A Editorial galaxia presentou onte a novela 'Odio' coa que Gabriel Romero de Ávila gañou a primeira edición do Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil. Romero de Ávila (Madrid, 1978), médico de profesión, asentado en Galicia desde 2003, realiza un amplo labor literario que inclúe textos de xéneros moi variados. Colaborador en revistas, páxinas web, sociedades e faladoiros literarios, a súa paixón é o xénero de aventuras, en calquera das súas formas. Con ecos de ciencia ficción clásica e unha marcada identidade galega, 'Odio' lévanos a un futuro no que Neo Vigo, a cidade dos neóns e dos rañaceos antigravitatorios, aínda arrastra a memoria da bomba atómica sobre Balaídos. Mentres tanto, un influencer reabre feridas do pasado e seis replicantes aparecen mortos no Museo do Pobo Galego. A nova carreira ilegal de droides, prevista xunto á catedral de Auria, promete ser un espectáculo seguido en toda a galaxia. Con esta proposta dirixida ao público xuvenil convida a reflexionar sobre a tecnoloxía.