Xeografía e Historia súmase á vaga de protestas pola reducción dos títulos de humanidades

Loitas con grado

Ás doce desta mañá a Facultade de Xeografía e Historia da USC concentrarase para opoñerse á proposta da Subcomisión de Humanidades do Consello Coordinador Universitario que deseña o novo mapa de titulacións. A supresión dalgunhas delas e o modelo proposto para a súa estructura abre unha serie de interrogantes ¿que pasa cos títulos actuais? ¿como se desenvolve o proceso? ¿como afecta a estudiantes e profesores?

Desde hai quince días a universidade española está en pé de guerra. Desde Sevilla a Navarra e desde Barcelona ata Santiago as facultades ofrecen o seu malestar polo informe inicial redactado polas diferentes subcomisións para o Consello de Coordinación Universitaria que perfila unha primeira proposta do mapa de titulacións. Nese borrador figuraba a reducción das titulacións de Humanidades de 24 actuais a 10 títulos e as técnicas de 59 a 25/27 e todas elas terían 240 créditos (que equivalen a catro cursos universitarios).

A publicación na prensa dos novos títulos levantou espullas entre universitarios e docentes que se uniron para defender as súas titulacións. O paro desta mañá non é mais que unha da múltiples actividades que desde a Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago (USC) se está a facer. Ruben Lois, decano do centro explica que “en primeiro lugar o que pretendemos é evitar que desapareza o grao independente de Historia da Arte e de crear un grao conxunto de Historia e Historia da Arte”, pero a súa demanda non é particular senón que coas medidas previstas o que pretendemos é “expresar o noso malestar porque en todos os procesos de reordenación das titulacións sempre acaba por reducirse a presenza dos estudos de Humanidades, e é sempre unha práctica tendenciosa”. Nesta dirección o decano apunta que “se nos piden os requisitos verán que cumprimos sobradamente. Temos 150 alumnos matriculados en primeiro, e preto de 1.000 entre o primeiro e segundos ciclo, co cal a demanda está cuberta. Ademais, temos un nivel de empregabilidade ao redor do 60% no que os alumnos están dentro das proximidades, e mais do 90% ao nivel xeral”.

Na súa loita non están sós. Ruben Lois explícanos que xa se ten posto en contacto cos decanos doutras facultades e doutras universidades porque “debe ser unha loita común”. De momento, o gabinete de comunicación da Ministra de Educación e Ciencia aclarou que estamos “nunha fase inicial do proceso e onde as subcomisións constituídas a tal efecto barrallan neste momento diferentes posibilidades”.

A estructura das titulacións e o Suplemento Europeo ao Título (SET) son as medidas máis polémicas que supoñen a integración cara un Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

A xénese do problema
En xuño de 1999, 29 países europeos asinaron un compromiso para a construción do que chamaron o Espazo Europeo de Educación superior, é dicir, unha estructura académica que fose equiparable en toda a UE. De tal xeito un estudante podería cursar estudos universitarios en España e o seu título podería ser equiparable en calquera país da Unión Europea. Daquela sinatura naceron a Declaración de Boloña que contén os principios básicos na nova situación e que se resume en dous piares. Por unha banda a calidade, buscando e definindo modelos e patróns para mellorar a situación do ensino e, pola outra, a igualdade e a equiparación entre os sistemas universitarios de toda Europa.

Esta segunda característica implica redefinir o mapa de titulacións do que tanto se fala estes días, buscando un nome semellante para cada título en todos os países, establecer un sistema baseado en dous niveles principais (grado e posgrado), ao que lle seguirán os estudos de doutoramento e que teñen un sistema común de créditos que permita fomentar a comparabilidade dos estudos, fomentar a mobilidade dos estudantes, dos titulados e dos docentes.

A maior parte destes principios resúmense no novo marco universitario que se concretou na chamada Declaración de Bolonia e que nos comunicados de Praga e de Lisboa incluíron algunhas liñas adicionais, como o rol activo das universidades como parte integrante deste proceso.

A situación española
Desde entón cada un dos países que asinaron a declaración de Bolonia comezaron a reformar os seus sistemas universitarios cara a integración. En España o primeiro paso foi o de reformar a lei universitaria que deu lugar á tan polémica Lei Orgánica de Universidades (LOU) que no seu momento levou ás rúas a estudantes e profesores en contra do goberno pero que foi aprobada finalmente.

Para achegarse cara ese Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) a LOU proxectou unha serie de medidas. A primeira delas, é a implantación do sistema de créditos europeo que é diferente do sistema actual. “O crédito europeo”, tal e como figura no Documento Marco para a “Integración do sistema universitario español no espazo europeo de ensino superior” elaborado polo anterior goberno en febreiro de 2003, “é unha unidade de valoración do volume de traballo total do alumno, expresado en horas, que inclúe tanto as clases, teóricas ou prácticas, como o esforzo dedicado ao estudo e á preparación e realización de exames”. É dicir unha medida que faga unha estimación do traballo do alumno e non do número de horas de clase como se valora agora.

Outra das medidas foi a carreira pola calidade que comezaron as universidades españolas, fundamentando en mecanismo e procesos de avaliación, certificación e acreditación. De feito a calidade é un dos obxectivos básicos que achega a LOU e para o que se crea un organismo a Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e da Acreditación que, xunto cos órganos correspondentes de cada comunidade autónoma (hai que lembrar que educación é unha competencia cedida) serán as encargadas de elaborar os informes que analicen o sistema educativo.

As cuestións concretas
En todo caso o Ministerio aclara que non se trata de invalidar ningunha titulación, que seguirán mantendo os seus efectos profesionais e académicos en todo momento. Mentres non se aprobe o novo mapa de titulacións, os estudantes seguirán cursando os planos de titulacións actuais con validez plena. Polo demais, desde o curso 2003/2004 todos os titulados poden pedir o “Suplemento Europeo ao título”, un documento que ofrece información académica e profesional para a sociedade, a universidade e os axentes xeradores de emprego, é dicir, o documento que proba os coñecementos adquiridos cando o alumno solicita emprego fóra do país no que cursou estudos. Neste sentido, os termos e as condicións e as condicións deste “suplemento” aínda están por definir.

En todo caso, todos os que traballan no proceso de creación dese marco universitario superior que afecta a diferentes universidades ten unha data tope: o 2010.