A Semana Galega de Filosofía aborda a problemática da Ría de Pontevedra a través da cuestión da sustentabilidade

Coa cabeza na ría

Seguindo a tradición dos últimos vinte e dous anos, a Semana Galega de Filosofía está a achegar ao público en Pontevedra os debates máis sisudos sobre cuestións de actualidade no pensamento. Canda a isto, o encontro pretende facer ver a utilidade da Filosofía en casos concreto.Este ano, ao abeiro do a cuestión da sustentabilidade, a Semana abriu xa tratando unha cuestión candente e polémica, o futuro da Ría de Pontevedra en relación coa fábrica de ENCE. O biólogo Alberto de Coo explicou as posibilidades das rías galegas, que considera infraexplotadas.

A cita anual co pensamento procurou como é habitual, incluír no seu programa os temas de máis actualidade. Con Pontevedra, sede da Semana, inmersa nun intenso debate social sobre a conveniencia de trasladar a fábrica de ENCE da ría, e aproveitando o tema desta edición "Filosofía e sustentabilidade", os organizadores do encontro puxeron xa na noite da primeira xornada sobre a mesa as implicacións ideolóxicas deste debate. O biólogo de Alberto de Coo foi o encargado de abordar este espiñento tema, e fíxoo, no mellor estilo da Semana de Filosofía, pasando dos conceptos máis xerais ás cuestións máis particulares do caso e achegándonos así un bo exemplo de como aplicar estes conceptos abstractos á realidade cotiá.

Unha cuestión internacional
Coo arrincou a súa intervención explicando o concepto de "Desenvolvemento sostible", un termo que naceu en 1987 a raíz do informe Bruntland da ONU e que consiste basicamente en tentar que o crecemento económico non comprometa os recursos naturais para as futuras xeracións. A idea cobrou corpo como no Cumio da Terra de Río de Janeiro en 1992, onde os diferentes países participantes apostaron por un no. "Este concepto naceu a finais do século XX en resposta aos problemas do modelo de desenvolvemento existente". O cambio climático, o deterioro ambiental e os problemas de distribución da riqueza aparellados a este sistema.foron os principais problemas detectados nestes foros internacionais. Desde aquela, o balance desta experiencia é "un grande éxito de aplicación formal", segundo explica Coo. "O concepto de desenvolvemento sostible agrupa tres aspiracións fondas do ser humano, o progreso, a xustiza na distribución das riquezas e o respecto ao medio", uns ideais que fan que esta idea se exporte con facilidade. Paralelamente á difusión do termo, este biólogo considera que se produciu "un fracaso real na aplicación debido ao peso do modelo de desenvolvemento anterior" e problemas de fondo como a superpoboación ou o alto nivel de vida de boa parte da humanidade.

Calidade
"Ante o fracaso do modelo de desenvolvemento anterior, viuse a existencia de diferentes necesidades nas persoas par alén das materiais", explica Coo. Deste xeito apareceu o concepto de "calidade de vida". Esta idea complementa a de desenvolvemento sustentable e abrangue desde o benestar físico e psicolóxico, á calidade ambiental do contorno, a posibilidade de establecer novas relacións humanas e mesmo á capacidade de tomar decisión democráticas. "Deste xeito, o desenvolvemento sustentable supón por unha banda unha limitación ao desenvolvemento convencional e pola outra unha mudanza no rumbo dese desenvolvemento, que leva a que o obxectivo do mesmo deben ser as persoas e non a produción".

As rías
Aplicando as posibilidades do desenvolvemento sostible ás rías, de Coo explicou en primeiro lugar a importancia destes ecosistemas. "Son un conxunto único no mundo que comprenden unha grande diversidade de hábitats e teñen unha elevadísima potencialidade produtiva", explica, e lembra que nunha ría reúnense elementos tan variados coma praias, enseadas, estuarios ou illas. Alén diso, ao estár situadas en zonas de fronteira entre diferente áreas bioclimáticas e sufrir ciclos estacionais, son lugares de especial importancia para a reprodución de diferentes especies. Finalmente, o proceso de afloramento de augas mariñas fondas que se da no seo das rías fai que estas sexan augas cunha grande cantidade de plancton e que por tanto dispoñan dunha altísima capacidade de produción a nivel biolóxico.

Posibilidades para soster
Partindo desta análise, de Coo explica que a base do crecemento económico está en aproveitar os sectores con vantaxes produtivas que ten unha zona en comparanza con outras. A competencia entre as industrias, segundo el, faise nunha maior medida competindo pola redución de custos en lugar de por vantaxes deste tipo. No caso das Rías, alén diso, os sectores con vantaxes comparativas son aqueles que xeran excedentes económicos que permiten o desenvolvemento doutros sectores. O complexo mar-industria, o sector turístico, o transporte e o comercio marítimo, a riqueza forestal das beiras das rías e o chamado complexo natural (que abrangue desde actividades de reciclaxe ata a mostra do patrimonio natural).

Exemplos externos
Para o relator, este sectores abren posibilidades para chegar a mercados grandes e en expansión. A calidade e a cantidade da oferta que se pode facer deste estas áreas, a actual situación de infraexplotación destes recursos e a posibilidade de que o desenvolvemento nestes sectores se faga de xeito sustentable fan que, segundo de Coo, estes sexan uns puntais axeitados sobre os que basear o crecemento económico das rías. Para amosar como este tipo de actividades poden servir para dinamizar estas zonas, o biólogo achegou exemplos coma a ostricultura en Francia, a cría de salmón en Chile ou a produción de ameixas en Italia onde "con menos calidade de produto e de hábitat, en cinco anos pasaron dunha produción de tres mil a cen mil toneladas". Pola banda do turismo apuntou o exemplo da Costa Atlántica francesa, cunha climatoloxía semellante á nosa, e falou dos rendementos que nas Illas Medas, na provincia de Girona, lle tiran aos visitantes que practican mergullo deportivo para coñecer aqueles fondos mariños. "O desenvolvemento sostible é unha cuestión posible e inmediata. Hoxe en día só se extrae o 5% da produción real das rías", destacou.

