A olaría de Buño enfronta o século XXI tentando conciliar o seu carácter artesanal coa demanda moderna

Buño: Olas nas encrucilladas

Os restos falan da fama da olaría de Buño xa desde a antigüidade. Durante séculos esta vila de Malpica foi un referente para todo o país na produción de olas, bandexas e todo tipo de elementos feitos con barro. Na actualidade, sen perder o seu carácter artesanal, enfróntase aos retos do século XXI en canto a fabricación, mercado ou estética tentando manter o equilibrio entre a tradición e a modernidade.

En Buño falar de cerámica é traspasar as fronteiras da Historia. Os primeiros restos deste tipo que se apareceron na zona están datados xa ben tempo antes da aparición da escrita, e semella que a produción mantívose desde aquela ata os nosos días. A pesar da longa tradición, foi a partir do século XVII, coa mellora das técnicas de fabricación, cando a cerámica de Buño comezou a alcanzar a fama que aínda a día de hoxe conserva ao surtir a todo o país. “A cerámica tradicional de Buño recoñécese máis que nada pola forma”, explica Aparicio Añón, un veterano deste oficio. “Despois están tamén as cores e o esmalte, pero sobre todo distínguese pola forma”. Na actualidade son uns dezaseis os profesionais que se dedican esta arte na vila. Co tempo foron incorporando algunhas innovacións ao seu traballo, como poden ser os fornos de cocción de propano ou os tornos eléctricos. Mesmo poden encontrarse os nomes e enderezos de todos eles nunha páxina web. Paralelamente a este proceso, na maior parte dos casos esfórzanse por manter as marcas de identidade da zona.

Da cociña ao salón
A progresiva implantación de procesos industriais fixo que as pezas de cerámica artesanais fosen cedendo o seu espazo de uso diario e comezasen a adquirir co tempo funcións máis decorativas. Deste xeito, os oleiros consultados recoñecen a importancia que a función estética das olas está a ter para o negocio. “Antes facíanse moitas maias cousas de uso doméstico das que se fan agora, agora queren moitas máis pezas decorativas”, apunta Aparicio. “As persoas maiores que eran as que facían pezas máis tradicionais vanse indo e agora mesmo a maior parte da xente combínaas coa creación”, recoñece Carme. De calquera xeito, na actualidade seguen a existir empregos para os que este tipo de pezas teñen aínda unha función preeminente. Segundo explica Carme Isabel, “Aínda se empregan para moitas cousas, séguense vendendo tarteiras, xerras, cuncas, fontes… hai moitas outras que son só decorativa, pero temos unha grande cantidade de pezas que aínda se empregan”.

Formas e materiais
A auxe das olas empregada para decorar levou a que moitos dos oleiros se decidisen experimentar con novas cores e formas, nun difícil equilibrio entre a tradición e a modernidade que non convence a todos os produtores. “Os que son verdadeiros oleiros non teñen nada contra a innovación e saben facer cousas boas, o que pasa é que hai xente que se chama oleiro e que fai bixutaría porque non lles dá para facelo ben” destaca Aparicio, que denuncia que “cousas coma unha pulseira, un colgante ou un broche non teñen que ver coa olaría”. De calquera xeito, mesmo veteranos coma el acusan ata certo punto as chegadas dos novos tempos,“eu vivo disto e teño que facer o que exixe o mercado”, recoñece.

Mulleres e innovación
Dentro do proceso de renovación da cerámica están a desempeñar un papel importante as mulleres. Hai só vinte e cinco anos o oficio era patrimonio exclusivo dos homes, ata que Carme Isabel deu o primeiro paso e comezou a facer a súas propias pezas. “Comecei dun xeito circunstancial, os rapaces axudabámoslle a Aparicio a escribir cuncas e cando lle faltaba algún axudante, eu púñame no torno”. Deste xeito arrincou unha carreira na que non foi todo fácil. “Antes había resistencia porque non gustaba que unha muller se metera”, explica, pero co tempo foi aceptándose a súa participación, e na actualidade supoñen case a metade dos oleiros en activo. “As mulleres están en todo, desde ministras a vicepresidentas do goberno. Pois aquí, tamén”, sentenza Aparicio. Ao seren elas as que en grande medidas fixeron o relevo xeracional do oficio, foron tamén responsables da renovación da olaría. “Eu rompín bastante a tradición”, recoñece Carme Isabel.

