Os programadores musicais están convocados ao IVº SiSons

O encontro profesional da industria musical terá lugar en Santiago entre os días 16 e 19

A industria musical galega ten unha cita desde este mércores en Santiago de Compostela co gallo do cuarto encontro SiSons Enclave Musical, que desenvolverá un intenso programa de actividades profesionais e de concertos, abertos tamén ao público xeral de xeito gratuíto. As xornadas, que terán lugar do 16 ao 19 de outubro, a están organizadas pola empresa MusicArte e a Asociación Cultural Tres por Cuatro e apoiadas desde a Xunta a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e desde Concello de Santiago de Compostela e Deputación da Coruña. O Auditorio Abanca, a Borriquita de Belém, a Casa das Máquinas, o Centro Galego de Arte Contemporánea, a sede da Fundación SGAE, o Museo do Pobo Galego e a Sala Riquela son os espazos que acollerán estes catro días de actividade arredor da industria musical galega.

Como en anos anteriores, a programación de SiSons Enclave Musical reunirá destacados profesionais da música, tanto de dentro como de fóra da nosa Comunidade, así como responsables da programación cultural de teatros, auditorios, salas, ciclos ou festivais de diferentes estilos. O público xeral tamén poderá asistir ao encontro de balde, previa reserva de entradas na web. Terá así acceso aos showcases e concertos dos 15 grupos e artistas seleccionados, a meirande parte deles con sede en Galicia. É o caso de Maghúa, GDjazz, As Lembranzas, La Toñi, Supeglú, Berta Franklin, Espiño, Söa e Abril, banda esta última que actúa no SiSons como integrante da segunda edición da aceleradora musical Sonemerxente, promovida pola Xunta en colaboración coa Fundación Paideia Galiza. Ademais, desde Estremadura chegarán a Santiago Sanguijuelas del Guadiana e Drorapta, e desde Baleares, Billy Flamingos.

A programación inclúe, así mesmo, varios paneis profesionais dedicados á internacionalización, ao papel das asociacións sectoriais e das administracións públicas, á distribución dixital e dereitos de autor, e á música doutras latitudes, que neste caso se centrará en Cuba. Os participantes poderán asistir igualmente a diferentes sesións de networking, así como aos pitchings dos seguintes proxectos: Elas Son Artistas, MIP Músicas Inclusivas, Música y Memes. Monocuchillo, Artyc, Boa Música, El 4º Sentido e Depresión en La Cabina.