O Concello de Rianxo publica un álbum con novas aventuras do pirata Trasmallo que Gochi creou para “Golfiño”

Piratas na Ría

Acaba de saír da imprenta o novo proxecto de David Prieto “Gochi”, un álbum a toda cor de cincuenta e dúas páxinas encadernado en rústica, con fichas e ilustracións coma extras e unha tiraxe de dous mil exemplares que achega as novas aventuras do pirata Trasmallo, xa coñecido das páxinas de “Golfiño”. “O tesouro de Carraxe Sieiro”, editado polo Concello de Rianxo, narra a busca que Trasmallo, Lois e Brais fan dun tesouro polas terras do Barbanza. O debuxo e o guión desta aventura correron por conta de Gochi, e a cor foi de Juan Martín. Aínda que a obra terá a súa presentación pública na vila mariñeira o vindeiro vinte e cinco de xuño, o autor anuncia que xa estará dispoñible no vindeiro Saló de Barcelona, onde pensa acudir para presentar este proxecto e os tres volumes editados de “Cerditos de Guinea”. No seu web o autor adianta que está traballando nun segundo volume da serie de trasmallo que se titulará “A Santa Compaña”.

Máis información e páxinas de mostra nono web do autor e na súa ficha