Investigamos a cultura dun dos barrios máis dinámicos de Santiago de Compostela

San Pedro: Cultura de barrio

10/3/2005 | Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
27 lecturas | Compartido 0 veces
Aínda que o concepto de cultura tente a estar asociado a institucións, persoas e lugares concretos, que ocupan o seu lugar nos medios e se moven en determinados círculos, a cultura está presente na nosa vida cotiá a través de múltiples formas. Deste un punto de vista puramente físico, acoutamos unha zona e procedemos a explorar polo miúdo as formas que adopta nela a cultura. Sen pretender facer un estudo exhaustivo, presentamos unha relación da cultura que bole nunha zona de Compostela. O barrio de San Pedro, por exemplo.
Coñecido historicamente coma o barrio de San Pedro de Fóra pola súa situación no exterior da murallas de Compostela, esta zona da cidade comprende unhas poucas rúas que bordean o tramo final do Camiño Francés que transcorre polas rúas de Concheiros a propia Rúa de San Pedro. Canda a esta, a Rúa do Medio e a Rúa de Bonaval son as tres vías paralelas que conforman o eixe de entrada ao barrio. Destas xorden algunhas travesías perpendiculares que as intercomunican e vías laterais coma a Corredoira de San Pedro que chega ao convento de Belvís. No remate superior deste eixe, a praza do Cruceiro de San Pedro constitúese coma un centro no que conflúen rúas coma Concheiros, Lagartos, a Costa do Veedor ou a Corredoira das Fraguas ata dar nunha trama no que os límites poden resultar confusos para o visitante, pero no que os nativos saben claramente o que é e o que non é San Pedro. A localización do barrio entre grandes posesións eclesiásticas coma as hortas dos conventos de Bonaval e de Belvís levou a que o lugar permaneza en certa medida separado do resto da cidade e permitiu a súa supervivencia coma un lugar de casas unifamiliares baixas de feitío tradicional que contan en moitas ocasións cunha pequena horta na parte traseira. Isto permite observar moitos dos riscos da arquitectura tradicional urbana en Galicia, onde as casas máis rústicas alternan coas galerías das construcións de comezos do século XX e, nas zonas máis afastadas destes centros, con edificios máis modernos e xeralmente modestos.

Patrimonio nos Estados Unidos
A nivel patrimonial San Pedro conta con construción destacadas coma a igrexa parroquial, a igrexa da Angustia ou o convento de Belvís. O adro da igrexa parroquial estivo a piques de acoller un parque arqueolóxico ao se descubrir unha destacada necrópole medieval cando se acondicionaba a zona, aínda que o concello descartou finalmente o proxecto. Para alén do cruceiro que dá nome á praza repártense polo barrio pequenos restos medievais, escudos integrados nas casas e marcas de confrarías talladas sobre as portas dan fe da antigüidade do lugar. Ata ven entrado o este século, o barrio era coñecido coma "Os Estados Unidos" polos composteláns. O padre Tojo Botana, párroco de San Pedro, ve a razón deste alcume en que "a parroquia estaba dividida. A parte dereita da rúa de san pedro e de Concheiros pertencía a Sar e a parte de arriba a Santa María. E logo en cada barrio había unha festa, na Trisca facían unha, na Angustia outra, cada un andaba un pouco ao seu ar. Supoño que haberá outras razóns pero eu xa desde rapaz, de cando estaba no Seminario Menor xa ouvía falar destas cousas".

Zona de paso
Aínda que a situación do barrio como zona tradicional de entrada á cidade decaeu coa ampliación de distintas vías de comunicación, a construción hai uns quince anos do barrio de Fontiñas xusto no límite de San Pedro, deu unha nova vitalidade a zona, segundo os veciños. A construción no novo núcleo dunha grande cantidade de vivendas, canda a un amplo centro comercial, os cines e outros servizos fixeron de novo que a rúa de San Pedro fose unha vía de paso case obrigada para unha grande cantidade de composteláns. "Desde hai dez ou quince anos a rúa converteuse nunha vía de enlace da cidade co barrio de Fontiñas. Non podedes imaxinar a cantidade de xente que pasa por esta rúa", explica Suso Cova, do Dezaseis.

