A evolución das relacións do home cos animais ten o seu reflexo tamén na literatura galega

Mascotas de letras: da vaca ao oso de peluxe

Van xa uns anos desde que Castelao nas súas “Cousas” contrastaba con retranca a morte dunha vaca e dun cadelo de compañía retratando con sorna o cariño que se lle amosaba a este último animal. Desde aquela, a sociedade evoluíu de abondo, e o papel que desempeñan na nosa literatura as mascotas tamén se foi modificando. Aínda que non son habituais nas nosas letras, aos poucos e silandeiramente, coma na propia vida, van entrando entre as liñas os gatos, os cans... Cunqueiro, Casares, Neira Vilas ou María Lado son só algúns dos escritores que amosan nas súas esa especial relación do home cos seus animais.

Como ben retrataba Castelao na súa “Cousa”, tradicionalmente os animais eran considerados maiormente coma colaboradores para a subsistencia da familia, ben co seu traballo, ben coa súa carne. Mesmo os cans e os gatos tiñan as súas funcións asinadas, e deste xeito, mentres uns axudaban a cazar e se preocupaban de coidar a casa e o gando, outros mantiñan a raia roedores e outros parasitos. Non se pode dubidar, lembremos de novo a Castelao, que as relacións de afectividade cara estes compañeiros na vida existían e eran mesmo fortes. Semella que son esas relacións precisamente as que toman máis relevancia na vida urbana actual. A día de hoxe as mascotas revélanse coma focos de cariño que ocupan un destacado lugar na vida afectiva de moitas persoas. A importancia que están a adquirir os animais de compañía leva a que o seu estatus traspase en ocasións a realidade e que os leve a ser tamén protagonistas ou compañeiros destacados de aventuras na literatura. En Galicia hai xa varios casos.

O clásico can de aldea
Xa nunha obra clásica da nosa literatura como é “Memorias dun neno labrego”, Xosé Neira Vilas amósanos como na sociedade tradicional se dan relacións de afectividade fonda con mascotas. Son moitos os lectores que lembran a Pachín, o can de Balbino que aparece coma unha presenza familiar e intermitente na novela e que acada o protagonismo cando atopa a Balbino logo de fuxir o neno da casa. A morte de Pachín, finalmente atrapado nunha trampa para raposos, supón unha grande dor para o protagonista da novela no lugar onde despois Balbino plantaría unha cerdeira para lembralo, nunha mostra clara da importancia que ten o animal para o neno.

O gato Samuel
Tirando a Pachín, quizais non exista unha mascota tan coñecida na literatura galega (e neste caso tamén no xornalismo) coma o gato Samuel, mostra paradigmática de mascota literaria. Durante anos, Carlos Casares cedeu parte do protagonismo da súa columna diaria de “La Voz de Galicia”, “Á marxe”, a este animal. Ao longo dos catorce anos que se mantivo a colaboración, Samuel fíxose un habitual para os lectores. “Samuel comezou a aparecer nos artigos do meu pai penso que desde que veu o gato para a casa, a comezos dos noventa”, explica Hakan Casares, fillo do escritor. “Caíalle simpático, e tíñanlle graza as cousas que facía o animal. O gato funcionaba coma un elemento máis da súa vida e aparecía do mesmo xeito que outras cousas, sen que houbese un sentido simbólico ou metafórico”, conclúe. Canda a el, Casares non dubidou en levar ás letras outras mascotas coma Tomás, o seu gato siamés, que viu inmortalizado no xornal como levou a súa castración en 1992, ou a cadela Leda.

