de papeliños nos que os estudantes piden aprobados, aínda que “non recordo se causou efecto”.

Pola súa banda, Belén “procura que antes de saír de casa todos os que aínda non se foron me dean un bico e me desexen sorte, pero ¡téñenmo que dicir!, non vale con arrimar a cara e non dicir nada”, mentres Pilar non pode lavar o pelo o día antes de ir ao exame “non vaia ser que se marche todo o estudado”. Lugares comúns de sempre pero que aínda seguen a ter a mesma vixencia.

O que queda claro é que os exames xeran moita tensión e cada un desestrésase como pode. “Na universidade, asegura Carlos, déuseme pola limpeza. Fregaba a cociña e todos os cacharros antes de irme para o exame. Iso servía para despexarme e me entretiña. O importante era esquecerme de que tiña exame porque, claro... iso de repasar ata o último minuto non o levo nada ben”. E o método debe funcionar porque o mesmo Carlos ten afirmado que “un día ía tan relaxado que comezaron a facerme preguntas para as que precisaba non sei que fórmulas que, de entrada, nin me soaban e mesmo pensei que me confundira de exame”.

O momento da verdade
Para Paula “o máis importante é chegar pronto para coller un bo sitio. Mellor cara o fondo, pero sen pasarse porque alí vixían máis. Sen embargo, se estás moi diante, estás descuberta. Digamos, polo tanto, que o ideal é cara a cuarta ou quinta fila”. Paula non fala de copiar, senón de estar nunha posición óptima para facer o exame, coa seguridade que dá saber que no caso de que pase algo (falta de inspiración, ou esa pregunta que se atragante) teñas recursos suficientes para saír do apuro con certas garantías. Ademais diso, Paula ten unha norma obrigada “facer o exame co bolígrafo que empregaches para estudiar esa materia. Por si algo se lle pega”. A do bolígrafo é unha manía moi estendida entre o estudantado, iso si, hai gradacións. Carlos asegura que a súa irmá fixo toda a carreira co mesmo bolígrafo “de feito o último exame a carcasa do bolígrafo tiña tantos apaños de celo que case non se sabia con que escribía”. Era tan aparatoso que un dos seus profesores quixo prohibirlle que fixera o exame con ese bolígrafo, cousa á que se negou. Non foi a única á que as supersticións case lle causan un desgusto. Ana confesa que “unha vez a falta doutra cousa levei un crucifixo de madeira duns 15 centímetros colgado do pescozo porque non atopei nada mellor. O problema foi que non puiden sacar a chaqueta en todo o exame e morría co calor”.