Ernesto González Seoane foi escollido novo academico da RAG

Ocupará a vacante de Bernardino Graña

13/10/2025 | Santiago. Redacción | Seccións: lingua
54 lecturas | Compartido 0 veces

Xosé María Gómez Clemente e Ernesto González Seoane.

Ernesto González Seoane (O Barqueiro, 1962) foi designado novo membro de número da Real Academia Galega, ocupando a vacante producida pola defunción do poeta Bernardino Graña. González Seoane é na actualidade vicerreitor de Profesorado da universidade de Santiago, e foi director do Instituto da Galega entre 2013 e 2018. González Seoane é especialista en lexicografía e estandarización do galego, e na súa investigación tamén ten dirixido ou participado no desenvolvemento de diversas ferramentas con corpus do galego moderno e contemporáneo, como Gondomar, o Tesouro Informatizado da Lingua Galega ou o Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués. Ao tempo, a Real Academia tamén escolleu ao profesor da Universidade de Vigo Xosé María Gómez Clemente como académico correspondente, especialista en neoloxismo.
Por outra banda, a Real Academia Galega vai homenaxear a Paco Martín nos corenta anos da publicación dunha novela de gran impacto na literatura xuvenil galega, Das cousas de Ramón Lamote. Será o 15 de outubro no Círculo das Artes de Lugo, nunha xornada que comezará ás 17.30 horas. "Con este acto, a RAG recoñece as achegas de Paco Martín á literatura infantil e xuvenil galega, as súas contribucións a situala como parte da Literatura, con maiúsculas, e en ningún modo menor", destacou a directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre. O programa parte dunha conversa entre Paco Martín e a tradutora e crítica Isabel Soto, seguida dunha intervención de Lois Pérez e o tradutor Alejandro Tobar.

Universo culturagalega.gal