Galicia celebra a Semana Santa nun momento no que a asistencia a prácticas relixiosas rexistra horas baixas

Cambio de hábitos

A estas alturas da Semana Santa, a piques de comezar os días santos que rememoran a paixón e crucifixión de Cristo, miramos cara o noso interior para facer unha análise de como vivimos a relixión. Certo é que a fe non é cuantificable, pero si o son as prácticas que evidencian esa confesionalidade. Consultamos cun sacerdote e cun sociólogo para analizar a situación.

Matrimonios, bautizos, asistencia á misa, ordenacións sacerdotais…. Todas e cada unha das variables que miden a confesionalidade relixiosa rexistran saldos negativos ano tras ano desde hai unha boa tempada. Por poñer, un exemplo, segundos os últimos datos que publica o sitio web do INE, en Galicia durante o 2002 casaron pola Igrexa 9.772 (aínda que houbo 12.216 matrimonios). E se o ritmo de unións pola Igrexa diminúe, medra o de unións civís paralelamente ao de divorcios e separacións. Nese mesmo ano (2002) unhas 6.563 parellas decidiu poñer punto e final ás súas relacións. Ademais do aumento do número de divorcios (un 7% máis que no último ano), o Instituto de Política Familiar alerta que cada vez duran menos os matrimonios. Segundo as estatísticas que se poden consultar no seu web, a metade dos casados sepárase antes dos dez anos de convivencia e sete de cada dez non conseguen superar a barreira dos 15 anos.

¿Máis ou menos?
Con estes datos na man o sacerdote e teólogo, Andrés Torres Queiruga, considera que “se un mira as prácticas externas é evidente que somos menos relixiosos ca antes. Mesmo a confesión expresa, xente que se manifesta publicamente non crente é moito máis numerosa ca antes, pero se un afonda na vida da xente, o problema cambia. Pode haber máis xente que teña unha vivenza moi profunda e que, por exemplo, non atopa resposta ou non se sente a gusto no modo no que hoxe se expresa a relixión nas manifestacións da xerarquía ou nas predicacións que escoita”.

No que atende aos motivos polos que se produce esa diferenza entre o que un cre e a forma no que expresa, o sociólogo Bernardo García Cendán, que ten analizado a situación da Igrexa galega, aduce varios motivos. Por unha banda a chegada da modernidade, que afecta de xeito desigual en función dos criterios xeográficos e nos distintos tramos de idade e que Galicia, como estaba máis atrasada, evidenciou na práctica relixiosa esa chegada. García cre que “no específico, esa especie de sarabullo da modernidade contrastra o mundo tradicional ou máis tradicional dos pais e dos avós, co da xuventude que vive doutra maneira. Ademais, isto tamén está sucedendo no resto de Europa, que se traduce na televisión e na radio onde o tema relixioso interesa polo que ten de negativo”. Segundo este sociólogo “o tema relixioso vai perdendo identidade, xunto con determinadas posicións da Igrexa acaba converténdose nunha práctica menos seguida”. Unha situación análoga ao que sucede noutras relixións.

O peso da tradición
Aínda que as cifras amosan unha diminución drástica da práctica relixiosa, Bernardo García ten claro por que se perpetúan algúns rituais propiamente católicos. A xente “segue facéndoo porque o peso cultural é inmenso”. E pon un exemplo, “moitas veces chaman ao cura para bendicir unha casa, pero non é polo carácter relixioso, senón que se entende máis como un xogo de sorte. Algo semellante ocorre cando falan de facer unha festa porque din que se non hai unha misa e unha procesión a festa non é exactamente igual, aínda que logo non vaia ninguén a elas. Hai certos elementos relixiosos que teñen unha forte impregnación cultural e viceversa”. Neste sentido, este sociólogo asegura que coa diminución na práctica da confesionalidade, sobre todo no caso de iniciar unha vida en común, comeza a notarse moito menos esta especie de obrigatoriedade. “Os mozos, conclúe, comezan a darse conta de que non teñen sentido as vodas pola Igrexa o que redunda nun crecemento das prácticas civís. Trátase dun fenómeno de disonancia cognitiva que quere dicir que un non actúa como pensa e que se está equilibrando pouco a pouco”.

Neste sentido, Andrés Torres Queiruga vai un pouco máis alá e cre que o erro está en que “moita xente tende a confundir a Igrexa con Deus, unha das cousas que non se debera facer, porque unha persoa non cre na Igrexa, cre en Deus. Esa asociación crea un feito negativo porque moita acaba por abandonalo todo”.

Ambos consideran que a situación actual da igrexa é dramática, porque nunca na súa historia se debuxaba un panorama semellante. Sen embargo, Torres Queiruga pensa “que tivo, ten e terá feitos positivos, xa que obriga á persoa a enfrontarse á experiencia relixiosa profunda e saber distinguila da súa concreción eclesiástica e entón isto leva a unha personalización máis grande da fe. Eu sempre digo que os rapaces de agora, son tremendamente ignorantes da cultura relixiosa, pero están moito máis limpos para atopar unha relixión auténtica e captar moito mellor os valores do evanxeos”.


O futuro
Bernardo García explica que “tal e como houbo un momento no que todo era política, logo veu unha xuventude con máis preocupacións de tipo moral, e agora como os principios morais están postos en xuízo, hai unha actitude medio displicente. Cada vez máis a xuventude que busca lugares espirituais que poden ser confesantes dunha relixión concreta ou non para pensar e evadirse”. Para este sociólogo o relixioso sempre se manifestará dunha ou doutra maneira porque está metido dentro das grandes preguntas do ser humano que un se fai e nunca ten resposta. Algo no que coincide con Torres Queiruga que asegura que “o confesional baixou moito, pero hai máis sensibilidade social, máis sensibilidade polo próximo, pola captación e mesmo do valor da transparencia, a persoa que ao atopar coa barreira do consumismo se da conta de que non é o importante”.

Bernardo maniféstase pesimista coa confesionalidade das prácticas tradicionais clásicas porque “hai certas cousas que acabaron o seu ciclo e precisan comezar outro. O que é importante é que toda substancia dos libros e dos evanxeos estase a recobrar xa que se están a facer cada vez máis estudos bíblicos e ao mellor é o iniciou doutro camiño”.