O 'SiSONS Enclave Musical' volve favorecer o encontro entre a industria musical e a cidadanía

Entre o 15 e 0 18 de outubro ofrecerá en Santiago xornadas para profesionais e concertos abertos

Entre o 15 e 0 18 de outubro ofrecerá en Santiago xornadas para profesionais e concertos abertos
A presentación das xornadas no Pazo de San Roque contou coa presenza de Julio Abalde Alonso (Subdelegado Goberno A Coruña); Valentín García Gómez (Secretario Xeral Política Lingüística Xunta de Galicia); Jacobo Sutil Nesta (Director AGADIC); Natividade González (Cultura Deputación Coruña); Xaquín López (Director Auditorio Galicia) e Miguel Dieguez ( Director SGAE da zona noroeste)
A quinta edición do encontro SiSONS Enclave Musical, ofrecerá do 15 ao 18 de outubro en Santiago de Compostela catro xornadas de showcases, mesas profesionais e 12 concertos, moitos deles abertos ao público. Distintos espazos da capital galega acollerán as actividades deste evento cun formato que combina actividades profesionais e programación aberta a toda a cidadanía: Casa das Máquinas, salas Borriquita de Belém e Riquela, parque de Bonaval, pazo de San Roque, Sala Capitol e sede da fundación Sociedad General de Autores y Editores.

As xornadas profesionais, que se celebrarán entre o mércores 15 e o venres 17, incluirán paneis sobre dereitos de autor, apoios á industria musical e festivais internacionais. Nestes encontros participarán representantes da Sociedad General de Autores y Editores, da Asociación Española de Editoras de Música, da Asociación Cultural Coordinadora Estatal de Salas Privadas de Música en Directo, da Asociació Professional de Representants, Promotors i Mànagers de Catalunya, de Esmerarte Industrias Creativas, TaxMM, da Oficina Europa Creativa Cultura, do Centro de Coordinación de Industrias Culturais e do Instituto Cubano da Música. Ademais, haberá espazos de networking, presentacións de proxectos e roldas profesionais de pitching.

O programa artístico confórmano as sete propostas seleccionadas para os showcases: Kreze, Francisco Moreira, Crúas, Melón Jiménez e Lara Wong, Neval, Aksak e os concertos de SeKadra e Leni Pérez, Bala + Acouga + Adhara&Ritman, Exeria + Billy Flamingos + De Ninghures. Estes dous últimos, os días 16 e 17, con localidades á venda para a Sala Capitol. Ademais, desde Extremadura, e grazas á colaboración coas Jornadas Profesionales de Música desta Comunidade, chegarán KMKR e Alexia. Pechan a programación as bandas Lenda Ártabra, Fiandola, Coanhadeira e Maghúa que actuarán o sábado 18 no escenario do Parque de Bonaval, nunha xornada con acceso de balde desde ás 13,00 horas. Dende a súa creación en 2016, SiSONS Enclave Musical, organizado pola empresa MusicArte e a Asociación Cultural Tres por Cuatro, consolidouse como un proxecto singular dentro do panorama cultural galego, cun formato híbrido no que a vertente industrial se completa coa divulgativa.