O problema da infravivenda afecta á calidade de vida da cidadanía para alén dos seus efectos estéticos

Feísmo alén da estética

Ao falarmos de feísmo urbanístico, pensamos habitualmente nos problemas que supoñen as edificacións que non concordan co seu contorno. No entanto en moitas ocasións o feísmo chega para alén do impacto paisaxístico e supón, cando chega á categoría de infravivenda, un auténtico problema de calidade de vida para os moradores desas construcións e para os seus veciños. Coa intención de loitar contra esta problemática, máis estendida do que se pensa, existen na cidade da Coruña dous colectivos, Infradomus, vencellado á Escola de Camiños Canles e Portos e RUA, que centra a súa acción no casco histórico.

Un grupo de estudantes e de profesores da Escola de Camiños Canles e Portos da Universidade da Coruña preocupados polo aspecto social da súa profesión son os responsables do nacemento de Infradomus. Conscientes das implicacións sociais e culturais que ten o problema da vivenda, e máis concretamente da infravivenda, e convencidos da necesidade de ampliar o punto de vista existente sobre esta cuestión, botaron a andar unha organización que está achegar novos puntos de vista e axuda a reflexionar sobre como se pode mudar unha realidade que afecta a moita máis xente que os propios moradores. Pola súa banda, desde o casco histórico da Coruña, un grupo de veciños preocupados polo deterioro da zona organizáronse hai xa varios anos no colectivo Recuperación Urbana e Ambiental (RUA), reivindicando políticas de recuperación que fagan desta zona un lugar axeitado para vivir. Este grupo fíxose especialmente coñecido pola intensa campaña que desenvolveu para salvar do derrubamento o antigo asilo de Adelaida Muro na Cidade Herculina.

No casco vello
Alén dos problemas máis visibles de infravivenda, aqueles poboamentos formados por casas autoconstruídas con materiais reciclados, existen tamén situación nas que esta situación está máis oculta. É o caso de moitos espazos habitacionais que non cumpren unha mínimas condicións polo seu progresivo deterioro ou pola falta de equipamentos, un caso máis habitual do que se pode pensar nos cascos históricos do noso país. A ausencia de ascensores, os problemas de subministro de auga e de luz, a falta de illamento... Toda unha serie de cuestións que provocan que no mesmo centro das nosas cidades e detrás de paredes que non teñen a priori nada que ver co feísmo mantéñense situacións de infravivenda. Desde Infradomus alertan alén diso que os problemas de servizos que sofren moitos cascos históricos canda ao elevado dos seus prezos provoca por unha banda a unha polarización social dos seus habitantes. Por unha banda persoas de idade elevada que viven en lugares con problemas de servizos e por outra clases altas que se instalan en espazos rehabilitados.

Problemas nas rúas
A infravivenda no casco histórico da Coruña é un dos principais temas de actuación do colectivo Recuperación Urbana e Ambiental (RUA). Estas asociación trata en xeral os problemas do casco histórico e participou en 1999 nunhas xornadas que organizou Infradomus na Universidade da Coruña. Neste encontro o colectivo realizou unha diagnose que, alén dos problemas detectados, apunta que "o espazo público deixa de estar disposto para disfrute dos cidadáns. Intereses económicos alleos aos veciños aprópianse das rúas e prazas que se converten en extensións dos negocios dos particulares" e destaca que nestas zonas a organización dos veciños é moi inferior á que teñen os habitantes de barrios considerados tradicionalmente coma marxinais. Do mesmo xeito, denuncian a presión que exercen determinados grupos financeiros que adquiren vivendas coa intención de facer da zona un lugar de residencias de luxo, o que provoca serios problemas para moitos veciños, especialmente aqueles que viven en réxime de arrendamento e ven modificadas as súas relacións de alugueiro ao adquirir un destes grupos o inmoble.

Traballo entre chamizos
Un exemplo do traballo que desenvolve infradomus é a súa actuación no barrio de Campanario en O Portiño, a Coruña. É esta unha zona na que o Concello construíu nos anos sesenta barracóns para darlles vivenda a diferentes familias. Co incremento de poboación fóronse creando vivendas autoconstruídas. A pesar de diferentes intentos por dignificar a situación do lugar, coa construción dunha escola e dun local social, a mellora dos accesos e o subministro de augas, o barrio continuaba a ter serios problemas estruturais. No ano 2000, e logo de falar coa asociación de veciños, un equipo de Infradomus comezaba os seus traballos de análise no propio local social da zona coa intención de buscar solucións coa colaboración cos veciños. Como proposta de novas vivendas, a asociación recomendaba no 2003 a reordenación do lugar empregando edificacións baratas, adaptables ás diferentes necesidades dos habitantes e que mesmo permiten a posibilidade da autoconstrución con muros de termoarxila. Edificios corridos dun andar albergarían as diferentes vivendas, cubertas con tellas de lousa e con placas fotovoltaicas, cunha estética que, segundo os autores do proxecto "evoca a imaxe das aldeas mariñeiras galegas".

Agardas
A pesar de que esta proposta foille presentada ao Concello da Coruña hai dous anos, non houbo aínda resposta desde esta institución. Desde o colectivo denuncian a falta de planificación á hora de tratar con estes colectivos xa que, aínda que existen planes de desaloxo por mor da construción de novas infraestruturas, non se prevén en moitos casos opcións para darlles novas vivendas aos afectados. Aínda que estes dous colectivos centran o seu traballo na Coruña, as súas análises son perfectamente aplicables a moitas cidades do país. Nun momento que o problema do feísmo comeza a ser de actualidade, semellan especialmente axeitadas as reflexións sobre a infravivenda e a vida nos cascos históricos que achegan Infradomus e RUA.