Comezan en Pontevedra as principais xornadas sobre ciencia ficción do país reflexionando sobre a actualidade desde a fantasía

Reflexionar desde a ficción

A ciencia ficción e a fantasía como un xeito de reflexionar sobre a nosa realidade máis inmediata. Esa é a perspectiva desde a que traballa este xénero a Asociación Xuvenil Novos Segreis de Pontevedra. E desde esta ollada organizan Ponteficción, un programa en que a fantasía serve para achegarnos temas tan de actualidade coma a censura ou a guerra e que se consolida nesta cuarta edición como a principal actividade sobre a ciencia ficción en Galicia.

Ás nove da noite do luns sete de abril de 2003, a Praza da Verdura de Pontevedra acollía unha curiosa cerimonia. Un grupo de xente lía fragmentos de libros e despois botábanos ao lume. Non era unha queima pública de autores que querían facer desaparecer, senón un orixinal xeito de celebrar o cincuenta aniversario da publicación de “Fahrenheit 451”, unha obra de Ray Bradbury que fala dun mundo en que os libros están prohibidos polo estado e quéimanse para manter a poboación sometida. Ademais do propio libro de Bradbury, foron ás lapas tamén textos de Cunqueiro e outra obras, “para invitar a reflexionar sobre o que sería un mundo onde os libros fosen prohibidos, censurados e queimados”, sinala Luís Vila, presidente da Asociación Xuvenil Novos Segreis e coordinador do encontro. “Buscamos que as lapas purifiquen a intolerancia, a censura e a violencia... porque en tempos de guerra non é posible imaxinar”, sinala o texto de presentación de Ponteficción 2003.



Historia dunha ficción

Estas veteranas xornadas sobre fantasía, terror e ficción científica de Pontevedra alcanzan con esta a súa cuarta edición e consolídanse coma as máis importantes que se celebran en todo o país. Comezaron en 1998 centrándose no tema “A ciencia ficción no manga” coa intención de achegar os lectores da banda deseñada xaponesa a outras disciplinas da ficción científica. No seguinte ano o eixe das xornadas foi “A literatura fantástica”, e nela realizouse un exhaustivo repaso da evolución literaria deste xénero a cargo de diferentes especialistas do país coma Juan Luís Pintos ou Ignacio Agulló. Un ano tan emblemático coma o 2001 pasou sen xornadas pola imposibilidade, segundo a organización, de conseguir un lugar axeitado para celebralas, e o 2002 viu a terceira edición de Ponteficción, xa con este nome. Desta volta, as xornadas centráronse na ciencia ficción producida en Galicia, e a ela acudiron os escasos autores que a abordaron no país. Miguel Vázquez Freire, autor de “Proxecto pomba dourada”, Ramón Caride Ogando (“Soños eléctricos”) e Manuel Lorenzo (“Arqueofaxia”). Na actualidade as xornadas contan cun público fiel que se despraza desde toda Galicia e mesmo desde parte de Portugal para asistir ao evento e mantén unha participación media de trescentas persoas.



A actualidade desde a fantasía


Aínda que o tema central das xornadas do 2003 é “A literatura e o cine”, a perspectiva de Novos Segreis sobre a ciencia ficción como reflexión sobre a realidade levounos a introducir no programa diferentes referencias á situación actual. “A conferencia de Xoán Manuel Pintos –profesor de Socioloxía da Universidade de Santiago- ía ser sobre ‘Clásicos posmodernos’ e cambiou o tema por ‘O militar e a guerra na ficción científica’”, sinala Luís Vila. Por outra banda, “A cultura como expresión de liberdade” foi o tema que escolleu Carmen Becerra, especialista en literatura comparada da Universidade de Vigo, para tratar antes da proxección de “Fahrenheit 451”, un filme realizado por François Truffaut en 1966, que pechará as xornadas o sábado doce de abril. Ademais das reflexións sobre a actualidade nas xornadas tamén hai sitio para a evasión nas máis diversas formas aínda que, como sinala o coordinador do encontro, “non tiña esa intención, pero a película ‘Dune’, en que hai unha guerra por recursos naturais pode interpretarse coma unha alegoría da situación actual”. Ademais deste filme, estarán presentes nas xornadas clásicos do terror coma “A noiva do diaño”, producida pola mítica Hammer en 1968, “Doutor Jekyll e Mr.Hyde”, de 1932, “A zona morta” (1983) e “O incrible home minguante”. Sobre este clásico de 1957 o profesor de Belas Artes Alberto Ruíz de Samaniego reflexionará abordando o estoicismo no protagonista do filme.



Arredor das xornadas


A presencia da fantasía e da ciencia ficción en Pontevedra non están restrinxidas á celebración destas xornadas. Desde Novos Segreis queren deixar claro que Ponteficción é un programa completo que se desenvolve na cidade durante meses. A asociación realiza desde hai cinco anos tertulias periódicas na cidade, e no último mes de febreiro organizaron co cine club da cidade un ciclo de cine fantástico durante o que programaron “Metrópole”, “Doutor Jeckyll e a súa irmá Hyde”, “A noiva de Frankenstein”, e “Donnie Darko” con grande éxito de público, xa que a asistencia a estes filmes triplicou o que é habitual nas sesións do club. En marzo, con varios meses de atraso pola implicación dos membros da asociación no desastre do Prestige, desenvolveuse un Seminario de Cine Fantástico, en que os participantes analizaron e debateron sobre diferentes títulos deste xénero. A constante presencia do cine nas actividades da asociación non é casual, xa que segundo o presidente do colectivo “o cine atrae a moita xente e anímaa a participar noutras actividades”. Ademais do cine, nas actividades de Novos Segreis é habitual a presencia de computadoras en que se poden consultar diferentes recursos sobre fantasía e ciencia ficción, así como merchandising de todo tipo arredor destes xéneros.



Outras realidades


De cara ao futuro desde a asociación están xa a traballar na organización das vindeiras xornadas. “Ponteficción 2004 xirará arredor do tema ‘Mitos e lendas’. Centrarémonos máis na parte fantástica e menos na ficción científica, que foi o tema predominante nestes últimos anos”. Con este motivo, agardan contar con diferentes escritores do país para falar sobre mitos artúricos, e abordarán tamén mitoloxías clásicas e orientais. Outro dos grandes proxectos da asociación é continuar coa súa participación anual na Feira Franca de Pontevedra, realizando animación na rúa e torneos simulados abertos ao público. Tamén desenvolverán a terceira edición do recoñecido rol en vivo que se vén celebrando no marco do programa Noites Abertas. E para o futuro preparan novas actividades en eidos tan dispares coma a gastronomía ou a educación ambiental.