Problemas
Logo de facer un repaso polo miúdo do potencial ecolóxico e produtivo da Ría de Pontevedra, concretando mais a exposición, de Coo pasou a relatar os problemas que sofre a zona. "Existe un alto índice de contaminación por materia orgánica que está directamente relacionado con ENCE", destacou, ao tempo que relacionaba esta situación coa especial incidencia que as mareas tóxicas teñen na ría. Aos residuos industriais engádense os derivados da contaminación urbana e "hai tamén contaminación por metais pesados que afectan aos fondos mariños". Apuntou tamén que "a propia presenza física de ENCE provoca un deterioro da imaxe de marca da ría de Pontevedra e de todas as rías en xeral. Se hoxe en día no existise ENCE e estivese no seu lugar a enseada de Lourizán, a ningún político se lle ocorrería colocar unha fábrica nese lugar". Canda a isto, a ocupación urbanística deu en abondosos recheos, tanto a nivel urbano coma no contorno do porto de Marín, segundo de Coo, dificultan os procesos de afloramento de augas que son os responsables da riqueza ecolóxica da zona. O biólogo aclarou que, para alén das partes desta problemática que son específicas da Ría de Pontevedra, moitas destas cuestións son tamén á maior parte das rías galegas, coma de Arousa, onde se instalaron nos últimos anos depósitos de gas ou a de Ferrol, que está a ver a construción dunha planta regasificadora e dun porto exterior. De calquera xeito, a capacidade de recuperación que teñen aínda estes ecosistemas supoñen para de Coo unha garantía de que aínda é posible optar por outro modelo para estes lugares.

Conclusións
Como conclusión, o biólogo apuntou que existen dúas opcións para a Ría de Pontevedra, manter o modelo actual ou buscar un novo xeito de desenvolvemento sustentable para o que considera imprescindible o traslado de ENCE desta zona, a solución dos outros vertidos que existen na ría e o potenciamento dos diferentes sectores produtivos. "Os futuros posibles son dous, un sustentable no que se empregan motores económicos e proxectos e alternativas ambientais, territoriais e culturais" e outro continuísta que dará "nunha área metropolitana-industrial cunha lagoa interior contaminada". Canda a isto, "cómpre que haxa participación cidadá neste campo. Sen se mover non vai conseguirse un desenvolvemento sustentable. Repite, de calquera xeito, que este proceso "implica complexidade e madureza. Téndese a simplificar moito cando se abordan estas cuestións, e cómpre empregar un pensamento interactivo".

No fío da sustentabilidade
Dun xeito semellante, ao longo da semana presentáronse outras conferencias que amosaron a complexidade do concepto de desenvolvementos sustentable e da súa aplicación. Deste xeito, o francés Yann Moulier achegou un contexto xeral sobre esta problemática explicando que a mundialización, como terceira etapa do capitalismo, cuestiona piares básicos da sociedade occidental e que o ecoloxismo preséntase nesa situación coma unha resposta capaz de transformar as nocións económicas de rendemento e as escalas de produtividade. Pola súa banda, Lucila Izquierdo, antiga presidenta da Sociedade Nuclear Española, expuxo os serios problemas que supón aplicar medidas de aforro enerxético e apuntou a necesidade de empregar cando menos temporalmente a enerxía atómica mentres non se desenvolven outros sistemas máis limpos. Máis achegada a Galicia, Lidia Senra, do Sindicato Labrego Galego, explicou as implicacións da agricultura ecolóxica na creación de novos modelos de consumo e de desenvolvemento para o noso país. De xeito semellante, o xeógrafo Augusto Pérez Alberti denunciou a política ambiental que actualmente existe en Galicia coma "pura propaganda" e "bo exemplo de insustentabilidade", mentres Salustiano Mato, vicerrector da Universidade de Vigo, apuntou as empresas de base tecnolóxica como un importante factor a ter en conta de cara un novo modelo de desenvolvemento, xa que "crean moito valor engadido cun alto impacto ecolóxico". Como se pode ver, as argumentacións son dos máis variado arredor do concepto de sustentabilidade.

Máis ENCE
O debate sobre a fábrica estivo presente tamén noutros espazos ao longo da Semana. O evento serviu de marco para que a Asociación Cultural Maio Longo fixese público un manifesto a prol da recuperación da ría. No ecuador do encontro, o mércores , o escritor e presidente desta asociación, Manuel Lourenzo, presentaba esta chamada á xente da cultura para asinar a prol da saída de ENCE da Ría de Pontevedra. O texto, que está aberto ás sinaturas de todas aquelas persoas relacionadas co mundo da cultura que teñan interese, está a ser distribuído por diferentes puntos da cidade relacionados co ambiente cultural. Xa na xornada de presentación adheríronse a esta proposta persoeiros coma o actor Celso Bugallo, o escritor Luís Rei Núñez, Antón Sobral e Enrique Acuña, así como de diversas asociación e entidades da zona. a Eñe que, cando menos neste encontro, a cultura e o compromiso nunca están rifados.