Nova actividade
A importancia que está a conseguir o barrio como zona de paso está a provocar nos últimos anos un incremento da actividade. Camisetas de Once Varas, a galería DF Arte Contemporánea ou os arquitectos de Ese Estudio, todos eles con pouco máis dun ano de existencia son algúns dos exemplos de novos locais que, se van incorporando á zona. Entre as propostas máis recentes está Laboratorio de Movementos, o centro de ensino desta disciplina que Branca Novoneyra abría neste marzo de 2005 na Rúa do Medio. "Buscaba un espazo pequeno pero baleiro, e encontrei este antigo almacén de fontanaría. O barrio está moi ben ubicado e comunicado e agardo atraer xente dos barrios próximos. Alén diso, eu vivo preto", explica. Dun xeito semellante, Fernando Lema, de Once Varas, explica que "O alugueiro é bastante barato, o local era un almacén", e desde DF Arte Contemporánea apúntase que "está a haber bastante movemento nesta zona".

S. Pedro de noite
A nivel de vida nocturna San Pedro non conta con pubs nin con locais destacados fóra de varios restaurantes. Segundo comenta Suso Cova, cando abriu o Dezaseis, "estaba o restaurante San Clodio e pouco máis de actividade hostaleira fóra das tabernas tradicionais que quedaban". Na actualidade, o panorama non mudou moito. No entanto, o barrio mantense coma un referente na noite compostelá grazas á actividade da Murga Os Estalotes. Segundo explica Morgan, un dos fundadores deste colectivo de músicos, "O núcleo duro naceu hai uns dez anos con persoas que formábamos parte da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos. Xuntabámonos para tocar e logo quedabamos para tomar uns viños e cantábamos polos bares. Aos poucos foise instituíndo unha ruta, foi entrando xente nova e un día puxémoslle o nome". Na actualidade os Estalotes, xa constituídos como asociación cultural, animan as noites de San Pedro indo cada venres por locais coma o Triacastela, o Cruceiro, o Lalín ou Pampín, nunha ruta prefixada durante a que se interpretan pezas de música tradicional, sempre abertos á colaboración de cantantes e bailaríns espontáneos que estean no lugar. Para facilitarlle o traballo aos que descoñecen boa parte destas letras, este colectivo editou nos últimos anos dúas publicacións que recollen boa parte do seu repertorio cantado. Os Estalotes son tamén responsables da ambientación musical das festas que se celebran na zona, e a súa fama tenos levado a visitar países coma Francia, Polonia ou Portugal. "Vas coñecendo xente que nos convida aos sitios", explica Morgan.

Centros de cultura
De entre as asociacións e espazos que acolle o barrio, destaca o Centro Xuvenil don Bosco. Vencellado á orde relixiosa dos Salesiano, o amplo local, acolle as actividades de varias asociacións e de parte dos equipos deportivos da zona e funciona como punto de información xuvenil, centro de formación de monitores e directores de tempo libre e oficina do Servizo de Voluntariado Europeo en Compostela, entre outras actividades. Durante anos, mesmo mantivo unha radio de barrio e aínda que na actualidade as reformas que están en marcha nas instalacións obrigaron a reducir as actividades, os responsables agardan ampliar en breve as súas propostas. Outros centros que destacan no campo sociocultural son a Libraría Pedreira, unha das máis coñecidas da cidade, que se sitúa na rúa do Home Santo, o Centro Sociocultural de Belvís e, máis recentemente, o Centro de Documentación do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, que ten a súa sede na Rúa da Angustia desde o pasado mes de febreiro.