As mans
A pesar da renovación, a maior parte das pezas continúan a se facer a man, tirando o barro, segundo explica Carme Isabel, da mesa barreira da que tradicionalmente a sacaban os artesáns. “Hai unha zona que foi cedida hai anos á que só poden ir apañar barro os oleiros de buño”; apunta. “Está ao carón da fábrica e cando eles encontraban algunha veta de barro máis fino, coma o que empregamos nós, deixábannolo aparte”. Como única novidade neste sentido, o pasado ano a fábrica comezou a vender xa este material moído e preparado para o seu emprego. No fundamental, o proceso continúa sendo o mesmo, segundo explica a artesá. “Seguimos a empregar o mesmo barro, preparámolo, botámoslle o mesmo esmalte, agora sen chumbo, pero comezamos a meter cores e tonalidades que a xente tamén demanda, porque ao ser moitas cousas para decorar, a xente quere que non sexa todo do mesmo ton”.

Encrucillada de mercado
Para alén destas, as olas encóntranse aínda noutras encrucilladas. O equilibrio entre as limitacións de produción que impón o proceso artesán e unha demanda que supera en moito a oferta é unha cuestión que afecta a boa parte dos traballadores deste campo. “Ao ser cousas feitas a man non dá para facer moitas, case cubrimos todo o traballo co que se vende nas tendas de Buño”, explica Carme Isabel. “Está ben darse a coñecer en máis sitios, pero é a pescada que morde a cola, Houbo xente que foi a feiras profesionais a Madrid e voltaron con moita carga de traballo, pero logo o único xeito de lle facer fronte ás encargas é unicamente a meter xente e maquinaria, pero entón xa deixa de ser artesanía”. A maior novidade na comercialización que se deu nos últimos tempos foia apertura das diversas tendas especializadas neste produto que foron xurdindo na vila “temos tamén puntos de venda en Santiago, Lugo ou A Coruña, e logo esporadicamente veñen tendas de Madrid, Barcelona ou Sevilla”, explica Isabel. Aínda que algunhas tendas están a tentar o mercado a través de Internet, polo momento é maioritaria a tendencia de vender os traballos na propia aldea. “Preferimos que a xente veña a Buño, a mercar aquí”.

Promoción e futuro
En canto a promoción, a cerámica conta desde hai xa máis de vinte anos cunha mostra anual. “Foi unha cousa que comezou a nivel dos rapaces da aldea”, explica Aparicio, un dos fundadores do evento. “Fíxose a primeira coincidindo coas festas patronais, gustou e imos xa con vinte e dúas edicións”. Logo dun lapso de varios anos en que non se organizou, o Concello de Malpica tomou o relevo e continuou con este traballo. Ademais do Concello, o Centro Comarcal de Bergantiños, situado precisamente en Buño, puxo en marcha O Alfar, un museo da olaría que abría as súas portas en 1997 e que recibe cada ano unha media de trinta mil visitantes aos que se lles amosa o proceso de elaboración dunha peza e a historia da olaría. Por outra banda os oleiros, como artesáns que son, contan coa liña de axudas que a Consellaría de Industria pon a disposición deste tipo de profesionais. “Ten o mesmo apoio que calquera outra artesanía a nivel autonómico, unha vez ao ano din que hai unha liña de axudas e subvencións”, apunta Aparicio. De cara ao futuro, Isabel apunta que “de momento non o vexo demasiado mal, pódese vivir ben disto, podes ter a fin de semana libre e mesmo vacacións. Agardo que comece máis xente e haxa rapaces que tomen o relevo, agora os máis novos teñen xa trinta e pico de anos”. Aínda que bota en falta algún sistema de formación no oficio, recoñece que non é ese o problema fundamental para o futuro da olaría. “Os oficios que se fan na mesma aldea nunca gustan porque implican que hai que se quedar aquí, e a xente nova quere ver mundo.” Queda entón a esperanza de que regresen e continúen a levar as olas polas sucesivas encrucilladas.