Sae a segunda parte de "Hotel Diablos"mentres se adía a saída do segundo "Valhala Cómics" e continúa “Cerditos de Guinea”

Diabos, cerimonias e porquiños

O coruñés Javi Prieto prepara a segunda entrega da serie "Hotel Diablos", totalmente realizada e editada por el mesmo. Do mesmo xeito que na primeira entrega, Prieto presenta unha persoal historia de terror en branco e negro. Mentres, continúa nas librarías o primeiro número de "Ceremonias", unha serie que o colectivo vigués "Valhala Cómics" presentaba no pasado mes de novembro. Desde este grupo Jorge Coello anuncia atrasos na saída do segundo número, previsto inicialmente para este mesmo mes de marzo. Do mesmo xeito, sinala que está tamén adiada a escolma de artigos do extinto fanzine "Whore!" que este grupo quere publicar co título "Ultimate Whore!". De calquera maneira, Coello non permanece inactivo e anuncia que está a traballar nunha nova serie de ciencia ficción co guionista de orixe catalán e residente en Vigo David Braña. Un último proxecto de autoedición do que temos noticia é o segundo número de "Cerditos de Guinea" que chegou este inverno aos andeis das librarías galegas realizado por David Prieto “Gochi”. O autor anuncia a súa presenza no vindeiro Saló do Cómic de Barcelona compartindo stand co colectivo Epicentro. Alí porá a venda os tres números da serie realizados ata o de agora e posiblemente un novo proxecto que ten xa case ultimado. Ademais, Gochi infórmanos do seu segundo premio no concurso de BD de “Ciudad de Dos Hermanas”, en Sevilla.

Máis información sobre “Hotel Diablos” no web da serie; web de Cerditos de Guinea; máis sobre Valhala Cómics no correo do grupo