Colectivos
Unha das grandes peculiaridades que ofrecen San Pedro a pouco que se olle é a importancia do asociacionismo na zona. Alén do alto número de colectivos que teñen no barrio a súa sede, dáse o fenómeno de existir unha Coordinadora de Barrio que se encarga de montar actividades coma o magosto, a festa de San Xoán ou o Entroido, e que ampliou as súas actividades ata a recuperación das festas patronais que se celebraron pola primeira vez no ano 2004 logo de dez anos de ausencia. Asociacións tan dispares coma Don Bosco, A Xuntanza, Lilith, Interred, A Asociación Galega de Fibromialxia, A Coral A Xuntanza, a empresa de animación Cooperactiva, a Casa Encantada e a biblioteca do barrio colaboraron no labor a través deste organismo. Desde a Asociación Veciñal A Xuntanza, Concha de la Fuente, sinala que "non podería dicir categoricamente se aquí hai un maior tecido asociativo do que noutros lugares, o que sei é que en San Pedro funcionase moi ben. Conseguimos que houbese coordinación co Centro Sociocultural da Trisca e estamos traballando conxuntamente sen que se solapen actividades.", destaca. "Estase conseguindo que todo o todo o mundo se relacione e haxa resultados. A xente está arroupada e sabe onde acudir para encontrar actividades". Concha é consciente de que "ao se basear a actividade no traballo voluntario hai épocas mellores e peores, depende do tempo da xente", pero recoñece que o 2004 "coa celebración das festas foi un ano moi completo, traballouse moi duro".

Nos últimos anos
Logo dunha serie de obras públicas que se prolongaron durante varios anos e que levantaron varias veces o pavimento de toda a rúa, a zona parece estar vivir unha reactivación. De la Fuente apunta que "San Pedro está sendo un punto de referencia da cidade, estase achegando xente de todo tipo e o barrio está a se facer apetecible nun sentido bonito estanse remodelando moitas casas e ven xente nova, mentres continúa na zona moita xente maior. Estanse dando bastantes contrastes, sobre todo cos inmigrantes que se están a achegar nos últimos anos". No mesmo sentido maniféstase Fernando Lema, de Camisetas de Once Varas, sinala que "creo que de tres anos para acó está mudando moito, están a se restaurar moitos edificios".

Problemas e melloras
Hai cinco anos, os diferentes puntos de vista sobre a situación do barrio e a diminución das liñas de transporte urbano na zona deron lugar ao nacemento da Asociación de Veciños Amigos de San Pedro. Desde este colectivo defenden a necesidade de mellorar este servizo, alén de reclamar a atención para unha zona que consideran esquecida en grande medida polo Concello. "Ao reurbanizar a zona non se ampliaron as beirarrúas, hai problemas de infraestruturas e somos unha zona moi insegura" sinala Regina Quiñoy, responsable desta asociación. Canda ás reclamacións de melloras, este colectivo organiza excursións culturais "cinco ou seis no ano" para coñecer outras cidades, e actividades coma cursos de fontanaría, masaxe ou relaxación no centro sociocultural da Trisca. Onda este centro, no parque da Trisca, celebran tamén o seu propio magosto e a festividade do patrón "opoñémonos a que se corte o tráfico e se amole aos veciños que non queren ter a festa ao carón da casa", sinala. A visión sobre boa parte da problemática do barrio é compartida desde A Xuntanza. "Estamos pendentes de que obren en Belvís, na rúa de Betanzos, no Home Santo... Ademais hai que atender as necesidades de moita xente maior que vive no barrio e da comunidade inmigrante que se está asentando", explica Concha de la Fuente.

En breve
No futuro máis inmediato, está xa en marcha a preparación das festas do barrio para o ano 2005. Nos tres primeiros días de xullo de novo haberá concertos, foliadas, un pasarrúas de cabezudos (elaborados por un dos veciños do barrio), verbena o segundo día coa orquestra Costa Dorada, actividades infantís e romaría, repetindo aproximadamente as actividades do ano pasado e cortando de novo, por un día, o tráfico na rúa. Do mesmo xeito que no pasado ano se realizaron proxeccións de fotografías antigas do barrio e dos seus habitantes, recuperadas polos propios veciños, a Comisión de Festas prepara algún tipo de proxección multimedia e quere decorar a rúa. Dun xeito semellante, desde Oncevaras preparan unha nova camiseta en homenaxe ao barrio, coma a que o ano pasado publicitaba San Pedro coma "posiblemente o mellor barrio do mundo" imitando as letras dunha coñecida marca de cervexa. Sobre o grado de razón que leva a mensaxe, mellor pasar a ver o lugar.

Universo culturagalega.gal