Gatos con nome de estrelas de cine
Máis recentemente foron outros gatos, Greta e Brando, os que se achegaron a moitos fogares do país primeiro a través das pantallas e logo no papel, pero sempre desde as palabras de Anxos Sumai. En “Anxos de Garda” e en “Melodía de días usados”, esta autora non esquece a importancia que teñen no seu devir cotián estes animais. “Falo deles porque fan parte da miña vida cotiá, son os meus compañeiros de piso e mesmo teño conversas con eles”, explica a autora, que recoñece que “non sei se me entenden, pero poñen caras raras”. O que ten claro Anxos é que nas súas obras as mascotas que aparecen non son en ningún caso trasuntos de si mesma. “Non emprego as mascotas para que falen por min nin para expresar os meus papeis ou pensamentos, non son ventrílocua”. Nos escritos de Anxos aparecen aínda Sol e Lucas, os cans da casa de Catoira, “pero os animais da aldea non son mascotas, son traballadores”, explica salientando as diferenzas xa apuntadas entre a sociedade tradicional e a actual en canto ao papel dos animais.

Animais de importación
Afondando nestas distincións, Cunqueiro, habitual na inclusión de seres de todo tipo nas súas obras, retrata tamén nas súas obras diferentes tipos de animais de estimación. Deste xeito, en “A tía Remedios”, cóntanos como unha inmigrante retornada trae do Brasil o cadeliño Napoleón, que pertencera á súa finada ama. Segundo o narrador, “era un lanudo branco, pequeniño, de carta e media de longo, o fuciño azul e os ollos dourados”. O ollo, en realidade, xa que o outro fora substituído por un axóuxere que o animal controlaba a vontade e que facía soar cando ventaba a súa antiga ama. Se cremos o relato, tamén despois de morta esta. Vemos aquí entón unha nova mostra das diferenzas entre os animais domésticos da sociedade tradicional e as mascotas asociadas á modernidade e cunha relación máis estreita cos seus donos, que nos tempos nos que está ambientada a historia son máis propios dos países da emigración que de Galicia.

Mascotas diferentes e diferentes artes
O mesmo Cunqueiro crea no seu Sinbad uns curiosos acompañantes. Na súa descrición da xente inmaterial das Illas Cotovías, o mindoniense non deixa de falarnos “duns canciños que corrían, mui famosos, con dous rabos (...), tiñan un rabo en cada cachiña, os dous mui brizados, mui saudadores”. Tanto lles gustaban aqueles cans aos mariñeiros que un “quixo arroubar un can, pro non había xeito de collélo que era como apreixar fume, e pasábano as máns, e collíalo polas orellas e non collías máis que un pouco de áspero e color, que é non coller nada”. Evidentemente non é só a prosa a que se nutre de mascotas. Nin todas as mascotas teñen por que ser cans ou gatos. Nos círculos poéticos está a se facer coñecido nos últimos tempo Cuqui, o osiño de peluxe que acompaña a María Lado a moitos dos seus recitais e que protagoniza algunhas das composicións desta autora, aínda que sexa, como ela mesma dí, “pequeno de máis para ser un oso de peluxe / e cáelle o naris”.

Outros animais
O mesmo Xosé Luís Méndez Ferrín, no libro de entrevistas que realizaron Xosé M. Salgado e Xoán M. Casado para Sotelo Blanco en 1989, o escritor ourensán apunta que o seu primeiro traballo literario foi unha carta que redactou como se estivese dirixida a el e o seu can fose o remite. Tamén entre os animais de Rivas retrata en “En salvaxe compaña”, hai un burro e un raposo adoptado por uns nenos que cumpren en boa medida as función de mascota. O can que acompaña o protagonista en “Criminal”, de Xurxo Borrazás... a lista pode ser evidentemente moi longa e sempre será incompleta.



Proceso internacional
E é que a posición privilexiada das mascotas, integradas no círculo máis íntimo das persoas, convértenas a miúdo en metáforas do ánimo, dos desexos e das frustracións dos escritores ou en metáforas do absurdo da actual existencia da humanidade. Casos na literatura universal coma o de Doris Lessing, que dedicou unha obra, “Gatos moi distinguidos”, aos animais máis destacados deste tipo que coñeceu ao longo da súa vida. Tamén Paul Auster fixo do can Tombuctú protagonista da novela homónima, ao igual que Virginia Woolf con Flush. Quizais sexa só cuestión de tempo o vermos algunha novela destacada das nosas letras protagonizada por mascotas.