A Pobra do Caramiñal celebra as VIII xornadas de divulgación sobre a súa historia

O encontro A Pobra do Caramiñal no tempo celébrase os días 27 e 28 de setembro

| Santiago. Redacción | Seccións: Historia
Compartir:
A Pobra do Caramiñal celebra as VIII xornadas de divulgación sobre a súa historia

Catro conferencias e unha ruta guiada compoñen o programa da VIII xeira de A Pobra do Caramiñal no tempo. As Xornadas de Divulgación sobre a Historia e a Cultura Pobrense que organiza o Concello desenvolveranse os vindeiros 27 e 28 de setembro no Teatro Cine Elma, coas memorias inéditas ou perdidas como eixe da edición.

O investigador Miguel Conde dará inicio ao programa ás 16.45 coa conferencia Tradición, cambio e fantasía nos nomes de lugar da Pobra, no que dará a coñecer os seus traballos sobre toponimia das parroquias do lugar. Seguiralle Nati Rey, que falará de prácticas e costumes que tiñan os cruceiros como elementos centrais, en particular na súa relación con ritos de curación de crianzas e enterramento de neonatos. Manuel Gago continuará a xornada a falar de As árbores do concello na Pobra do Caramiñal e en Galicia: unha memoria perdida, a atender a como estes elemento naturais se empregaban como fitos onde se tomaban decisións institucionais.

Finalmente José Manuel Vázquez Lijó, da Universidade da Coruña, fechará a sesión a abordar as primeiras migracións a América rexistradas no municipio durante o século XIX. As xornadas complétanse o días 28 cunha visita guiada para coñecer "os cruceiros, lendas e rituais de San Isidro de Postmarcos". As actividades son de balde e de acceso libre, agás a visita que require inscrición previa.

Que che parece esta nova?
105 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Pobra do Caramiñal, Cine, Teatro, Manuel Gago...