Galaxia propón unha ducia de accións culturais para celebrar o seu 75º aniversario

Celebraranse foros, exposicións, producións audiovisuais e espectáculos

Celebraranse foros, exposicións, producións audiovisuais e espectáculos
Cuberta da Axenda 2025 da editorial Galaxia
A editorial Galaxia deseñou un ambicioso programa para conmemorar o 75º aniversario da súa fundación. A histórica empresa viguesa celebrará unha ducia de accións distribuídas pola xeografía galega ao longo de 2025 ao redor do seu propio legado pero tamén do estado e futuro da cultura galega. Deste xeito, en marzo de 2025 Santiago de Compostela acollerá o foro 'Sociedade, economía e territorio', coordinado por Ramón Villares e Xoaquín Fernández Leiceaga. Na Coruña, en xuño, abordarase o impacto social da ciencia e os seus debates, baixo a coordinación de Marilar Aleixandre e Sonia Villapol. Os foros rematarán en Vigo en outubro, ao redor dos desafíos da comunicación, coordinado por Víctor F. Freixanes e Llerena Perozo. A editorial tamén editou unha axenda conmemorativa, convocou o I premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil, o premio Galaxia de novela 75 anos e elaborará, da man de Nós TV, o documental Galaxia 1950/2025. No ámbito expositivo, a editorial organizará a exposición Crear porvir 75º aniversario Editorial Galaxia, comisariada por Henrique Monteagudo, Malores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva, e que percorrerá diferentes cidades galegas, ou unha exposición sobre espazos literarios e autores ourensáns. Galaxia tamén reeditará na Biblioteca Galaxia 75 libros esenciais da súa traxectoria. A editorial tamén ofrecerá outras actividades e eventos para distintos públicos.