Existe unha Historia que non está nos libros, que só existe na cabeza das súas testemuñas e protagonistas e que só eles poden contar. O auxe que está a ter nos últimos anos a recuperación da memoria histórica vencellada á Guerra Civil e á represión franquista está a mover a moita xente, historiadores ou simples interesados, a falar cos maiores e coñecer as súas historias sobre uns feitos que a miúdo non está aínda claros abondo. A realización destas entrevistas require todo un método de traballo que nos explican os propios investigadores.
........Tema suxerido por unha lectora........
O emprego das fontes orais non é unha novidade para a investigación histórica en Galicia. Desde 1986 Historga (Historia Oral de Galicia), un grupo da Facultade de Historia da Universidade de Santiago traballa neste campo recuperando historias de vida e experiencias referidas maioritariamente ás experiencias da emigración, da Segunda República, da Guerra e da represión. O xeito máis habitual de conseguir esta información é a través de entrevistas gravadas. Onda estes investigadores, cada vez son máis a persoas que se achegan a vilas e aldeas armadas con gravadoras para conseguir información sobre épocas pasadas a partir das voces e das lembranzas dos máis vellos. Investigadores da historia local, coma Manuel Igrexas no Deza ou Xerardo Agrafoxo na zona de Noia empregan de xeito habitual estas fontes, e desde os diferentes colectivos de recuperación da memoria histórica está a se impulsar este xeito de traballo. É caso do grupo de Chantada que leva seis meses a traballar neste campo recuperando tanto fondos orais coma documentais. Nos últimos anos estáselle a prestar moita máis atención, o que é algo absolutamente necesario, explica Xurxo Pantaleón, un dos investigadores de Historga.
Primeiros pasos
Os investigadores que empregan habitualmente este tipo de fontes coinciden en afirmar a importancia da documentación previa á entrevista. Para Xurxo Pantaleón "o primeiro a saber sobre historia oral é que se debe coñecer o que xa se sabe, para logo ver o que é máis útil saber". No mesmo sentido Manuel Igrexas salienta a maior eficiencia das entrevistas realizadas cun coñecemento previo do tema a tratar. "Se xa tes algunha información podes ir orientando e organizando a entrevista, se non o resultado é moi pobre. Teño probado algunha vez a facer entrevistas sen documentarme previamente e repetir unha vez estudado o tema, e as diferenzas son enormes". No mesmo sentido se manifesta o "Protocolo de entrevistas para unha videoteca da memoria" que a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica ten colgado no seu web e que foi elaborado polos profesores de Antropoloxía Francisco Ferrándiz e Luís Elguezabal, da universidade de Deusto.
Achegarse
Un dos problemas básicos aos que se enfrontan os interesados en facer entrevistas deste tipo é o acceso ás fontes de información. "O xeito de se achegar á xente depende moito do tema", explica Pantaleón. "O sistema máis habitual é encontrar unha persoa que queira falar e que ese informante vaia subministrando coñecidos e parentes que tamén poidan informar", e é que a miúdo o xeito máis efectivo de chegar a alguén é a través dos seu círculo de coñecidos. A dispoñibilidade da xente para contar a súa historia varía enormemente. "Hai moita xente disposta a falar" asegura o membro de Historga. "Hai temas sobre os que se conta sen ningún problema, outros que crean máis reservas, e logo hai determinadas cuestións coma a Guerra Civil ou a Emigración para os que algunha xente ten mesmo a vontade deixar testemuño da súa vivencia". Na experiencia de Manuel Igrexas "hai unha certa reticencia e a miúdo negativas absolutas a falar sobre a guerra", explica "mesmo encontrei xente que fisicamente non podía falar, e iso é algo que non acontece cando fas entrevistas sobre tradicións e costumes". Felisa Sales Font, do grupo de recuperación de Chantada, apunta que nos informantes se dan as dúas actitudes extremas "Hai persoas que teñen moitísimas reticencias a falar, que non queren dar nomes nin darse a coñecer, mais hai outras que abren totalmente o seu corazón". Deste este colectivo están a barallar a organización de actividades para coñecer mellor os mecanismos que producen estas reaccións. "Queremos tentar que algún psiquiatra dea unha conferencia para explicarnos este proceso, explica Sales, "porque ás veces é como se os entrevistados se sentisen culpables da dor que pasaron, e non falan destes temas nin dentro da propia familia".
Protocolo
No protocolo da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, saliéntase a importancia de crear un clima de confianza á hora de abordar estas actividades. Entre outros factores, os autores apuntan as posibilidades que achegan os escenarios en que se fai a entrevista para evocar lembranzas ou para facer que o informante se sinta cómodo. No mesmo texto recomendan comezar a conversa explicando os fins da entrevista e ir avanzando desde os temas máis xerais ás preguntas máis profundas, tendo en conta que a miúdo se tratan temas cunha alta carga emotiva. Segundo explica José Cabañas, membro deste colectivo en Ourense "este protocolo elaborouse contando con experiencias semellantes de recuperación da memoria das ditaduras en Arxentina ou Chile".
Fiabilidade
O coñecer a Historia a través de quen a viviu non debe facer pensar que estas fontes son enteiramente fiables. Fallos na memoria ou na percepción do vivido ou a tendencia da mente a completar as lembranzas para lles dar unha maior coherencia son aspectos que se deben ter en conta. Neste sentido, Pantaleón destaca a necesidade de contrastar estas fontes. "O contraste da fonte oral é o mesmo que para outras fontes. É tópico que a xente minte, pero tamén poden mentir e estar manipuladas as fontes de arquivo". Pola súa banda, Igrexas amósase crítico co emprego único de fontes orais para a investigación. "Penso que son necesarias mais sempre dun xeito complementario, e que a fonte fundamental debe ser a documentación, sen ter tampouco unha fe cega nela. O emprego único de fontes orais pode levar á terxiversación dos feitos". A respecto dos problemas asociados á memoria das persoas salienta que "o Franquismo fixo un labor moi bo de desmemoria. A xente recorda de xeito moi parcial moitos feitos, e a miúdo a resposta xa está moi elaborada", sinala o investigador do Deza, que lle apón esta elaboración ao feito de tratarse a miúdo feitos traumáticos sobre os que os informantes precisaron reflexionar para os superar. "Non encontro só xente que me explica os feitos, senón tamén interpretacións desde os dous bandos. Penso que a ese nivel é moi útil a historia oral, pero máis coma unha historia das mentalidades que amosa a visión que a xente tiña de determinados feitos, persoeiros e institucións".
Pórse a traballar
"A un neto que ten un avó que participou na guerra recomendaríalle que falase con el e que aprendese todo do que poida desa persoa", apunta. De cara a facer unha entrevista "ao mellor sería interesante que falase co seu mestre e que fixesen algún tipo de actividade para realizar unha recollida organizada do material, ou que contactase con algunha das organizacións de recuperación da memoria histórica", recomenda. Para alén destas orientacións, na facultade de Historia da USC realízanse, no marco do Historga, seminarios de metodoloxía para optimizar a recollida de información con este método. "As persoas que traballamos nisto non o podemos facer todo de vez. Cómpre un esforzo para recoller aínda un patrimonio que temos aí e que se pode conseguir. Ás veces chegamos tarde, e quedarán baleiros que xa serán imposibles de cubrir", asegura Pantaleón.